• O proxecto Connect-19 ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras galegas, que contribúan a reducir o impacto social e económico do coronavirus
30
Jun
2020

Galicia segue dando pasos na batalla contra o Covid-19. Unha vez superado o momento máis crítico da pandemia ata a data, e coa recentemente estreada ‘nova normalidade’, a rexión traballa en distintos proxectos innovadores que permitan afrontar o futuro con garantías.

Entre estas iniciativas, figura o Connect-19, un proxecto impulsado pola Xunta e o Parque tecnolóxico de Galicia, que ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras galegas, que contribúan a reducir o impacto social e económico do coronavirus.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou estes días que a iniciativa busca colaborar co tecido innovador galego ante a nova situación xerada polo coronavirus. “O novo contexto, caracterizado por novas dinámicas de mercado, pode transformarse nunha oportunidade de negocio para as pemes innovadoras galegas”, expón.

Precisamente para impulsar esa transferencia de innovación ao mercado e converter esta conxuntura nunha oportunidade de xerar valor económico, emprego e solucións ás novas demandas sociais e industriais, nace esta aceleradora especializada en comercialización.

20 pemes galegas
 
A iniciativa Connect-19 está dirixida a pemes galegas innovadoras ou de base tecnolóxica pertencentes a calquera sector. As candidatas teñen de prazo ata o 10 de xullo para presentar o seu proxecto, e contar cun produto ou servizo innovador, que poida contribuír a reducir o impacto producido pola pandemia pola covid-19, de comercialización inmediata ou que se atope xa no mercado pero que precise un impulso para o seu posicionamento.

Poderán participar ata 20 pemes, que recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica e potenciarán a súa capacidade de captación de financiamento, seguindo unha folla de roteiro personalizado enfocado ao fortalecemento do seu acceso ao mercado.

Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións referentes ás normas e directivas sanitarias, así como para avanzar na súa comercialización e internacionalización, identificando novos mercados potenciais, e para a captación de socios investidores.

¡VEN A GALICIA! ¡O SECTOR TIC NECESÍTACHE!
Compartir