• O programa de retorno emprendedor ofréceche, ata o 30 de outubro, apoios de ata 8.000 euros para o inicio da túa actividade
23
Oct
2020
Retorno emprendedor

Se es galego e volviches á túa terra para emprender, aínda tes unha semana para darlle un novo impulso ao teu negocio. Ata o próximo 30 de outubro, podes solicitar unha das axudas que ofrece a liña de apoio ao retorno emprendedor, unha iniciativa promovida polo Goberno galego para facilitar a volta a casa de todos aqueles que iniciades na nosa terra un novo proxecto profesional.

Para ser beneficiario do programa tes que ter retornado a Galicia nos últimos dous anos, poñendo en marcha o teu negocio durante ese prazo de tempo. 

As axudas teñen unha contía mínima de 5.000 euros para cada retornado emprendedor. Ademais, increméntanse en 1.000 euros se es muller, e noutros 2.000 euros se estableces o teu negocio no rural. Desta forma, podes obter ata 8.000 euros para lanzar a túa empresa. O único que necesitas é presentar un plan de negocio empresarial que conte cun informe de viabilidade económica e financeira dunha entidade independente.

200 familias xa voltaron a casa grazas a esta iniciativa

Ata a data, case 200 familias galegas volveron a casa a través deste programa, labrando en nosa un futuro laboral e profesional.

A importante demanda que está a experimentar esta liña de apoios levou á Secretaría Xeral dá Emigración a volver incrementar o orzamento para este ano, que ascende ata os 400.000 euros.

Desta forma incentívase o retorno de galegos que residides fóra e queredes emprender aquí o voso negocio, en especial daqueles mozos da diáspora que desexades ter unha nova oportunidade na nosa terra. 

Neste sentido, o programa está a permitir, maioritariamente, o retorno da mocidade -a idade media dos beneficiarios sitúase nos 42 anos-, á vez que contribúe á dinamización do rural galego.

SE VOLVICHES A GALICIA E ES EMPRENDEDOR, ENTRA E SOLICITA A TÚA AXUDA!
Compartir