Se es galego retornado, tes ata o 30 de outubro para solicitar a túa axuda extraordinaria

  • Se volviches a Galicia nos últimos dous anos e es descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma, podes optar a estes apoios
  • O programa buscar facilitar facer fronte aos gastos que calquera retorno comporta
20
Aug
2020

A crise do coronavirus está tendo consecuencias económicas en miles de familias galegas, entre as que pode que vos encontredes vós, os emigrantes retornados, os que acabades de volver á vosa terra. Lembrade que se necesitades unha axuda para facer fronte aos gastos que conleva o retorno, tendes á vosa disposición as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, un programa da Secretaría Xeral da Emigración no que hoxe máis que nunca vos podedes apoiar para afrontar esta etapa.

Este programa ten aínda aberto o prazo de solicitude ata o próximo 30 de outubro. Este ano, como novidade, podedes optar aos apoios todos os descendentes por consanguinidade dunha persoa galega e nada na comunidade autónoma.

Ademais, e como sucedía ata o de agora, seguides sendo beneficiarios do programa os galegos, ou aqueles que esteades casados cun galego/a –ou teñades unha relación análoga a esta-, sempre que volvésedes á vosa terra nos últimos dous anos. Podedes pedir as subvencións na sede electrónica da Xunta.  

AS AXUDAS ASCENDEN A 1.000 EUROS POR FILLO MENOR DE IDADE, ATA O SEGUNDO, E 1.500 EUROS PARA O TERCEIRO E SUCESIVOS

A ampliación de prazos e a mellora das condicións encádrase no conxunto de medidas que a administración galega está a adoptar para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, que derivou nunha crise social e económica que afecta en maior medida aos retornados e á súa inserción socio–laboral.

O programa de axudas extraordinarias busca apoiarche no proxecto persoal e profesional que estás a emprender. Unha axuda especialmente dirixida ás familias, ao incrementar a contía en función do número de fillos: 1.000 por cada neno menor de idade ata o segundo, e 1.500 para o terceiro e sucesivos.

Ademais, se fixaches a túa residencia nun concello do rural, o apoio por fillo increméntase nun 25%.

SE ES UN DOS BENEFICIARIOS: ¡ENTRA E SOLICITA A TÚA AXUDA!
Compartir

Galicia súmase a 'Radar Covid'

  • A comunidade adhírese á app estatal de rastrexo, que será interoperable con 'Passcovid', a ferramenta galega que xa se atopa en fase piloto co obxectivo de localizar ás persoas que estiveron en contacto con novos contaxiados e achegar información de interese á cidadanía
19
Aug
2020

A loita contra o coronavirus segue. E neste momento, un dos alicerces fundametales reside na capacidade de rastrexar o virus cada vez que se detecta un positivo. Con este obxectivo, Galicia sumouse á aplicación de rastrexo “Radar Covid” que está a desenvolver o Goberno central. A ferramenta engadirase ao sistema “ Passcovid”, que neste momento está testeando na súa fase piloto a Xunta de Galicia, e que será completamente interoperable coa app estatal.

A actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus Sars- cov2, e así conseguir unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución. Neste sentido, “Radar Covid” é unha ferramenta de participación cidadá que, grazas á súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas idóneas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica.

Pola súa banda, a aplicación ‘ Passcovid' configúrase como unha canle telemática e preferente de contacto de residentes e transeúntes en Galicia que, por medio da tecnoloxía Bluetooth e grazas á conexión co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos, permitirá coñecer con precisión a trazabilidad do Covid-19 na Comunidade.

O goberno galego agrupará así nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, incluída a do rastrexo automatizado de contactos, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. Así, a adhesión á app será voluntaria e garantirá a privacidade e confidencialidade dos datos que se insiran na mesma.

Perfil anónimo ou personalizado 

As persoas que descarguen a aplicación ‘ Passcovid', poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo.

No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación co COVID. Se se opta por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ambos os casos, se a persoa usuaria decide, de maneira voluntaria, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciados de acordo á localización da persoa en cada momento. Así, ‘ Passcovid' facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

Compartir

A aula GaliciaAberta despídese tras sumar preto de 400.0000 visualizacións

  • A iniciativa, posta en marcha durante a pandemia, permitiu seguir fomentando a cultura e tradicións galegas entre a colectividade durante todos estes meses
18
Aug
2020
Percusións de man e canto tradicional galego, Gaita, Baile, Percusión tradicional, Contapinta e Cociña son os obradoiros da Aula GaliciaAberta

 

Aquel afastado virus do que oímos falar por primeira vez nun mercado de Wuhan foi abríndose paso, entre ecos e noticias, ata converterse nunha pandemia. A primeira en moitas décadas, cuxa capacidade de contaxio non só puxo o mundo patas para arriba, senón que nos obrigou a reinventarnos. Calquera problema, con todo, por grande que sexa ofrece solucións que poden mellorar o que xa había. Algo así debe dicirse da Aula GaliciaAberta, iniciativa posta en marcha polo Goberno galego o pasado 27 de abril co obxectivo de reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade no exterior, ante a imposibilidade de continuar coas actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo.   

Unhas clases 'virtuais' que finalizaban hai uns días tras sumar  preto de 400.000 visualizacións. A cifra fala do éxito dun proxecto que contou inicialmente con sesións formativas impartidas polos mestres de canto e pandeireta ( Leni Pérez), percusión (Alexandre Fernández Castro), gaita ( Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), e á que se sumaron posteriormente unha sección infantil de contacontos (a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que contabilizou máis de 26.000 visualizacións) e un taller de cociña a cargo do chef André Arzúa (aínda por concluír e cuxa próxima sesión podedes gozar leste mesmo venres a partir das oito da tarde, en horario peninsular español). 

Titorías e vídeos promocionais 

As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais do persoal docente, que foron vistos por milleiros de galegos  residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, as visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou preto de 65.000 visitas.

A Arxentina, Brasil, O Uruguai,  México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte dos espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.

Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores e espectadoras para asistir ás clases, sumando máis de 350.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tanto as clases como o material didáctico aportado previamente polo persoal docente, que constan de entre dez e catorce sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

Compartir

A muralla de Lugo: unha viaxe a través do tempo

  • Desde as súas orixes romanas, pasando pola época medieval, ata o innovador e revolucionario século XIX, este monumento arquitectónico conforma unha proba inmellorable da evolución da nosa terra
17
Aug
2020

A segunda quincena de agosto condúcenos ata a cidade de Lugo, cuxa muralla é o exemplo que mellor sobrevive de todas as fortificacións militares romanas. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a muralla é un exemplo excepcional do tipo de construción que ilustra varios períodos significativos da historia humana.

Dende as súas orixes romanas, pasando pola axitada época medieval ata o innovador e revolucionario século XIX, conforma un monumento singular que proba as distintas facetas da evolución dunha cidade como Lugo a cal é, en si mesma, un importante conxunto histórico-artístico dende a orixinal Lucus Augusti.

En Lugo todo xira ao redor da muralla, esta é o corazón da cidade. Subir ao seu adarve e percorrer os case 2,3 quilómetros deste ancho paseo bimilenario transportaravos a outros tempos pero, sen dúbida, a xente paseando, falando ou facendo deporte fará que vos deades de conta de que a muralla está máis viva ca nunca, pois parece unha rúa máis desta encantadora cidade.Ao redor da murallaLugo posúe outro importante patrimonio que debedes visitar unha vez que vos encontredes na cidade, como o burgo vello ou a catedral.

Sen dúbida ningunha, un paseo polo seu encantador centro histórico levaravos a algún establecemento onde poderedes repoñer forzas: non deixedes de probar o polbo á feira, o lacón con grelos nin as filloas con mel. Por algo hai un lema que di: e para comer, Lugo!

Pero Lugo é moito máis. Se vos cadra de chegar aquí no solsticio de verán ou a primeiros de outubro, poderedes mesturarvos co bulicio dos miles de visitantes que acoden ao Arde Lucus, unha celebración na que se evoca o pasado romano da cidade, e ás festas patronais do San Froilán, respectivamente.

Por último, non debemos esquecer que Lugo é cidade de paso dun dos ríos máis importantes de Galicia, o Miño, á beira do cal hai habilitado un importante espazo verde que podedes percorrer baixo as copas de árbores autóctonas. E así, acompañados polo frescor da ribeira do Miño, despedídevos desta fermosa cidade, por algo xa os romanos se fixaron nela…

Compartir

Galicia suma máis de 100 novos mozos investigadores

  • O programa Principia promove a captación e retorno de investigadores á nosa terra fomentando a súa incorporación aos distintos centros de coñecemento e institucións que traballan no ámbito do I D i
13
Aug
2020

 

Galicia segue sumando talento. Esta vez, a través do programa Principia, unha iniciativa que ten como obxectivo a captación e o retorno de investigadores á nosa terra fomentando a súa incorporación aos distintos centros de coñecemento e institucións que traballan no ámbito da I+D+i. Unha liña que este ano permite a contratación de 111 mozos investigadores galegos.

 

Cunha inxección de fondos públicos de 1.171.000 euros, o contrato para estes novos investigadores ten unha duración mínima dun ano, para o que se outorgan axudas de 10.000 euros. O 91% das persoas contratadas nesta ocasión desenvolverán as súas investigaciónes en empresas, mentres que o 9% restante incorporarase a organismos de investigación como universidades ou centros tecnolóxicos. Respecto das empresas, o 50% son microempresas, as 41% pequenas ou medianas e un 9% grandes. Ademais, o 39% son empresas altamente tecnolóxicas ou innovadoras (isto é, dispoñen do selo peme innovadora ou son empresa de base tecnolóxica ou ambas).

 

Ademais, máis do 61% das contratacións apoiadas son de carácter indefinido e o salario medio dos empregados será de 21.711€ brutos/anuais, por encima do salario mínimo establecido na convocatoria que ascendía a 19.000€. O 47% dos novos contratados carecen de experiencia laboral previa, un dato que pon de relevo que o programa supón unha primeira oportunidade de emprego de calidade no ámbito da innovación. Ao mesmo tempo, o 75% das contratacións bonificadas comportan un plan de formación para a persoa contratada e un 56% solicitaron o bono de formación de 1.000 euros que ofrecía como novidade o programa nesta edición.

Máis de 550 investigadores

En total, a través das cinco edicións desta iniciativa pioneira lanzada en 2016, permitiuse  a contratación de 553 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Principia enmárcase na Estratexia Retorna e no programa Talento 2021, impulsado polo Goberno galego para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I D i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns.

Compartir

As BEME traen de volta a Galicia este curso a case 150 mozos do exterior

  • Arxentina, Venezuela, México, Uruguai e Reino Unido son os países cun maior número de bolseiros, dos que 59 cursarán os seus estudos na USC, 57 na Universidade de Vigo, e 31 na UDC
  • 23 mozos naceron en Galicia e volven agora á nosa terra para seguir os seus estudos universitarios
12
Aug
2020
Acto de entrega de diplomas da promoción 2019-2020

Case cento cincuenta mozas e mozos da Galicia exterior cursarán os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas grazas á nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, o programa da Secretaría Xeral da Emigración que suma a súa cuarta edición na procura de fomentar o retorno da mocidade galega no exterior, nacida en Galicia.

Neste sentido, cómpre salientar que do total de beneficiarios, 23 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á nosa terra a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa.

Arxentina, Venezuela, México, Uruguai e Reino Unido son os países cun maior número de bolseiros, dos que 59 cursarán os seus estudos na USC, 57 na Universidade de Vigo, e 31 na UDC. 

Neste sentido, do total de persoas admitidas, 54 reside na Arxentina, 20 en Venezuela, 16 en México, 13 Uruguai, 12 en Brasil, 10 en Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, en 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suiza.  

Cabe salientar tamén a idade media dos beneficiarios das BEME, que se sitúa en 29 anos, sumando a maioría dos alumnos entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres concentran o 56% das bolsas, mantendo así a tendencia que experimenta este programa do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.

Estratexia Retorna 2020

Este programa, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, persegue incentivar o retorno dos cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Compartir

Máis de 30 estrelas Michelín para impulsar o Xacobeo 21

  • Chefs de recoñecido prestixio como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns Torres ou Elena Arzak realizan un tramo da entre Fisterra e Muxía desde Ponte Maceira
  • Berasategui aposta porque a acción sirva de "exemplo para toda España” da importancia da colaboración e a suma de esforzos á hora de avanzar na reactivación do turismo
11
Aug
2020

Foi só un pequeno tramo do Camiño, o que une Fisterra con Muxía arrincando desde Ponte Maceira. Pero non o percorreron uns peregrinos calquera. Nesta ocasión, o pausado arrastre de pés que soa co seu metódico pum- pum protagonizárono máis de 30 estrelas Michelín que buscaban, con esta iniciativa, servir de exemplo de unidade e de impulso do turismo e do próximo Xacobeo 2021

Con este obxectivo, e no marco do proxecto Estrelas Solidarias no Camiño, organizado polo restaurante Casa Barqueiro de Negreira (A Coruña), reuníronse onte recoñecidos chefs como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns torres e Elena Arzak, que realizaron o mencionado tramo do roteiro xacobeo antes de participar nunha percorrido-degustación con máis dunha ducia casetas de produtos enogastronómico e de Galicia Calidade.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o potencial deste tipo de proxectos á hora de impulsar o Ano Santo e favorecer a súa proxección exterior. Non en balde, iniciativas como Estrelas Solidarias no Camiño permiten dar un paso máis no obxectivo de poñer en marcha un Xacobeo 2021 que supoña un motor de reactivación económica, cultural e turística tras a crise sanitaria, sen perder de vista principios como o apoio a quen máis o precisa. “O talento de todos vós e as características da vosa cociña convértevos nos mellores embaixadores e aliados para Galicia”, resumiu Román Rodríguez, á vez que agradeceu o traballo dos irmáns Rial, propietarios do restaurante Casa Barqueiro.

Do mesmo xeito, en nome dos cociñeiros participantes, o chef Martín Berasategui, sinalou que esta acción “debe servir como exemplo en toda España” da importancia que ten a colaboración, o espírito de entendemento e a suma de esforzos entre persoas e proxectos de distintas orixes e con distintos intereses á hora de avanzar no obxectivo común da reactivación do turismo. Así mesmo, enxalzou a calidade da cociña e dos produtos da nosa Comunidade e a hospitalidade dos galegos. “Sentimos afortunados de ser amigos desta terra”, destacou.

Cociñeiros participantes

Participaron no evento a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o membro da Mesa del Turismo de España e da Asociación Española de Profesionales del Turismo, Alberto Barciela, e os cociñeiros David de Jorge, Elena Arzak, Eneko Atxa, Javier Torres, Jesús Sánchez, Jordi Cruz, Manuel Costiña, Marcos Granda, Martín Berasategui, Miguel Ángel Campos, Miguel Sorazu, Pachi Beamon e Sergio Torres, ademais de Fran Rial e Rogelio Rial, propietarios de Casa Barqueiro.

Tras o seu percorrido polo Camiño de Fiserra e Muxía, desprazáronse ao recindo de Galicia Espectáculo, no Polígono Industrial de Covas, onde asistiron a un encontro gastronómico organizado por Casa Barqueiro que incluíu un percorrido-degustación por máis dunha decena de stands de empresas como Clun, Coren, Cabreiroá, Estrella Galicia, Huevos Campomayor, Jamón 5Js, Mcallan, Terras Gauda, Tonica Tribute, Vermuteria Petroni, Vía Romana, Vino La Bandida, Cafés Candelas e o resto de marcas certificadas por Galicia Calide. Tamén estiveron presentes empresas como Autocares Modesto Riveiro, Bodegas Altanza, Champan Mum, Galicia Espectáculo, Eventos Alborada, Gadis ou Panadería Xallas.

Compartir

Cabo fisterra: o lugar onde o mundo termínase

  • Continuamos a nosa viaxe por Galicia neste mes de agosto desplanzándonos ao norte, a Finisterre, outro lugar que non vos podedes perder se visitades a nosa terra este verán
26
Jul
2021

Continuando a nosa viaxe por Galicia neste mes de agosto, a ruta nos leva ata Fisterra, un lugar considerado durante a Antigüidade como a fin do mundo coñecido. De feito, a súa posición xeográfica e os impresionantes solpores fixéronlle crer a Décimo Xuño Bruto (xeneral romano que dirixiu a conquista de Galicia) que este era, efectivamente, o lugar onde morría o sol.

O contorno deste cabo foi un lugar máxico dende antigo, pois dise que neste lugar se atopaba a Ara Solis un altar, segundo di a lenda, no que os fenicios practicaban o culto ao sol. Así pois, animámosvos a facer un percorrido por este recuncho das nosas costas onde a maxia do lugar guiará os vosos pasos.

Á vosa chegada á vila de Fisterra visitade a zona do porto onde poderedes contemplar o ir e vir das embarcacións nun mar tan quedo que non vos dará a impresión de atoparvos na fera Costa da Morte. Perdédevos entre as rúas desta vila mariñeira e achegádevos a algunha das súas tabernas onde as anécdotas dos vellos lobos de mar vos acompañarán, ao tempo que dades conta dun bo prato de longueiróns como aperitivo ou de calquera outro saboroso produto destas bravas augas.

Continuade a viaxe cara á zona do faro, non sen antes detervos no santuario románico de Santa María das Areas que alberga no seu interior a venerada imaxe do Cristo da Barba Dourada. Conta a lenda que unha embarcación se desfixo del por ter dificultades na navegación, chegando á vila arrastrado polo mar. Non deixedes pasar a oportunidade de achegarvos a esta imaxe para poder comprobar en por vós se é verdade o que todos contan: aseguran que lle medran os cabelos e as unllas… No camiño cara á fin do mundo, debemos coñecer outro máxico lugar: as ruínas da ermida de San Guillerme, un lugar impregnado de poderes máxicos relacionados coa fecundidade.  De feito, este é un lugar ao que, aínda non hai moito tempo, acudían esperanzadas as parellas buscando un milagre para concibir o fillo que non chegaba.

Seguindo a mesma estrada, non é estraño que atopemos máis dun peregrino camiñando paseniño mentres se recrea nas vistas da ría de Corcubión, co Monte Pindo ao fondo.

Unha vez no faro, as maxestosas vistas do acantilado sobre o océano Atlántico, o mar batendo con forza e a sensación de que non hai nada máis que se interpoña entre este anaco de terra e o novo continente agás toda esa auga, deixará pegada en vós, pois non todos os días se ten a oportunidade de ver o solpor na Fin do Mundo.

Compartir

Galicia actualiza a listaxe de visitantes que deben rexistrarse ao chegar á nosa terra

  • Portugal sae dunha lista na que continúan países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia ou Estados Unidos
06
Aug
2020

Galicia actualizou a listaxe de territorios cuxos viaxeiros deben rexistrarse ao chegar á nosa terra. Unha modificación que vén xustificada pola evolución da situación epidemiolóxica tanto en distintas comunidades autónomas de España como noutros países.

Entre as principais novidades destaca a exclusión de Portugal, polo que as persoas procedentes do país veciño xa non están obrigados a proporcionar os seus datos de contacto. Tampouco será necesario inscribirse cando se viaxe ao país veciño. Así mesmo, entre as comunidades autónomas inclúese Madrid mentres se exclúe A Rioxa. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco.

Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non.

Dúas modalidades para facilitar a información de contacto

As persoas que visiten Galicia, terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. 

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus. sergas. gal/ ou fornecer os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao comezo do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo as empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.

 

Lista de países actualizada
  • En calquera dos países do continente africano.
  • Nos seguintes territorios do continente americano: Arxentina, Bahamas, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, San Vicente e As Granadinas, San Martín, Surinam, Illas Tartarugas, Estados Unidos, Illas Virxes, Venezuela, Haití, Xamaica e Nicaragua.
  • Nos seguintes territorios de Asia: Bahrein, Bangladesh, India, Irán, Iraq, Israel, Kazakstán, Kuwait, Kirguizistán, Líbano, Maldivas, Omán, Palestina, Filipinas, Qatar, Arabia Saudí, Singapur, Emiratos Árabes, Uzbequistán, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen e Vietnam.
  • Nos seguintes territorios de Europa: Albania, Andorra, Armenia, Acerbaixán, Bulgaria, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Croacia, Illas Feroe, Kosovo, Luxemburgo, Moldavia, Montenegro, Macedonia do Norte, Romanía, Rusia e Serbia.
  • Nas comunidades autónomas de Aragón, Cataluña, Madrid, Navarra e País Vasco.
 
Compartir

Galicia impulsa unha aceleradora de empresas para loitar contra a pandemia

  • Connect-19 promove 20 proxectos de pemes galegas con distintas soluciones fronte á Covid-19
05
Aug
2020
Un dos proxectos facilitará a vixilancia de aforo en espazos públicos a través de drons.

A nova aceleradora Connect-19, que o goberno galego impulsa con 600.000 euros, permitirá consolidar 20 proxectos de pemes da rexión centrados no desenvolvemento de solucións innovadoras fronte á Covid-19.

Esta vintena de iniciativas contribuirán a ampliar o espectro da loita contra o coronavirus a través de propostas centradas no traballo de máscaras infantís biodegradables feitas con fibras vexetais, puntos de control de acceso e de temperatura, sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos a través de drons, un kit sensorial para a detección precoz, o desenvolvemento de ingredientes cosméticos con capacidade antiviral para incorporalos a distintos produtos, a posta en marcha dunha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e outro tipo de centros ou o desenvolvemento de ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outros.

Os proxectos seleccionados foron presentados esta semana a través dunha videocoferencia na que o representante do goberno autonómico, o conselleiro de Economía Francisco Conde, explicou  que potenciar a innovación é a "única solución posible" no novo contexto socioeconómico, xa que "só a través desa innovación, Galicia poderá reactivar a súa economía e saír reforzada" desta pandemia.

Neste marco, a nova incubadora vén confirmar que Galicia "cre nos seus axentes innovadores" para liderar a recuperación económica e o fortalecemento sanitario. Non en balde, os 20 proxectos seleccionados son pemes innovadoras que poderán acceder a maiores mercados a través desta iniciativa.

O obxectivo principal é ofrecer unha oportunidade comercial para consolidar estas iniciativas, fortalecendo o seu posicionamento innovador, favorecendo os investimentos públicos e privados e impulsado o seu acceso a máis e maiores mercados internacionais.

Compartir