Unha tese de Galicia, entre as mellores do mundo en química biolóxica

  • Supón un novo avance na investigación de metalienzimas artificiais activas para tratar enfermidades como o cancro
20
May
2022

A Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (Iupac) e o grupo Solvay outorgou a Soraya  Learte, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS), un premio por elaborar unha das mellores teses do mundo en química no ano 2021.

En concreto, o traballo desta investigadora -baixo a supervisión do profesor José Luis Mascareñas- aborda o deseño de novas encimas artificiais para o seu estudo en diferentes aplicacións no campo da química biolóxica. Supón un novo avance na investigación de metalienzimas artificiais activas para tratar enfermidades como o cancro.

A tese, que leva por título 'Metalopéptidos e metaloproteínas en química biolóxica: da unión ao ADN á catálisis intracelular', foi desenvolta plenamente no CiQUS e recibiu a cualificación de sobresaliente 'cum laude' e a mención europea.

Este premio naceu no ano 2000 co obxectivo de alentar a mozos investigadores ao comezo das súas carreiras científicas. Este premio outórgase a teses destacadas na área da química. O comité de selección estivo presidido por Christopher Brett, ex presidente da UIPAC e composto por membros desta entidade, ademais dun asesor científico senior de Solvay, todos eles con ampla experiencia no campo da química.

Tese dobremente premiada

A investigación de Soraya Learche tamén foi recentemente premiada pola Real Sociedade Española de Química como a mellor tese do grupo de Química Biolóxica na convocatoria do 2021. Este premio da RSEQ está dotado con 800 euros e a posibilidade de presentar a tese en forma de comunicación oral na seguinte bienal do Grupo Especializado en Química Biolóxica GEQB- RSEQ Valencia 2022.

Compartir

Galicia creará máis de 45.000 novos empregos ata finais de 2023

  • Sobre o perfil dos ocupados, o emprego durante os dous próximos anos aumentará máis en mulleres (3,2% e 2,4%), en inmigrantes (4,2% e 2,8%) e para maiores de 35 anos (3,5% e 2,2%)
19
May
2022

Galicia creará ao redor de 46.000 novos empregos entre este ano e o 2023 segundo os datos do estudo realizado pola multinacional Manpower Group sobre perspectivas na creación de emprego. As previsións de emprego do Índice apuntan a unha aceleración da recuperación nos próximos dous anos.

Á espera do que poida suceder co actual conflito de Ucraína, o informe da empresa sobre análise e perspectivas de Emprego para Galicia sinala que, tras o incremento do 1,1% experimentado en 2021, espérase que a ocupación creza un 2% en 2022, e que chegue ao 2,2% en 2023, cifra lixeiramente por encima da media nacional (2,1%). Cos 11.000 novos ocupados de 2021 e os 22.000 previstos para 2022, Galicia chegará este ano aos 1.100.000 empregos, de modo que xa superaría a cifra previa á pandemia.

Sobre esta base, espérase que a media da ocupación en 2023 sitúese en 1.124.000 empregos, un 3,3% por encima dos rexistros medios de 2019.

Sectores en auxe

En canto aos sectores que experimentarán un maior crecemento en Galicia, destacan o sector industrial, ligado á loxística; e o transporte, relacionado coa tecnoloxía. Ademais, a industria química ou a sanitaria serán as que máis crezan nos próximos anos.

O crecemento do sector industrial será de entre o 3,5% e o 4,3%, co que xerará 13.000 novos ocupados. O estudo sinala que tres de cada catro postos de traballo a nivel nacional proveñen do sector terciario. En Galicia, esta tendencia tradúcese nunha previsión de crecemento do 2,2% para este sector, uns 34.000 postos de traballo. Con estes datos, os servizos supoñerían o 71,4% do emprego na comunidade, un 0,1% máis que no ano 2021.

Perfís máis demandados

En canto á demanda de emprego, os novos postos de traballo que se esperan reflectirán achegas superiores de traballadores cualificados (652.000 novos ocupados) e profesionais (185.000), a xornada completa (1 millón) e nados en España (823.000), aínda que os inmigrantes crecerán a unha taxa anual do 3,5%, por encima da media da nova ocupación en 2,7%.

Sobre o perfil dos ocupados, o emprego durante os dous próximos anos aumentará máis en mulleres (3,2% e 2,4%), en inmigrantes (4,2% e 2,8%) e para maiores de 35 anos (3,5% e 2,2%), aínda que cabe destacar que en 2021 foi o colectivo de 16 a 34 anos o que máis creceu: un 4,8%, fronte o 2,3% dos maiores.

Ademais, desde a perspectiva das características do emprego, as conclusións do Índice ManpowerGroup establecen que o novo emprego acentuará o seu compoñente asalariado (3,5% e 2,3%) e a xornada completa (2,6% e 2,4%). Entre as esixencias dos demandantes, destaca a flexibilidade en horarios e a conciliación laboral, unha retribución adecuada ou a concienciación da empresa coa saúde mental dos seus empregados.

Compartir

Siemens e Aceimar lanzan en Galicia un novo ciclo superior de FP de Robótica Industrial

  • Neste novo grao, que incide especialmente nas áreas de deseño, montaxe e mantemento, figura a dobre titulación: a oficial como Técnico Superior en Automatización e Robótica Industrial, e unha propia outorgada por Siemens como especialista no uso da súa tecnoloxía
16
May
2022

O Campus Politécnico Aceimar estreará o próximo curso 2022/23 o Ciclo Formativo de Grao Superior Automatización e Robótica Industrial. Esta nova titulación ponse en marcha coa colaboración de Siemens, socio tecnolóxico do centro de estudos, "o que nos sitúa na vangarda tecnolóxica e permitiranos formar aos nosos alumnos da forma máis práctica e actual posible no novo marco da industria 4.0", apunta Rubén López, director de Campus Politécnico Aceimar.

Este ciclo superior, que se lanza en pleno auxe da automatización industrial e nun momento de enorme demanda de perfís tecnolóxicos, desenvolverase nunha aula con capacidade máxima para 20 estudantes, que forma parte das novas aulas Smart Factory. O espazo está equipado co novo sotfware para a industria 4.0, cuxo obxectivo é a posta en marcha da fábrica intelixente, e a tecnoloxía do Xemelgo Dixital -un laboratorio virtual que permite simular en tempo real os proxectos de automatización.

Entre os alicientes deste novo grao, que incide especialmente nas áreas de deseño, montaxe e mantemento, figura a dobre titulación: a oficial como Técnico Superior en Automatización e Robótica Industrial, e unha propia outorgada por Siemens como especialista no uso da súa tecnoloxía.

As prácticas laborais son un incentivo engadido, xa que “a FCT (Formación en Centros de Traballo) realizarase nas empresas máis punteiras do sector industrial de Vigo, cidade líder en Galicia neste campo”, como explica Rubén López. Este é, de feito, un dos perfís máis demandados da FP, polo que son cada vez máis as compañías que contactan xa cos estudantes ao finalizar os seus ciclos formativos. Aceimar, consciente de que a velocidade á que avanza a automatización non atopa resposta no mercado laboral, lanza esta titulación nun momento no que a taxa de desemprego xuvenil en España roza xa o 30%.

Impulso do talento 4.0

Este novo grao de carácter presencial “impulsará o talento 4.0 para atender as necesidades xeradas pola transformación dixital da industria en Galicia”, sinalou Daniel García, responsable do Sector Educativo en Siemens SA. en España. Unha alianza que, en palabras de Rubén López, “avala o coñecemento e a traxectoria do Campus Politécnico Aceimar nas nosas tecnoloxías de automatización e dixitalización industrial”, que será a pedra angular da loxística do futuro. E reafirma o compromiso da institución “en canto a ofertar ciclos formativos adaptados o máis posible á realidade empresarial de Vigo e a súa contorna”.

O prazo de matrícula para o novo ciclo superior Automatización e Robótica Industial do Campus Politécnico Aceimar xa está aberto. Toda a información está dispoñible na páxina web do campus ou no teléfono 986 251 511.

Compartir

VOLVE O PROGRAMA MERLO, MENTORING PARA EMPRENDEDORES RETORNADOS

  • Xunta e Fundación Ronsel asinan un novo convenio de colaboración para continuar cunha iniciativa que busca acompañar no desenvolvemento dos seus negocios a aqueles galegos que volven a casa
12
May
2022

Calquera proceso de retorno leva sempre aparelladas moitas claves. Unha delas, talvez a máis importante, pasa pola consolidación dun marco laboral estable. Neste escenario, moitos dos que decidides volver a Galicia apostades por impulsar, co coñecemento adquirido, os vosos propios negocios. E cando falamos de emprendemento, nunca está de máis contar coa experiencia e o consello daqueles que xa afrontasen unha situación similar. 

Neste marco, nacía o programa MERLO, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración e a Fundación Ronsel, que ten como obxectivo acompañar a aqueles galegos que volvedes á nosa terra para promover os vosos negocios, e que tras o acordo alcanzado esta semana terá a súa continuidade durante este ano. 

MERLO ofrécevos o asesoramento de mentores que vos axudarán a consolidar os proxectos empresariais. Deste xeito, o programa favorece a inclusión social, o aproveitamento e a posta en valor das oportunidades que ten Galicia para calquera emprendedor que volva a casa. 

Os participantes no Programa MERLO recibiredes asesoramento experto nas áreas de negocio que máis necesitedes, entre as que cabería destacar: estratexia e planificación empresarial, administración e finanzas, área xurídica-legal, tecnoloxía, informática, operacións e produción, recursos humanos, comunicación, márketing ou xestión das vendas.

Este asesoramento baséase na metodoloxía de mentoring experiencial no que a Fundación Ronsel foi pioneira e é referente en Galicia, mediante a cal os mentores transfiren o seu coñecemento e experiencia aos participantes contribuíndo ao seu crecemento persoal e profesional, pero sen intervir na toma de decisións.

O perfil dos beneficiarios de MERLO son emigrantes retornadas a Galicia que procedan doutros países e que, no momento da inscrición, residan e desenvolvan unha actividade profesional ou teñan un negocio en marcha na nosa terra.

Compartir

Galicia formará a través da FP a futuros operarios para o sector das enerxías renovables

  • Impulsaranse másteres de FP deseñados como cursos de especialización que permitan responder de forma rápida ás innovacións que se producen nos sistemas produtivos e que demandan profesionais de sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial ou robótica
11
May
2022

Galicia mantén a súa aposta polas novas tecnoloxías, pola formación e polas enerxías renovables. Un compromiso que, nesta ocasión, materialízase a través dun acordo entre a Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Agrupación industrial de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) para impulsar o traballo en común da Administración autonómica e as empresas. O obxectivo: desenvolver distintas accións no ámbito da Formación Profesional para conseguir formar a futuros operarios para este sector emerxente e que as empresas dispoñan de man de obra cualificada.

Esta iniciativa supoñerá un novo impulso aos ensinos de Formación Profesional e beneficiará tanto a alumnos, como a centros educativos e empresas.

Así, en virtude do acordo, a Xunta e a Agrupación industrial de Enerxías Renovables van desenvolver proxectos conxuntos de innovación  nos centros educativos de FP enfocados, sobre todo, á transferencia de coñecemento entre industria e ámbito académico.

Trátase de másteres de FP deseñados como cursos de especialización que permitirán responder de forma rápida ás innovacións que se producen nos sistemas produtivos e que demandan profesionais de sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial ou robótica, entre outros.

Ademais, un dos puntos deste acordo recolle o impulso da FP Dual, con proxectos específicos que se deberán formalizar a través de asina de convenios concretos con empresas interesadas.

Outra das liñas específicas de actuación é a formación tanto de docentes como do alumnado. Así, a Agrupación industrial vai colaborar na formación e capacitación do profesorado, do alumnado e na cesión de equipamento e instalacións. Tamén está previsto organizar cursos, mínaserios e estudos sobre temas referentes ás novas tecnoloxías.

Por último, Cluergal comprométese neste convenio para acoller nas súas firmas alumnado que estea a cursar ciclos formativos para que poidan realizar as prácticas. Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comprométese a impulsar o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores e das empresas pertencentes a Cluergal mediante o programa de avaliación, recoñecemento e acreditación.

Compartir

SE ES AUTÓNOMO E TRABALLAS EN GALICIA, APROVEITA ESTA OPORTUNIDADE

  • O Goberno galego activa unha liña de axudas de carácter extraordinario para traballadores por conta propia e microempresas con actividades especialmente paralizadas polo Covid
09
May
2022

Se es autónomo e queres traballar en Galicia, agora tes unha gran oportunidade. A aposta polo emprendemento converteuse nun dos grandes eixos de actuación do Goberno galego nos últimos tempos. Cada ano convócanse diferentes programas e liñas de actuación que buscan promover o emprego por conta propiaconsolidar negocios e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e persoal.

Entre estas iniciativas, acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para paliar as consecuencias que o Covid tivo en determinados sectores que viron paralizada a súa actividade en 2021. A nova orde, dotada con 2,7 millóns e que aspira a beneficiar a unhas 1.200 persoas, diríxese a traballadores por conta propia e microempresas con actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia.

Entre os principais requisitos para acceder a estes apoios figuran que as persoas traballadoras autónomas e microempresas desenvolvan actividades especialmente paralizadas pola crise sanitaria. Entenderanse como tales, aquelas que detectasen unha caída de facturación de polo menos o 65% no ano 2021 con respecto a 2019, quedando excluídas as actividades que contaron con axudas específicas de diferentes departamentos da Xunta como a hostalería, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais como orquestras, entre outras.

Os emprendedores retornados que se atopen nesta situación poderán solicitar estas axudas.

As axudas directas teñen como finalidade o mantemento da actividade económica e do emprego nas empresas que tiveron que parar por mor da pandemia. Para axudalas, prevense apoios de entre os 1.000 e os 12.000 euros, segundo os ingresos por facturación que as entidades solicitantes acrediten do ano 2019. A maior contía corresponderá ás firmas con facturación superior aos 30.000 euros en 2019 e a menor para facturación igual de entre 4.000 e 5.000 euros.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 3 de xuño e as peticións deberán formalizarse a través da Sede electrónica da Xunta.

Compartir

As BEME ALCANZAN UN NOVO RÉCORD

  • As solicitudes destas bolsas destinadas aos galegos do exterior para estudar másteres en Galicia aumentaron este ano un 12% ata chegar ás 532
05
May
2022
Entrega de diplomas de la promoción de 2020.

Aquelas imaxes en branco e negro de miles de galegos embarcando en enormes buques que ofrecían un futuro tan incerto como cargado de esperanza, cobran hoxe a cor do moderno. Da mocidade da diáspora, herdeira dunha historia que, en moitos casos, quere volver ás súas raíces. É o caso dos centos de mozos galegos que xa volveron a Galicia grazas ás bolsas BEME, unha iniciativa posta en marcha polo goberno galego para cursar nalgunha das tres universidades da comunidade os estudos de post grao, e que este ano alcanza un novo récord. 

Así, e tras pecharse o período de solicitudes, o número de candidatos creceu nun 12%, ata chegar aos 532 fronte aos 470 do ano anterior. Unhas solicitudes que chegaron de desde 35 países de todos os continentes. Unha convocatoria na que destaca que tamén que o 81% de quen iniciou os trámites de presentación, completaron a súa solicitude, fronte ao 68% do ano pasado.

Por países, Arxentina disparou o número de peticións, pasando das 225 en 2021 ás 302 presentadas para o curso 2022/23. Por número de demandantes, os países que presentaron máis candidatos foron Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela, Reino Unido, México, Alemaña, Portugal e Suíza. Como curiosidade, tamén chegaron solicitudes desde países como Australia, Aruba, Cabo Verde, Finlandia ou Marrocos.

Cifras e anécdotas que falan de   a universalidade da nosa terra. Con galegos dispersos por máis de 140 países de todo o mundo, as BEME son un reflexo da diáspora e das posibilidades de retorno. Ata a data, preto de mil novos tiveron xa a oportunidade de volver a Galicia grazas a un programa que arrincou en 2017, cando chegaron á comunidade os primeiros cen bolseiros da modalidade de máster, cifra que se volveu a repetir na convocatoria de 2018, cifra que se foi ampliando ata chegar ás 200 actuais. 

Moitos son novos nacidos en Galicia que agora volven á nosa terra cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa. Neste grupo atópanse precisamente os dous bolseiros procedentes tanto de Rusia como dos Países Baixos.

Este programa está dirixido a galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade que acrediten un mínimo de dous anos de residencia no exterior. A bolsa -cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS-, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e mantemento na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) dispoñerán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de orixe do alumno).

As BEME buscan incentivar o retorno dos galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación aos centros de ensino secundario e ao sistema universitario de Galicia. 

Compartir

Un proxecto liderado desde Galicia avanza na procura dunha tecnoloxía para diagnosticar o cancro

  • Os investigadores explican que a causa principal das mortes por cancro, que chegan aos 8,2 millóns anuais en todo ou mundo, “son as metástases que se producen tras a intravasación de células tumorales circulantes (CTC) na circulación sanguínea”
03
May
2022

O proxecto Biocellphe, liderado pola investigadora do grupo Functional NanoBioMaterials do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo, Isabel Pastoriza, avanza na procura dunha tecnoloxía de vangarda para a diagnose do cancro a nivel de célula individual.

Tras un ano de traballo, o consorcio, formado pola UVigo e por outras seis institucións europeos, reuniuse recentemente na Vigo para avaliar os primeiros resultados obtidos na procura dunha tecnoloxía para diagnosticar o cancro a nivel celular. A iniciativa dispón dun orzamento de 3,5 millóns de euros e na actualidade desenvolveu unha tecnoloxía que se centra na detección de marcadores tumorales a nivel unicelular, empregando bacterias e nanopartículas de ouro.

Os investigadores indicaron que a principal causa das mortes de cancro é a metástase que se produce despois da extravasación das células con tumor no circulación sanguínea.

“A caracterización destas células malignas mediante a determinación fenotípica da presenza de biomarcadores tumorales específicos, é dicir, proteínas que son características dun tipo de cancro en particular, podería axudar significativamente para alcanzar unha estratificación correcta, estimar o prognóstico, instaurar terapias precoces, avaliar a resposta aos tratamentos realizados e descubrir novas dianas terapéuticas”, explica Pastoriza.

Con todo, a diagnose temperá do cancro mediante o illamento e o estudo fenotípico das CTCs “é un método tecnicamente moi desafiante debido á cantidade extremadamente baixa destas células no torrente circulatorio”. É neste contexto no que xorde o proxecto Biocellphe, na procura de novos avances tecnolóxicos que permitan a análise fenotípica a nivel unicelular para posibilitar a oncoloxía de precisión e a medicina personalizada.

O proxecto está constituído por un consorcio multidisciplinar de grupos de investigación europeos que inclúe expertos en bioloxía sintética, nanotecnoloxía, plasmónica, microfluídica, intelixencia artificial e cancro de mama. Por parte española están implicados o Cinbio, que lidera o proxecto, o Centro Nacional de Biotecnoloxía e a Universidade Polité cnica de Madrid. Ademais, hai dous grupos franceses, procedentes do Centre de Biochimie Structurale e do Institut national de recherche pour l’ agriculture, l’ alimentation et l’ environnement ( INRAE). A eles súmase o Istituti Clinici Scientifici Maugeri SPA Società Benefit, de Italia, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, con sede en Braga e as empresas Rubynanomed, de Portugal e Tematis, de Francia.

Estes grupos traballan co obxectivo de xerar bacterias modificadas xeneticamente que actúen como sensores capaces de recoñecer e unirse as determinadas proteínas biomarcadoras situadas na superficie das células tumorailes. “Este recoñecemento por parte da bacteria desencadeará a produción de sinais químicos que poden detectarse simultaneamente e con extremada sensibilidade mediante dispersión Raman mellorada en superficie. Isto é o que se coñece como SERS, unha técnica analítica ultrasensible baseada en nanopartículas de ouro plasmónicas que permite alcanzar niveis de detección dunha única molécula”.

O obxectivo final de Biocellphe é implementar estes elementos nun dispositivo de microfluídica lab- on-a-chip para posibilitar a miniaturización e portabilidade da ferramenta de diagnose. Como proba de concepto, este dispositivo analítico empregarase para a detección de certos biomarcadores presentes en CTCs obtidos mediante biopsia líquida en pacientes con cancro de mama.

Compartir

Volve 'Tempo Novo', novela de Neira Vilas sobre a emigración galega en Cuba

  • A obra profunda nos cambios sociais vividos na illa despois da Revolución do 53
26
Apr
2022
Tempo Novo, Editorial Galaxia.

A Editorial Galaxia acaba de publicar, co apoio da Xunta de Glaicia, 'Tempo Novo', novela de Xosé Neira Vilas (1928-2015) sobre a emigración galega en Cuba. 

Unha recuperación dunha obra histórica que, como lembra o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, "ten unha gran importancia para a lingua galega". Non en balde, en 'Tempo Novo' Neira Vilas ofrece unha perspectiva verdadeiramente interesante na historia da emigración galega como é o acontecemento do triunfo da Revolución en Cuba.

En Tempo  novo, o autor de Gres ambienta os seus relatos no período de cambio que se opera en Cuba tras a Revolución de 1953, onde descobre a forte pegada da emigración galega. Así é que ficciona os personaxes que lle son próximos, achegándonos o desarraigamento e as esperanzas nos cambios sociais que se estaban operando, á vez que nos mostra diferentes escenas e costumes dos galegos emigrados, entre os que destaca a imaxe da muller galega, comprometida e implicada no convulso proceso histórico da illa cubana.

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos autores máis singulares das nosas letras. Membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, foi autor dunha extensa obra literaria, da que fai falta destacar Memorias dun neno labrego (1961), unha das novelas galegas máis reeditadas e traducidas, que celebrou o pasado 2021 o seu 60 aniversario.

Compartir

QUERES MELLORAR A túa EMPREGABILIDADE? DESCOBRE O CURSO DE FORMACIÓN ONLINE GRATUÍTO #RetoEmprego30días

  • O obxectivo é mellorar as túas posibilidades de atopar un emprego a través de pequenos desafíos diarios de 15 minutos
22
Apr
2022

Queres mellorar a túa empregabilidade? Aquí tes unha boa ocasión: participa no curso de formación online gratuíto #RetoEmprego30días.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as túas posibilidades de atopar un emprego a través de pequenos desafíos diarios de 15 minutos que che axudarán a estar máis preto do teu próximo emprego.

O reto, organizado pola Fundación Pública Galega dá Formación para ou Traballo, comeza o próximo 1 de maio e centrarase en proporcionar ferramentas como redactar un currículo, unha carta de presentación ou deseñar un perfil profesional nas redes sociais.

Se estás interesado, podes unirche de maneira gratuíta a través da web www.evaporto.com/reto-emprego-30.
Compartir