• Presentáronse 114 propostas de 23 países diferentes e só seleccionáronse 11 para participar en 'Panoramix', unha app "madura e consolidada" para a detección de deterioración cognitiva en maiores
01
Apr
2022

A Universidade de Vigo será a única universidade europea que participará nas probas de demostración da principal plataforma europea de e-saúde. Tras presentarse 114 propostas de 23 países diferentes, só foron seleccionadas 11, dez empresas e unha universidade, a de Vigo, converténdose na única institución educativa europea, das 20 presentadas, seleccionada para participar nas probas de demostración da tecnoloxía desenvolta por Gatekeeper, un dos grandes consorcios internaciones sobre e-saúde financiado pola Comisión Europea con 21,3 millóns de euros.

O logro conseguiuse grazas ao traballo desenvolto polo grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos do centro de investigación atlanTTic, autores de Panoramix, unha aplicación, explican desde a Universidade, "moi madura e validada" que axuda a detectar a deterioración cognitiva en persoas maiores.

Gatekeeper lanzou a convocatoria para a integración de solucións externas a comezos de 2021, polo que desde verán attlanTTIC está a traballar para preparar esta aplicación para transferir os datos que xera a ferramentas externas, neste caso desenvoltas por Gatekeeper.

Esta iniciativa ten como obxectivo conectar todos os actores da contorna sanitaria a través dunha plataforma aberta, que permita aproveitar todo o potencial das novas tecnoloxías para mellorar os servizos sanitarios que se ofrecen a unha poboación cada vez máis envellecida.

"Estamos moi contentos porque foi un proceso moi competitivo no que se aceptaron menos do 10% das propostas. Para nós foi un reto especialmente complicado porque competimos, sobre todo, con grandes empresas biotecnolóxicas, con produtos en moitos casos consolidados no mercado e cunha infraestrutura e recursos moito maiores que os nosos", reivindicou o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Luís Anido.

Videoxogos ‘terapéuticos’: “moito máis alá do puro entretemento”

O obxecto da colaboración con GateKeeper é incorporar a batería de xogos Panoramix á infraestrutura de Gatekeeper. “Panoramix é un conxunto de xogos serios, é dicir, videoxogos que van máis aló do puro entretemento, que empregan Aprendizaxe automática para poder identificar, a partir de como xoga unha persoa, unha potencial situación de deterioración cognitiva, que mesmo pode derivar en alzhéimer”, explica o investigador.

O obxectivo final é que os xogos de Panoramix poidan ser descargados desde Gatekeeper, como calquera outra ferramenta médica das que se ofrecerán desde esta plataforma. Ao mesmo tempo, están tamén traballando para que os datos que se obteñen dos xogos, “convenientemente tratados e protexidos desde o punto de vista legal”, poidan ser incorporados aos almacéns de datos de Gatekeeper e utilizados como un elemento máis para a realización dun diagnóstico médico integral.

Compartir