• Este programa, enmarcado na Estratexia Retorna que promove o goberno galego, busca captar ou reter na nosa terra aos mellores investigadores, profesionais gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC)
24
Aug
2020

A Axencia Galega de Innovación ( Gain) acaba de convocar dous postos de persoal investigador distinguido, no marco do programa Oportunius, que ten por obxectivo xerar, captar e reter talento investigador na Comunidade.

A iniciativa, cuxo prazo de solicitude finaliza hoxe, está destinada a profesionais gañadores de axudas Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que poderán optar a un contrato para desenvolver a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia, en concreto, no ámbito das neruociencias ou no das ciencias humanas e sociais. 

Oportunius está dirixido a apoiar aquel persoal investigador que desexe conseguir unha axuda do ERC ou que xa a conseguiu e quere desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia. O programa inclúe tres itinerarios, dirixidos respectivamente aos gañadores de axudas ERC, aos finalistas e aos candidatos.

O primeiro itinerario persegue a atracción, retención e retorno de persoal investigador destacado, aqueles que obtiveron unha axuda do ERC. Neste caso, o programa ofrece a opción a un contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación; así como outros tipos de apoio aos investigadores e proxectos que contan cunha axuda do ERC que se están desenvolvendo en Galicia.

O segundo itinerario ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento do persoal investigador cunha traxectoria consolidada e que superase a Fase 1 de avaliación dunha axuda do ERC. Neste itinerario, Oportunius ofrece apoio económico aos proxectos dos finalistas para incrementar as súas posibilidades de éxito nunha futura presentación a unha nova convocatoria.

Por último, o terceiro itinerario busca favorecer a participación nas convocatorias de ERC daquel persoal investigador que demostre un alto potencial e unha carreira investigadora prometedora en Galicia, para o que o programa ofrece formación, asesoramento e revisión do currículo e da idea de proxecto.

Ata a data, o programa impulsou tres contratos Oportunius a investigadores ERC (Diego Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela; Elena Follea, da Universidade de Vigo; e Rubén Nogueiras, da Universidade de Santiago de Compostela). En total, apoiouse a 16 gañadores de axudas do ERC das tres universidades galegas e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que desenvolven un total de 22 proxectos. Ademais, contaron con apoio do programa Oportunius 15 finalistas ERC, e avaliáronse máis de 110 candidaturas. Por outra banda, desenvolvéronse 11 talleres de formación nos que participaron máis de 190 persoas.

Compartir