- Se volviches a Galicia nos últimos dous anos e es descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma, podes optar a estes apoios
- O programa buscar facilitar facer fronte aos gastos que calquera retorno comporta
A crise do coronavirus está tendo consecuencias económicas en miles de familias galegas, entre as que pode que vos encontredes vós, os emigrantes retornados, os que acabades de volver á vosa terra. Lembrade que se necesitades unha axuda para facer fronte aos gastos que conleva o retorno, tendes á vosa disposición as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, un programa da Secretaría Xeral da Emigración no que hoxe máis que nunca vos podedes apoiar para afrontar esta etapa.
Este programa ten aínda aberto o prazo de solicitude ata o próximo 30 de outubro. Este ano, como novidade, podedes optar aos apoios todos os descendentes por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma.
Ademais, e como sucedía ata o de agora, seguides sendo beneficiarios do programa os galegos, ou aqueles que esteades casados cun galego/a –ou teñades unha relación análoga a esta-, sempre que volvésedes á vosa terra nos últimos dous anos. Podedes pedir as subvencións na sede electrónica da Xunta.
AS AXUDAS ASCENDEN A 1.000 EUROS POR FILLO MENOR DE IDADE, ATA O SEGUNDO, E 1.500 EUROS PARA O TERCEIRO E SUCESIVOS
A ampliación de prazos e a mellora das condicións encádrase no conxunto de medidas que a administración galega está a adoptar para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, que derivou nunha crise social e económica que afecta en maior medida aos retornados e á súa inserción socio–laboral.
O programa de axudas extraordinarias busca apoiarche no proxecto persoal e profesional que estás a emprender. Unha axuda especialmente dirixida ás familias, ao incrementar a contía en función do número de fillos: 1.000 por cada neno menor de idade ata o segundo, e 1.500 para o terceiro e sucesivos.
Ademais, se fixaches a túa residencia nun concello do rural, o apoio por fillo increméntase nun 25%.