O faro máis antigo do mundo

  • Continuamos o noso periplo por Galicia saltando dunha cidade a outra: hoxe chegamos á Coruña para admirar a Torre de Hércules
25
Aug
2020

O mes de agosto achégase o seu sin mentres que a nosa viaxe por Galicia continúa. Hoxe chegamos á Coruña para admirar a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo -de orixe romana- en funcionamento, o que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Farum Brigantium foi construído polo Imperio Romano a finais do século I ou a primeiros do século seguinte. Situado na entrada do porto da Coruña, este monumental faro foi deseñado para facilitar a navegación ao longo da recortada costa galaica, un punto estratéxico ao longo da ruta marítima que unía o Mediterráneo co noroeste de Europa.

Segundo conta unha lenda, o heroe grego Hércules chegou a España na busca do xigante Xerión, co fin de liberar estas terras do seu abusivo poder. O enfrontamento que protagonizaron alongouse durante 3 días coas súas noites, con resultado favorable a Hércules que venceu o xigante e lle cortou a cabeza, enterrándoa xunto ao mar. Nese lugar, e como conmemoración da súa vitoria, construíuse un faro, nas proximidades do cal se fundou a cidade de Crunia, nome da primeira muller que habitou o lugar e da cal Hércules se namorou.

Subide as súas empinadas escaleiras e, unha vez arriba, gozade dunha abraiante panorámica da cidade da Coruña e do océano Atlántico mentres o vento zoa con forza. Pero tede coidado de non facer ruído, non sexa que espertedes o xigante... Logo desta panorámica sobre a cidade, percorrede o seu paseo marítimo, visitando as coñecidas praias de Orzán e Riazor, onde o bater do mar nesta zona é todo un espectáculo. Se continuades polo paseo, en dirección ao Parrote, chegaredes ata Porta Real por onde accederedes á zona da Mariña coas súas galerías, polas que A Coruña recibe o alcume de “cidade de cristal”.

Aproveitade para percorrer esta fachada da cidade, onde podedes parar para refrescarvos nalgún dos seus tradicionais cafés, mentres degustades un delicioso xeado artesán. Achegádevos tamén ata os xardíns de Méndez Núñez e logo paseade pola rúa Real, a cal desemboca na praza máis coñecida da cidade, a de María Pita. Alí podedes admirar unha estatua en honor á heroína máis popular da cidade ao tempo que tomades un delicioso aperitivo nalgunha das súas terrazas.

Despedídevos ata outra deste fermoso “balcón do Atlántico” coa sensación de que fostes agarimados non só polo recendo a mar e o vento salgado, senón tamén pola súa xente pois, dende antigo, dise que esta é a cidade onde ninguén é forasteiro.

Compartir

Oportunius, a volta do talento galego

  • Este programa, enmarcado na Estratexia Retorna que promove o goberno galego, busca captar ou reter na nosa terra aos mellores investigadores, profesionais gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC)
24
Aug
2020

A Axencia Galega de Innovación ( Gain) acaba de convocar dous postos de persoal investigador distinguido, no marco do programa Oportunius, que ten por obxectivo xerar, captar e reter talento investigador na Comunidade.

A iniciativa, cuxo prazo de solicitude finaliza hoxe, está destinada a profesionais gañadores de axudas Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que poderán optar a un contrato para desenvolver a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia, en concreto, no ámbito das neruociencias ou no das ciencias humanas e sociais. 

Oportunius está dirixido a apoiar aquel persoal investigador que desexe conseguir unha axuda do ERC ou que xa a conseguiu e quere desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia. O programa inclúe tres itinerarios, dirixidos respectivamente aos gañadores de axudas ERC, aos finalistas e aos candidatos.

O primeiro itinerario persegue a atracción, retención e retorno de persoal investigador destacado, aqueles que obtiveron unha axuda do ERC. Neste caso, o programa ofrece a opción a un contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación; así como outros tipos de apoio aos investigadores e proxectos que contan cunha axuda do ERC que se están desenvolvendo en Galicia.

O segundo itinerario ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento do persoal investigador cunha traxectoria consolidada e que superase a Fase 1 de avaliación dunha axuda do ERC. Neste itinerario, Oportunius ofrece apoio económico aos proxectos dos finalistas para incrementar as súas posibilidades de éxito nunha futura presentación a unha nova convocatoria.

Por último, o terceiro itinerario busca favorecer a participación nas convocatorias de ERC daquel persoal investigador que demostre un alto potencial e unha carreira investigadora prometedora en Galicia, para o que o programa ofrece formación, asesoramento e revisión do currículo e da idea de proxecto.

Ata a data, o programa impulsou tres contratos Oportunius a investigadores ERC (Diego Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela; Elena Follea, da Universidade de Vigo; e Rubén Nogueiras, da Universidade de Santiago de Compostela). En total, apoiouse a 16 gañadores de axudas do ERC das tres universidades galegas e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que desenvolven un total de 22 proxectos. Ademais, contaron con apoio do programa Oportunius 15 finalistas ERC, e avaliáronse máis de 110 candidaturas. Por outra banda, desenvolvéronse 11 talleres de formación nos que participaron máis de 190 persoas.

Compartir

Se es galego retornado, tes ata o 30 de outubro para solicitar a túa axuda extraordinaria

  • Se volviches a Galicia nos últimos dous anos e es descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma, podes optar a estes apoios
  • O programa buscar facilitar facer fronte aos gastos que calquera retorno comporta
20
Aug
2020

A crise do coronavirus está tendo consecuencias económicas en miles de familias galegas, entre as que pode que vos encontredes vós, os emigrantes retornados, os que acabades de volver á vosa terra. Lembrade que se necesitades unha axuda para facer fronte aos gastos que conleva o retorno, tendes á vosa disposición as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, un programa da Secretaría Xeral da Emigración no que hoxe máis que nunca vos podedes apoiar para afrontar esta etapa.

Este programa ten aínda aberto o prazo de solicitude ata o próximo 30 de outubro. Este ano, como novidade, podedes optar aos apoios todos os descendentes por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma.

Ademais, e como sucedía ata o de agora, seguides sendo beneficiarios do programa os galegos, ou aqueles que esteades casados cun galego/a –ou teñades unha relación análoga a esta-, sempre que volvésedes á vosa terra nos últimos dous anos. Podedes pedir as subvencións na sede electrónica da Xunta.  

AS AXUDAS ASCENDEN A 1.000 EUROS POR FILLO MENOR DE IDADE, ATA O SEGUNDO, E 1.500 EUROS PARA O TERCEIRO E SUCESIVOS

A ampliación de prazos e a mellora das condicións encádrase no conxunto de medidas que a administración galega está a adoptar para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, que derivou nunha crise social e económica que afecta en maior medida aos retornados e á súa inserción socio–laboral.

O programa de axudas extraordinarias busca apoiarche no proxecto persoal e profesional que estás a emprender. Unha axuda especialmente dirixida ás familias, ao incrementar a contía en función do número de fillos: 1.000 por cada neno menor de idade ata o segundo, e 1.500 para o terceiro e sucesivos.

Ademais, se fixaches a túa residencia nun concello do rural, o apoio por fillo increméntase nun 25%.

SE ES UN DOS BENEFICIARIOS: ¡ENTRA E SOLICITA A TÚA AXUDA!
Compartir

A aula GaliciaAberta despídese tras sumar preto de 400.0000 visualizacións

  • A iniciativa, posta en marcha durante a pandemia, permitiu seguir fomentando a cultura e tradicións galegas entre a colectividade durante todos estes meses
18
Aug
2020
Percusións de man e canto tradicional galego, Gaita, Baile, Percusión tradicional, Contapinta e Cociña son os obradoiros da Aula GaliciaAberta

 

Aquel afastado virus do que oímos falar por primeira vez nun mercado de Wuhan foi abríndose paso, entre ecos e noticias, ata converterse nunha pandemia. A primeira en moitas décadas, cuxa capacidade de contaxio non só puxo o mundo patas para arriba, senón que nos obrigou a reinventarnos. Calquera problema, con todo, por grande que sexa ofrece solucións que poden mellorar o que xa había. Algo así debe dicirse da Aula GaliciaAberta, iniciativa posta en marcha polo Goberno galego o pasado 27 de abril co obxectivo de reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade no exterior, ante a imposibilidade de continuar coas actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo.   

Unhas clases 'virtuais' que finalizaban hai uns días tras sumar  preto de 400.000 visualizacións. A cifra fala do éxito dun proxecto que contou inicialmente con sesións formativas impartidas polos mestres de canto e pandeireta ( Leni Pérez), percusión (Alexandre Fernández Castro), gaita ( Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), e á que se sumaron posteriormente unha sección infantil de contacontos (a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que contabilizou máis de 26.000 visualizacións) e un taller de cociña a cargo do chef André Arzúa (aínda por concluír e cuxa próxima sesión podedes gozar leste mesmo venres a partir das oito da tarde, en horario peninsular español). 

Titorías e vídeos promocionais 

As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais do persoal docente, que foron vistos por milleiros de galegos  residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, as visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou preto de 65.000 visitas.

A Arxentina, Brasil, O Uruguai,  México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte dos espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.

Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores e espectadoras para asistir ás clases, sumando máis de 350.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tanto as clases como o material didáctico aportado previamente polo persoal docente, que constan de entre dez e catorce sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

Compartir

A muralla de Lugo: unha viaxe a través do tempo

  • Desde as súas orixes romanas, pasando pola época medieval, ata o innovador e revolucionario século XIX, este monumento arquitectónico conforma unha proba inmellorable da evolución da nosa terra
17
Aug
2020

A segunda quincena de agosto condúcenos ata a cidade de Lugo, cuxa muralla é o exemplo que mellor sobrevive de todas as fortificacións militares romanas. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a muralla é un exemplo excepcional do tipo de construción que ilustra varios períodos significativos da historia humana.

Dende as súas orixes romanas, pasando pola axitada época medieval ata o innovador e revolucionario século XIX, conforma un monumento singular que proba as distintas facetas da evolución dunha cidade como Lugo a cal é, en si mesma, un importante conxunto histórico-artístico dende a orixinal Lucus Augusti.

En Lugo todo xira ao redor da muralla, esta é o corazón da cidade. Subir ao seu adarve e percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario transportaravos a outros tempos pero, sen dúbida, a xente paseando, falando ou facendo deporte fará que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta encantadora cidade.Ao redor da murallaLugo posúe outro importante patrimonio que debedes visitar unha vez que vos encontredes na cidade, como o burgo vello ou a catedral.

Sen dúbida ningunha, un paseo polo seu encantador centro histórico levaravos a algún establecemento onde poderedes repoñer forzas: non deixedes de probar o polbo á feira, o lacón con grelos nin as filloas con mel. Por algo hai un lema que di: e para comer, Lugo!

Pero Lugo é moito máis. Se vos cadra de chegar aquí no solsticio de verán ou a primeiros de outubro, poderedes mesturarvos co bulicio dos miles de visitantes que acoden ao Arde Lucus, unha celebración na que se evoca o pasado romano da cidade, e ás festas patronais do San Froilán, respectivamente.

Por último, non debemos esquecer que Lugo é cidade de paso dun dos ríos máis importantes de Galicia, o Miño, á beira do cal hai habilitado un importante espazo verde que podedes percorrer baixo as copas de árbores autóctonas. E así, acompañados polo frescor da ribeira do Miño, despedídevos desta fermosa cidade, por algo xa os romanos se fixaron nela…

Compartir

Santa Tegra: un castro dacabalo entre dúas terras

  • Este antigo asentamento, situado no concello de A Guarda, esconde unha das vistas panorámicas máis cativadoras da nosa terra: Galicia ao carón e Portugal ao outro, flanqueados polo Océano Atlántico
14
Aug
2020

A segunda semana de agosto chega ao seu fin, e o fai noutro dos lugares máxicos de Galicia: o castro de Santa Trega, no concello de A Guarda. Dende el, poderedes obter a “mellor panorámica castrexa entre dous países”. Como non pode ser doutra maneira, as vistas dende alí son inmellorables: Galicia, capitaneada polo porto da Guarda, o poderoso océano Atlántico e a veciña costa portuguesa conforman o horizonte.

A panorámica ten aínda máis valor se facemos unha viaxe no tempo: os habitantes do castro xa gozaban destas magníficas vistas dende as súas vivendas. Por suposto, a situación do asentamento non se debía ás paisaxes, senón máis ben a razóns estratéxicas e de seguridade pois, deste xeito, tiñan controlado o tráfico marítimo e a desembocadura do río Miño. 

Este poboado, situado a 341 metros de altura, chegou a acoller unhas 5 000 persoas durante a súa época de maior esplendor, aló polo século I a. C., sendo un dos máis grandes do noroeste peninsular. Está formado por vivendas ovaladas na súa meirande parte pero tamén as hai rectangulares, con esquinas redondeadas, por influencia dos romanos. Aínda que vos pareza un poboado caótico, hai unha orde lóxica arredor de “unidades familiares”, que vos poderiades animar a descubrir, así como os petróglifos que hai nos arredores e dentro do recinto. Os seus moradores tiñan una economía autónoma e tamén elaboraban cerámicas, xoias, tecidos e instrumentos aos que poderedes poñerlles forma no museo arqueolóxico que se atopa na vila.

E, falando da vila, achegádevos ata A Guarda, onde unha visita ao porto é parada obrigada. Alí, poderedes ver como as embarcacións descansan antes de comezar un novo día de faena, sempre co son das gaivotas e o leve runrrún dos motores dos barcos como pano de fondo.

O broche final a esta xornada podemos poñelo vendo atardecer nalgunha das terrazas da vila. Despedirédesvos destas terras, bañadas polas augas do Miño e do océano Atlántico, coa grata sensación de que vos transportastes no tempo e de que vivistes unha impresionante panorámica dende un dos castros máis visitados de Galicia.

Castro de Santa Tegra.
Porto de A Guarda.
Compartir

Galicia suma máis de 100 novos mozos investigadores

  • O programa Principia promove a captación e retorno de investigadores á nosa terra fomentando a súa incorporación aos distintos centros de coñecemento e institucións que traballan no ámbito do I D i
13
Aug
2020

 

Galicia segue sumando talento. Esta vez, a través do programa Principia, unha iniciativa que ten como obxectivo a captación e o retorno de investigadores á nosa terra fomentando a súa incorporación aos distintos centros de coñecemento e institucións que traballan no ámbito da I+D+i. Unha liña que este ano permite a contratación de 111 mozos investigadores galegos.

 

Cunha inxección de fondos públicos de 1.171.000 euros, o contrato para estes novos investigadores ten unha duración mínima dun ano, para o que se outorgan axudas de 10.000 euros. O 91% das persoas contratadas nesta ocasión desenvolverán as súas investigaciónes en empresas, mentres que o 9% restante incorporarase a organismos de investigación como universidades ou centros tecnolóxicos. Respecto das empresas, o 50% son microempresas, as 41% pequenas ou medianas e un 9% grandes. Ademais, o 39% son empresas altamente tecnolóxicas ou innovadoras (isto é, dispoñen do selo peme innovadora ou son empresa de base tecnolóxica ou ambas).

 

Ademais, máis do 61% das contratacións apoiadas son de carácter indefinido e o salario medio dos empregados será de 21.711€ brutos/anuais, por encima do salario mínimo establecido na convocatoria que ascendía a 19.000€. O 47% dos novos contratados carecen de experiencia laboral previa, un dato que pon de relevo que o programa supón unha primeira oportunidade de emprego de calidade no ámbito da innovación. Ao mesmo tempo, o 75% das contratacións bonificadas comportan un plan de formación para a persoa contratada e un 56% solicitaron o bono de formación de 1.000 euros que ofrecía como novidade o programa nesta edición.

Máis de 550 investigadores

En total, a través das cinco edicións desta iniciativa pioneira lanzada en 2016, permitiuse  a contratación de 553 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Principia enmárcase na Estratexia Retorna e no programa Talento 2021, impulsado polo Goberno galego para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I D i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns.

Compartir

As BEME traen de volta a Galicia este curso a case 150 mozos do exterior

  • Arxentina, Venezuela, México, Uruguai e Reino Unido son os países cun maior número de bolseiros, dos que 59 cursarán os seus estudos na USC, 57 na Universidade de Vigo, e 31 na UDC
  • 23 mozos naceron en Galicia e volven agora á nosa terra para seguir os seus estudos universitarios
12
Aug
2020
Acto de entrega de diplomas da promoción 2019-2020

Case cento cincuenta mozas e mozos da Galicia exterior cursarán os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas grazas á nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, o programa da Secretaría Xeral da Emigración que suma a súa cuarta edición na procura de fomentar o retorno da mocidade galega no exterior, nacida en Galicia.

Neste sentido, cómpre salientar que do total de beneficiarios, 23 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á nosa terra a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa.

Arxentina, Venezuela, México, Uruguai e Reino Unido son os países cun maior número de bolseiros, dos que 59 cursarán os seus estudos na USC, 57 na Universidade de Vigo, e 31 na UDC. 

Neste sentido, do total de persoas admitidas, 54 reside na Arxentina, 20 en Venezuela, 16 en México, 13 Uruguai, 12 en Brasil, 10 en Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, en 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suiza.  

Cabe salientar tamén a idade media dos beneficiarios das BEME, que se sitúa en 29 anos, sumando a maioría dos alumnos entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres concentran o 56% das bolsas, mantendo así a tendencia que experimenta este programa do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.

Estratexia Retorna 2020

Este programa, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, persegue incentivar o retorno dos cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Compartir

Máis de 30 estrelas Michelín para impulsar o Xacobeo 21

  • Chefs de recoñecido prestixio como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns Torres ou Elena Arzak realizan un tramo da entre Fisterra e Muxía desde Ponte Maceira
  • Berasategui aposta porque a acción sirva de "exemplo para toda España” da importancia da colaboración e a suma de esforzos á hora de avanzar na reactivación do turismo
11
Aug
2020

Foi só un pequeno tramo do Camiño, o que une Fisterra con Muxía arrincando desde Ponte Maceira. Pero non o percorreron uns peregrinos calquera. Nesta ocasión, o pausado arrastre de pés que soa co seu metódico pum- pum protagonizárono máis de 30 estrelas Michelín que buscaban, con esta iniciativa, servir de exemplo de unidade e de impulso do turismo e do próximo Xacobeo 2021

Con este obxectivo, e no marco do proxecto Estrelas Solidarias no Camiño, organizado polo restaurante Casa Barqueiro de Negreira (A Coruña), reuníronse onte recoñecidos chefs como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns torres e Elena Arzak, que realizaron o mencionado tramo do roteiro xacobeo antes de participar nunha percorrido-degustación con máis dunha ducia casetas de produtos enogastronómico e de Galicia Calidade.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o potencial deste tipo de proxectos á hora de impulsar o Ano Santo e favorecer a súa proxección exterior. Non en balde, iniciativas como Estrelas Solidarias no Camiño permiten dar un paso máis no obxectivo de poñer en marcha un Xacobeo 2021 que supoña un motor de reactivación económica, cultural e turística tras a crise sanitaria, sen perder de vista principios como o apoio a quen máis o precisa. “O talento de todos vós e as características da vosa cociña convértevos nos mellores embaixadores e aliados para Galicia”, resumiu Román Rodríguez, á vez que agradeceu o traballo dos irmáns Rial, propietarios do restaurante Casa Barqueiro.

Do mesmo xeito, en nome dos cociñeiros participantes, o chef Martín Berasategui, sinalou que esta acción “debe servir como exemplo en toda España” da importancia que ten a colaboración, o espírito de entendemento e a suma de esforzos entre persoas e proxectos de distintas orixes e con distintos intereses á hora de avanzar no obxectivo común da reactivación do turismo. Así mesmo, enxalzou a calidade da cociña e dos produtos da nosa Comunidade e a hospitalidade dos galegos. “Sentimos afortunados de ser amigos desta terra”, destacou.

Cociñeiros participantes

Participaron no evento a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o membro da Mesa del Turismo de España e da Asociación Española de Profesionales del Turismo, Alberto Barciela, e os cociñeiros David de Jorge, Elena Arzak, Eneko Atxa, Javier Torres, Jesús Sánchez, Jordi Cruz, Manuel Costiña, Marcos Granda, Martín Berasategui, Miguel Ángel Campos, Miguel Sorazu, Pachi Beamon e Sergio Torres, ademais de Fran Rial e Rogelio Rial, propietarios de Casa Barqueiro.

Tras o seu percorrido polo Camiño de Fiserra e Muxía, desprazáronse ao recindo de Galicia Espectáculo, no Polígono Industrial de Covas, onde asistiron a un encontro gastronómico organizado por Casa Barqueiro que incluíu un percorrido-degustación por máis dunha decena de stands de empresas como Clun, Coren, Cabreiroá, Estrella Galicia, Huevos Campomayor, Jamón 5Js, Mcallan, Terras Gauda, Tonica Tribute, Vermuteria Petroni, Vía Romana, Vino La Bandida, Cafés Candelas e o resto de marcas certificadas por Galicia Calide. Tamén estiveron presentes empresas como Autocares Modesto Riveiro, Bodegas Altanza, Champan Mum, Galicia Espectáculo, Eventos Alborada, Gadis ou Panadería Xallas.

Compartir

Galicia actualiza a listaxe de visitantes que deben rexistrarse ao chegar á nosa terra

  • Portugal sae dunha lista na que continúan países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia ou Estados Unidos
06
Aug
2020

Galicia actualizou a listaxe de territorios cuxos viaxeiros deben rexistrarse ao chegar á nosa terra. Unha modificación que vén xustificada pola evolución da situación epidemiolóxica tanto en distintas comunidades autónomas de España como noutros países.

Entre as principais novidades destaca a exclusión de Portugal, polo que as persoas procedentes do país veciño xa non están obrigados a proporcionar os seus datos de contacto. Tampouco será necesario inscribirse cando se viaxe ao país veciño. Así mesmo, entre as comunidades autónomas inclúese Madrid mentres se exclúe A Rioxa. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco.

Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non.

Dúas modalidades para facilitar a información de contacto

As persoas que visiten Galicia, terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. 

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus. sergas. gal/ ou fornecer os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao comezo do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo as empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.

 

Lista de países actualizada
  • En calquera dos países do continente africano.
  • Nos seguintes territorios do continente americano: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, San Martín, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.
  • Nos seguintes territorios de Asia: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kirguizistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen e Vietnam.
  • Nos seguintes territorios de Europa: Albania, Andorra, Armenia, Acerbaixán, Bulgaria, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Croacia, Illas Feroe, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Montenegro, Macedonia do Norte, Romanía, Rusia e Serbia.
  • Nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Madrid, Navarra e País Vasco.
 
Compartir