• A inicitiva permite o acceso a tres tipos de ferramentas dixitais e identifica os perfís profesionais máis demandados
21
Sep
2020

Puxéronse en marcha a comezos de ano e fai un par de días presentaron xa os resultados. Estamos a falar da primeira plataforma europea sobre oferta formativa e de emprego no sector marítimo-portuario; unha ferramenta pioneira impulsada desde Galicia, e cuxos último detalles están a perfilar os promotores  MarENet, Atlantic Maritime Ecosystem Network, un consorcio de oito entidades españolas, irlandesas e francesas lideradas polo Campus do Mar galego.

Todos eles celebraron a semana pasado, en liña, o seminario internacional Carreiras azuis como estratexia para fomentar a industria azul atlántica, no que debateron sobre as habilidades e coñecementos que deben ter os profesionais dos principais sectores marítimos, tanto dos ámbitos máis tradicionais -construción naval, loxística e servizos de portos marítimos, pesca e acuicultura-, como dos emerxentes, caso da biotecnoloxía azul ou as enerxías renovables.

A nova plataforma está constituída por tres ferramentas dixitais que facilitan o acceso á información xerada respecto a itinerarios, oferta formativa, e ofertas-demandas de emprego no ecosistema marítimo-portuario. “Estas ‘dixital tools’ permitirán integrar toda a información que se xere no proxecto de forma sistematizada, facéndoa facilmente accesible aos potenciais usuarios, así como facilitar a interacción entre os actores da empresa, o mundo da formación, os traballadores, os demandantes de emprego, etc.", explican os responsable do proxecto.

  1. A primeira destas ferramentas está vinculada ás carreiras profesionais e mostrará de forma didáctica en que consiste o traballo e as tarefas técnicas de cinco perfiles profesionais chave de cada un dos segmentos da economía azul que abarca o proxecto. Permitirá aos potenciais usuarios coñecer a formación requirida para un posto, as tarefas para executar, o salario potencial, as oportunidades de progresar nese campo, etc.
  2. A segunda, xa operativa, está vinculada aos cursos e proporcionará información a aqueles interesados en atopar formación e oportunidades de avance das súas capacidades profesionais, ofrecendo información sobre a oferta formativa (regulada e non regulada) para cada un dos segmentos en España, Francia e Irlanda.
  3. A terceira céntrase nos empregos e supón unha oportunidade para aquelas persoas que están na procura de traballo ou prácticas en empresas relacionados coa economía azul.
 Cales son os perfís profesionais máis demandados?

O proxecto permitiu tamén realizar un traballo de campo nos tres países socios no que, a través de enquisas a profesionais dos sectores máis representativos, identificáronse as principais demandas desta industria en canto a formación e capacitación.

  • Na industria do sector da construción naval resulta difícil atopar perfís cualificados no mercado laboral, sobre todo, eléctricos, eléctricos de motor, soldadores, persoal de operacións e de uso de máquinas... Tamén se botan en falta expertos en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), así como persoas con experiencia profesional no manexo e xestión de datos (data science).
  • No sector de portos e servizos loxísticos demándase, sobre todo, persoal con coñecementos en navegación marítima e contaminación mariña; condutores/as de guindastres e de vehículos pesados e tripulantes/capitáns en barcos de prácticos.
  • No caso da pesca e a acuicultura atópanse dificultades para cubrir postos de traballo como capitáns pesqueiros, tripulantes para barcos de pesca, mergulladores...

A razón principal pola que non se atopan estes perfís débese principalmente ao descoñecemento xeral sobre as oportunidades de traballo que ofrece o sector, a falta de atractivo das tarefas para realizar e as duras condicións da contorna laboral.

Máis formación dual e promoción das carreiras azuis

O estudo profunda tamén nas principais medidas que deberían poñerse en marcha para solucionar estas carencias, destacando entre elas a colaboración entre industria e centros de educación, tanto no deseño de programas de formación dual que combinen a teoría coa experiencia práctica, como na promoción das denominadas “carreiras azuis”.

A maiores, tamén se fixo fincapé na necesidade de adaptar os diferentes programas formativos á actual normativa pola que se rexe esta industria e á necesidade de harmonizalos no conxunto da Unión Europea.

Seis segmentos craves dentro da Economía Azul

Todos estes recursos que se están creando e poñendo en marcha no marco do proxecto MarENet, e buscan proporcionar información e conectar a aquelas persoas interesadas en desenvolver ou mellorar as súas oportunidades profesionais nalgunhas das moitas actividades produtivas e servizos que integran o amplo sector da Economía Azul.

 

A efectos operativos, as actividades da Economía Azul que se contemplan neste estudo agrúpanse en seis segmentos:

  1. Construción e reparación naval
  2. Enerxías renovables
  3. Loxística e servizos portuarios
  4. Pesca, acuicultura e biotecnoloxía azul
  5. Transporte, navegación marítima e servizos 
  6. Seguimento, seguridade e vixiancia e turismo costeiro-marítimo 
Compartir