- O líder popular revalida a súa vitoria igualando os 41 deputados de 2016
- O voto exterior decidirá o último escano pola provincia de Pontevedra
A enquisa a pé de urna abriu unha físgoa para as dúbidas: a pinza da TVG outorgaba ao PP de Alberto Núñez Feijóo entre 37 e 40 deputados. Un por baixo da maioría absoluta no peor dos escenarios posibles. Con todo, o reconto resultou finalmente esclarecedor, e elevou a Feijóo á categoría de Manuel Fraga. Que en Galicia, e en política, son palabras maiores: cuarta maioría absoluta para o líder popular. E a máis folgada: máis dun 48% das actas e o mesmo número de deputados, 41, que os obtidos en 2016.
En segundo lugar sitúase o BNG, con Ana Pontón á cabeza, a outra gran triunfadora desta noite electoral. Os nacionalistas, que ameazaban co ‘ sorpasso’ en días previos, materializárono finalmente e de modo moito máis folgado do que puidese apuntar calquera enquisa: preto dun 24% dos votos, máis de 300.000 papeletas sumadas e 19 deputados.
En terceiro lugar quedouse o socialista Gonzalo Caballero. O PSdeG suma 15 deputados, un máis que hai 4 anos, e sube un 1,5% a súa porcentaxe de votos.
Con todo, sempre alguén pode estar peor. É o caso de Galicia En Común – Anova Mareas, o que no seu día foi Podemos e fai catro anos En Marea: pouco máis de 50.000 votos en toda a comunidade, cun 3,9% que non lle dan para obter un deputado.
Galicia rexistra así un Parlamento doutra época, daquela na que aínda imperaba o bipartidismo. Aínda que, nesta ocasión, co BNG como referencia na bancada da oposición. O que non cambia é o gañador: por cuarta vez, Alberto Núñez Feijóo.
O voto exterior decidirá un escano en Pontevedra
O resultado aínda pode oscilar na provincia de Pontevedra, onde aqueles galegos do exterior que solicitedes e fagades efectivo o voto decidiredes o último deputado. Nestes momentos, o Partido Popular suma 10 deputados nesta provincia, pero está a só 45 votos de recuperar unha acta, o que elevaría a 42 a súa cifra total na Comunidade.
Durante o proceso electoral, foron 3.496 residentes no exterior censados na provincia os que solicitaron o seu voto. Falta agora por ver cantos se fixeron efectivos realmente. A cifra, xa dificultada polo ‘voto rogado’, viuse afectada nesta ocasión por mor de a crise do Covid-19.