Galicia fomenta as vocacións dixitais entre os máis novos
- A estratexia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está dirixida a estudantes, titulados e profesionais co obxectivo de adaptarse ás transformacións tecnolóxicas
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, segue crecendo coa posta en marcha do Programa de Webinars TransformaTech Sessions, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego a través de Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O ciclo de webinars arrinca neste primeiro trimestre do 2022 e estenderase ata o mes de outubro de 2022 cun amplo programa de relatorios en continua actualización, contando coa participación dos profesionais expertos das principais empresas tecnolóxicas galegas e dos colexios profesionais do ámbito dixital.
Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen gran impacto na sociedade dixital. O Big Data, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión ambiental serán algúns dos temas para tratar, con contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces e rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.
O ciclo de webinars abre xa a súa inscrición aos primeiros relatorios para os máis novos. As xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo. Con isto, búscase achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes dunha maneira dinámica, xerando espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquietudes.
Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia
Con este tipo de actuacións, Galicia segue poñendo o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás, onde destacan as actuacións dirixidas a centros educativos. Neste campo, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, no que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade.
Pola súa banda, Altia Consultores vén de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos gocen ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do Data Center de Altia situado en Vigo.
Fomento dos novos perfís dixitais
Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos no campo das novas tecnoloxías.
En liña con este eixo estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT Data suman esforzos coa Amtega para impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent atópase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.