- En 2023, a nosa terra destinará 13 millóns de euros para fomentar as políticas de retorno, ademais de consolidar o reforzo da prestación social ampliado durante a pandemia para axudar a persoas individuais e entidades do exterior
Galicia reforza a súa aposta polo retorno. E faio no marco duns orzamentos que, o ano que vén, triplicarán os fondos destinados a facilitar a volta a casa dos galegos residentes no exterior.
Neste sentido, o orzamento da Secretaría Xeral dá Emigración superará os 19,5M€ -aos que se suman os 7,5M€ que a Consellería de Emprego ten consignados para poñer en marcha programas de formación, incentivos á contratación e fomento do emprendemento -, crecendo tanto o apoio aos programas específicos como as actuacións en materia de emigración e retorno. Un escenario no que destacan os fondos destinados a medidas específicas de impulso ao retorno, que pasan de 5 a 13 millóns de euros.
Deste xeito, multiplicaranse as actuacións de apoio aos galegos no exterior e ás entidades galegas asentadas fóra da nosa terra, co fin de fomentar a súa participación na vida social, cultural e económica de Galicia e contribuír á mellora do seu benestar e calidade de vida. Ademais, se pontenciarán unha vez máis accións encamiñadas á integración social e laboral dos galegos e galegas que deciden retornar a Galicia.
Cabe destacase que desde o ano 2015 o incremento do orzamento deste departamento foi de máis do 139%, o que permitiu reforzar as actuacións directamente dirixidas a axudar ás persoas e colectivos que están a sufrir dunha maneira máis grave as consecuencias da situación sociosanitaria dos seus países de residencia e reforzar as axudas aos galegos e galegas que necesitan un apoio especial para a súa integración ou estean a poñer en marcha un emprendemento na comunidade autónoma.
En concreto, o capítulo destinado ás actuacións derivadas da Lei de Galeguidade pasará a contar con case 2,8M€ que permitirá reforzar accións de marcado carácter social dirixidas aos emigrantes galegos, co obxectivo de retomar programas que tiveron que aprazarse pola pandemia como son os Reencontros e as Escolas Abertas e Obradoiros. Ademais, este ano tamén se poñerán en marcha, a través deste capítulo, as accións necesarias para a organización do XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas que se reúne cada 3 anos e que serve para definir as políticas en materia de emigración e de retorno da Xunta de Galicia para os próximos anos.
Nestes orzamentos tamén se continuará apoiando as actividades formativas e culturais dos centros galegos no exterior con 2,35M€ e as axudas sociais de carácter individual e de emerxencia social, dirixidas a cidadáns galegos en situación de precariedade económica con 3,6M€, un orzamento, este último, que crece un 29% máis con respecto a 2022. E en canto ás partidas destinadas ao funcionamento e as melloras das entidades galegas do exterior, mantense o orzamento do ano pasado, que xa crecera de maneira exponencial para paliar as necesidades xurdidas durante a época de pandemia, en especial, entre os centros dedicados ao traballo asistencial coas e os galegos con maiores demandas do exterior.
En canto ao ámbito do retorno, grazas a un total de 13M€, seguirase apostando polas axudas extraordinarias aos emigrantes retornados e retornadas; as bolsas de excelencia para a mocidade exterior, BEME, que volven ofertar 250 prazas para realizar másteres nunha das tres universidades galegas; e, finalmente, as axudas ao fomento ao autoemprego, que continuarán apoiando a unha media de 120 emprendedoras e emprendedores por ano, e a quen se lles ofertará tamén actividades complementarias de mentorización para que os seus proxectos consigan consolidarse.
Deste xeito, os orzamentos da Secretaría Xeral dá Emigración apostan claramente polo retorno, incluíndo un importante reforzo económico para a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, co obxectivo de consolidar a incorporación de servizos esenciais como son os de orientación laboral ou asesoría fiscal, tendo en conta o volume de persoas que se espera que regresen a Galicia nos próximos anos.