- Portugal sae dunha lista na que continúan países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia ou Estados Unidos
Galicia actualizou a listaxe de territorios cuxos viaxeiros deben rexistrarse ao chegar á nosa terra. Unha modificación que vén xustificada pola evolución da situación epidemiolóxica tanto en distintas comunidades autónomas de España como noutros países.
Entre as principais novidades destaca a exclusión de Portugal, polo que as persoas procedentes do país veciño xa non están obrigados a proporcionar os seus datos de contacto. Tampouco será necesario inscribirse cando se viaxe ao país veciño. Así mesmo, entre as comunidades autónomas inclúese Madrid mentres se exclúe A Rioxa. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco.
Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non.
Dúas modalidades para facilitar a información de contacto
As persoas que visiten Galicia, terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros.
Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus. sergas. gal/ ou fornecer os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.
Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao comezo do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo as empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.
Lista de países actualizada
- En calquera dos países do continente africano.
- Nos seguintes territorios do continente americano: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, San Martín, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.
- Nos seguintes territorios de Asia: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kirguizistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen e Vietnam.
- Nos seguintes territorios de Europa: Albania, Andorra, Armenia, Acerbaixán, Bulgaria, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Croacia, Illas Feroe, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Montenegro, Macedonia do Norte, Romanía, Rusia e Serbia.
- Nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Madrid, Navarra e País Vasco.