- A iniciativa, posta en marcha durante a pandemia, permitiu seguir fomentando a cultura e tradicións galegas entre a colectividade durante todos estes meses
Aquel afastado virus do que oímos falar por primeira vez nun mercado de Wuhan foi abríndose paso, entre ecos e noticias, ata converterse nunha pandemia. A primeira en moitas décadas, cuxa capacidade de contaxio non só puxo o mundo patas para arriba, senón que nos obrigou a reinventarnos. Calquera problema, con todo, por grande que sexa ofrece solucións que poden mellorar o que xa había. Algo así debe dicirse da Aula GaliciaAberta, iniciativa posta en marcha polo Goberno galego o pasado 27 de abril co obxectivo de reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade no exterior, ante a imposibilidade de continuar coas actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo.
Unhas clases 'virtuais' que finalizaban hai uns días tras sumar preto de 400.000 visualizacións. A cifra fala do éxito dun proxecto que contou inicialmente con sesións formativas impartidas polos mestres de canto e pandeireta ( Leni Pérez), percusión (Alexandre Fernández Castro), gaita ( Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), e á que se sumaron posteriormente unha sección infantil de contacontos (a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que contabilizou máis de 26.000 visualizacións) e un taller de cociña a cargo do chef André Arzúa (aínda por concluír e cuxa próxima sesión podedes gozar leste mesmo venres a partir das oito da tarde, en horario peninsular español).
Titorías e vídeos promocionais
As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais do persoal docente, que foron vistos por milleiros de galegos residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, as visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou preto de 65.000 visitas.
A Arxentina, Brasil, O Uruguai, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte dos espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.
Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores e espectadoras para asistir ás clases, sumando máis de 350.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tanto as clases como o material didáctico aportado previamente polo persoal docente, que constan de entre dez e catorce sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.