Máis de 500 mozos xa tiveron a oportunidade de gozar dunha BEME. Ti podes ser o seguinte!
- Estas bolsas, promovidas polo goberno galego, ofrecen a posibilidade de volver a Galicia a centos de mozos da diáspora. A Asociación de Mozos Emigrantes é un bo exemplo do seu resultado
- Hoxe, último día para solicitar unha das 150 prazas convocadas para o próximo curso
Aquelas imaxes en branco e negro de miles de galegos embarcando en enormes buques que ofrecían un futuro tan incerto como cargado da esperanza que provoca o descoñecido, cobran hoxe a cor do moderno. Da mocidade da diáspora, herdeira dunha historia que, en moitos casos, quere volver ás súas raíces. É o caso dos centos de mozos galegos que, ata a data, volveron a Galicia grazas ás bolsas BEME, unha iniciativa posta en marcha polo goberno galego para cursar nalgunha das tres universidades da comunidade os estudos de post grao.
Ata a data, máis de 500 mozos tiveron a oportunidade de volver a Galicia grazas a un programa que arrincou en 2017, cando chegaron á comunidade os primeiros cen bolseiros da modalidade de máster, cifra que se volveu a repetir na convocatoria de 2018, mentres que en 2019 o número ampliouse a 150. Ademais, nos dous últimos exercicios ofertáronse outras 200 prazas de FP, que permitiron traer de volta a Galicia por centos beneficiarios que, en moitos casos, retornaron acompañados das súas familias.
Un bo exemplo de todo isto é a Asociación de Mozos Emigrantes, creada a finais do ano pasado co obxectivo de crear lazos que favorezan a integración social en Galicia dos beneficiarios destas bolsas BEME, e doutros mozos do exterior que decidan vir á comunidade para continuar a súa formación. María Belén Rosbier.
Unhas 20 persoas integran neste momento a asociación, encabezada pola arxentina María Belén Rosbier, bolseira BEME, que esta semana se reunía co secretaría xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, para analizar a situación actual deste colectivo.
Ultimo día
A cuarta convocatoria desta Bolsas Excelencia Mocidade Exterior ( BEME) pecha na medianoite de hoxe o prazo de solicitudes despois dunha ampliación para facilitar o acceso ao programa por mor das restricións derivadas da epidemia de Covid-19.
Como o ano pasado, as BEME ofrecen 150 prazas para estudar un máster nas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. A bolsa está dotada con importes que oscilan entre os 7.000 e os 11.475 euros en función da orixe do beneficiario e da duración do máster elixido.