• O Goberno galego duplicará as deducións a este colectivo na declaración da renda para o ano 2023
18
Oct
2022

Galicia duplicará as deducións ás familias numerosas na declaración do IRPF para o ano 2023. Unha decisión que supón pasar de 250 a 500 euros para os núcleos con tres fillos, e que aumentará en 250 euros a partir do terceiro.

O anuncio facíao esta fin de semana o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participaba no XIII Congreso de Familias Numerosas celebrado en Santiago de Compostela. Con esta medida, sinalaba, pódense alcanzar ata os 1.000 euros para familias con cinco fillos.

Neste marco cabe lembrar algunha das axudas que Galicia ofrece ás familias co obxectivo de facer da nosa terra o mellor sitio para vivir: reducións ou exencións no pago de taxas educativas, bonificacións en medios de transporte, axudas para o servizo de comedor escolar, apoios para a redución de xornada, a tarxeta Benvida, a dedución de ata o 100% no imposto de Transmisións patrimoniais, o carné familiar, os descontos para familias numerosas nas autoestradas de titularidade autonómica ou a gratuidade das escolas infantís.

Crise demográfica 

Os participantes no congreso, celebrado baixo o lema 'Presente e futuro, coincidiron en valorar positivamente os compromisos de Galicia e o Estado coas familias numerosas, coas distintas medidas no seu favor que se puxeron en marcha, pero solicitaron que se manteña ese compromiso e mesmo se incremente, dada a crise demográfica, un dos maiores desafíos. Fixeron tamén referencia á importancia de defender a conciliación laboral e "adaptar o traballo aos ritmos da vida familiar, que é onde se forman as persoas do futuro", así como dos dereitos sociais. 

Neste marco, sinalábase o índice de risco de exclusión e pobreza é maior para as familias numerosas. Para acabar con esta brecha, tanto administracións públicas como a asociacións privadas deben "avanzar na constitución dunha sociedade máis amable para que todos os cidadáns poidan desenvolver os seus proxectos familiares".

Nesta liña destacouse o "ambicioso" proxecto de lei de Apoio ás familias que busca recoñecer "os distintos modelos familiares e mellorar a protección social, económica e xurídica das familias", así como medidas de apoio como a prestación universal de 100 euros para nais de nenos menores de tres anos.

O Congreso buscaba poñer de manifesto a achega social que fan estes núcleos familiares á sociedade en forma de capital humano, a través dos seus fillos, "un elemento fundamental para o desenvolvemento económico e social, que beneficia a toda a sociedade". 

Compartir