Unha viaxe de ida e volta: de Salceda de Caselas a Belo Horizonte

  • “Galicia parécese á miña terra: verde e con bo clima, aínda que aquí fai máis frío”
  • Manuela Núñez volveu á terra do seu pai grazas a unha bolsa BEME
19
Mar
2020

Ao sur de Pontevedra, preto da fronteira con Portugal –como gran parte desa raia- aséntase o municipio de Salceda de Caselas, que debe o seu nome ao monasterio de Santa María de Saliceta. Unha zona dun verde irresistible que circula, como o propio río Caselas, entre curvas e rellanos ata morrer en terras de Tui e Salvaterra.

Un lugar igual e diferente, sometido aos mesmos avatares da historia que o resto de Galicia; desa Galicia neste caso de posguerra, golpeada nlo máis fondo pola decepción dun mal conflicto, e no máis básico pola tristeza provocada pola fame. As cousas cambiarían co tempo, pero naquela década dos cincuenta foron moitos os que emigraron en busca do que quixese ser a felicidade.

Arturo Núñez Barros foi un deles. Con 19 anos emprendeu o camiño que xa percorrera unha das súas irmás, Milagros. E que máis tarde trazarían outros tres: Enrique, Manuel e Saladina.

De 8 irmáns, máis da metade alén do océano. Unha marea de relatos que se entrecruzan nas augas do Atlántico e buscan, entre as idas e vindas das ondas, o lugar adecuado de arribada.

O de Arturo foi Belo Horizonte, capital do Estado de Minas Gerais, unha cidade de clima amable bañada pola Laguna da Pampulha. Poderiamos dicir que alí fíxose maior antes de tempo, pero tampouco sería certo. Probablemente chegou xa sendo un home porque a vida entón non esperaba.

O reencontro con Galicia

E alí tamén, á sombra da Serra do Curral, coñeceu á nai dos seus fillos: Mailda Oliveira. Un matrimonio do que nacerían 3 fillas -Cesaria, Manuela e Paloma- e mil negocios. Contanolo xa Manuela, verdadeira protagonista desta historia. E o fai desde Galicia, a onde regresou co relato dos Núñez, nese ir y vir da marea.

“O meu pai emprendeu un negocio de hostalería, e lle ía bastante ben”, lembra xa en pasado. Porque cando Manuela tiña seis anos, a Arturo levouno un cancro fulminante, nunha desas demostracións de que a vida ten cruces para todos. “Pero a miña nai seguiu traballando, atendendo os negocios de papá, e sacou adiante a familia”, prosigue.

Non o fixo mal. Manuela licenciouse en Administración de Empresas en 2009 e empezou a traballar pouco despois. “Levo 14 anos traballando”.

Aínda que agora se tomou un pequeno respiro para cursar na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago un máster en Dirección de Empresas.

Faino grazas a unha bolsa BEME –acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior- promovida polo goberno de Galicia para facilitar a volta a casa dos galegos da diáspora.

No caso de Manuela é un reencontro. “Puiden volver a Galicia en 2018”, recoñece. Foi un viaxe lóstrego para coñecer a orixe da súa familia, aquela Salceda provinciana que, con todo, garda similitudes con ese Belo Horizonte que se erixe hoxe nun dos grandes centros neurálxicos de Brasil. “Parécese á miña terra: verde e con bo clima, aínda que aquí fai máis frío”, detalla.    

Aquela viaxe, “bonita e emocionante”, deixou pegada. Talvez por iso, cando xurdiu a posibilidade de volver, Manuela non dubidou.

“Apunteime, concedéronme a bolsa, e cheguei de volta a Galicia en setembro do ano pasado”, lembra.

Agora goza desde Santiago desa terra que o seu pai deixou atrás sendo moi novo, e á que o destino, sempre caprichoso, nunca lle concedeu a oportunidade de retornar. Tivéralle gustado, porque pouco ten que ver esta Salceda con aquela en branco e negro arrasada aínda polas penurias da guerra.

“Son culturas distintas, pero aquí estou feliz. Aos poucos voume adaptando”, prosegue Manuela, quen destaca entre as vantaxes de Galicia a seguridade, a economía e unha sociedade máis igualitaria. Iso, e todo o que está por descubrir. “Encántame Santiago; e Salceda, claro. E os sitios que visitei por agora: Tui, Ferrol, A Coruña, Pontevedra…”.

Aínda lle queda tempo para seguir explorando. Máis do que ela e calquera de nós desexase. Pero o Covid-19 ten estas cousas. En calquera caso, Manuela está feliz. O futuro é hoxe incerto para todos, pero lle gustaría quedarse, e que viñesen as súas irmás, aínda que esa é xa outra historia que complican as familias e o traballo. Na súa, por agora, Manuela segue aquí. E por moito tempo.    

Compartir

Galicia, unha comunidade pioneira en educación dixital

  • Implantar o modelo educativo galego no resto de España podería mellorar o rendemento escolar un 30%
  • O proxecto de educación dixital E-Dixgal da Xunta está presente xa en 347 centros e ten máis de 27.000 alumnos que aprenden nunha contorna virtual
18
Mar
2020

Galicia saca sobresaliente en educación. E a nota la poñen os expertos. E por que Galicia é xa unha referencia en educación? A estratexia que marca a folla de roteiro para o futuro dos teus fillos é a clave e ten nome. Chámase Edudixital 2020, a estratexia galega para a educación dixital, que supón unha aposta pola integración de tecnoloxía e innovación nas aulas e foi determinante para que os alumnos galegos despunten no último informe Pisa.

Esta avaliación constata que os estudantes de Galicia lideran entre os españois as competencias en ciencias e ademais, con 510 puntos, un resultado superior á media do país, que se sitúa en 483 puntos. Tamén melloran en matemáticas e xa son quintos, e con 498 puntos superan a media española de 481.

As cifras falan e os expertos tamén. Edutech, o hub da innovación educativa integrado por máis de 70 entidades do ámbito educativo e tecnolóxico, asegura que implantar o modelo de Galicia no resto de España podería mellorar o rendemento escolar un 30%.

"Se o resto de España adoptara este innovador sistema de ensinanza, en liña cos máis brillantes do mundo como Finlandia ou Canadá, poderíanse mellorar non só os resultados dos alumnos, tamén a calidade e a excelencia do modelo educativo, o cal en moitos aspectos demostrou quedar atrás", afirman.

Galicia ten a taxa de abandono escolar máis baixa, un 14,3%, fronte ao 17,9% da media do país, e a razón é que os plans se centran en habilidades e capacidades de cada alumno, potenciándoas e mellorándoas.

Abalar, a orixe

Edudixital 2020 ten o seu xerme no programa Abalar, que se empezou a implantar no curso 2009/2010 como unha iniciativa para transformar o aula tradicional nun aula dixital.

Desde o 2014/2015 ofrece unha educación completamente dixital para as aulas de 5º e 6º de Primaria e de 1º y 2º de ESO grazas a outra medida, E-Dixgal, impulsada pola Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 

Este curso, en 347 centros de Galicia, os 27.000 alumnos de E-Dixgal aprenden nunha contorna virtual con EDI (encerado dixital), proxector, equipo no posto de docente e un netbook para o estudiante con conexión a Internet.

E de onde chegan os contidos dixitais? De editoriais como Edebé, Netex, aulaPlaneta e Pearson; do Espazo Abalar, con máis de 3.500 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas, ou o que o profesorado, en formación continua, poida crear, seleccionar ou engadir. Así se enche unha auténtica "mochila dixital".

Aprender a aprender con ferramentas tecnolóxicas que ademais contan coa participación de toda a comunidade educativa, tamén de vós os pais, a través de canles como apps e ferramentas. E aínda que na casa non teñan Internet, os estudantes poden traballar co seu netbook en modo offline.

Queres que o teu fillo forme parte da comunidad E-Dixgal?

Reforzo das competencias STEM

A innovación non só afecta ao soporte e á metodoloxía, os contidos reforzaron as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía,Enxeñería e Matemáticas) e isto é o que se fai en Galicia en educación.

Seguro que che interesa coñecer que os teus fillos terán a posibilidade de cursar un Bacheralato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach, como xa fan 560 alumnos de 31 centros; de participar nos Clubes de Ciencias, que chegan a 119 centros; nos Espacio Maker, en 30; nun campamento científico tecnolóxico en inglés (STEMweek); na Semana STEM; ou de coñecer a Robótica xa en Primaria, con kits que chegan xa a 178 centros públicos este curso.

E como indican os resultados do informe Pisa, a isto se une o reforzo de dúas horas de Matemáticas en Primaria e unha hora en ESO desde 2014; e a implantación de materias de libre configuración autonómica como Programación, Educación financiera e xadrez en Secundaria; ou Robótica en Bacheralato.

Compartir

O neno que sempre quixo ser bonsái

  • "Se queres gañar, necesitas a un profesional"
  • Manuel Germade é mestre titulado e recoñecido pola Asociación Xaponesa de Bonsái e a Asociación Xaponesa de Shohin Bonsái; o único español
  • Tras 5 anos en Xapón, hoxe ensina ao mundo enteiro o seu talento desde o seu Beluso natal
13
Mar
2020

A primeira vez que Manuel Germade viu un bonsái foi nun centro comercial. Paseaba coa súa tía e sumaba apenas 5 anos. Tal vez 6. Iso, a idade, non o lembra exactamente. É o de menos. O resto si, porque aquela diminuta masa de ramas e follas quedouse para sempre na súa memoria, nun deses espazos case eternos que só a morte pode obviar.

"Gustoume tanto que ao final conseguín que mo compraran", relata. Aínda que non durou moito. Pero o pequeno Manuel solucionou a decepción desde o inxeño. Lonxe de deprimirse, saíu ao xardín familiar, colleu a rama dunha ameixeira, e a plantou nun testo. A ameixeira, paradoxas da vida, non só aguantou máis que aquel bonsái, se non que arraigou tamén na mente infantil dese pequeno, que empezou a vislumbrar todo o que a natureza agocha.

Hoxe, máis de 30 anos despois, Manuel lembra aquela anécdota con esa mestura tan galega de cariño e nostalxia. Algo semellante á morriña.

E o fai desde a mesma finca familiar asentada na parroquia de Beluso, un pedaciño de Bueu bañado pola ría en todas partes.

Pero como en calquera outro relato, aconteceron moitas cousas desde entón. Hoxe Manuel é mestre titulado e recoñecido pola Asociación Xaponesa de Bonsái e a Asociación Xaponesa de Shohin Bonsái, -unha categoría de bonsái de 25 centímetros-. Isto, así, pode non dicir moito e, sen embargo, o di todo. É o único mestre español; e no conxunto nacional só hai outro en Madrid e é polaco. Galicia Calidade, xa saben.

E como se fai un "mestre de bonsáis"? Coa mesma disciplina que Xapón demanda a calquera dos seus mitos.

Os samuráis fundamentan a súa lenda nun código que se resume en dez principios: lealtade, autosacrificio, xustiza, sentido da vergoña, modais refinados, pureza, modestia, frugalidade, espíritu marcial, honra e afecto.

Os loitadores de sumo comezan a súa carreira aos 15 anos, convivindo nos denominados "establos" baixo un réxime entre militar e monacal: érguense ao mencer realizando en xaxún o seu primeiro adestramento; inxiren 8.000 calorías diarias; e algúns durmen con máscaras de oxíxeno.

O "réxime" de Xapón 

Manuel, salvando as distancias, viviu algo semellante cando, con 29 anos, decidiu irse a vivir a Xapón para obter o título de mestre. Cidade de Shizuoka, ao sur de Tokio. Familia Urushibata: Nobuchi, o pai; Taiga, o fillo. Profesionais do bonsái. Foron cinco anos de contrastes dun país "moi moderno pero moi tradicional", estrañando a terra a cada pouco.

Ás sete e media estaba limpando os baños e a cociña e quentando a auga para os almorzos; ás 8, sacando malas herbas do xardín; de 9 a 12, coas tarefas propias do coidado dun bonsái; logo, ata a unha, tempo para comer, "aínda que si comías en 15 minutos, mellor que en 30"; e de unha a sete da tarde, máis aprendizaxe. Despois de cear moitas veces voltaba para rematar traballo pendente: "Polo día tiña que axudar ao meu mestre con tarefas de construción e mantemento, así que pola noite facía horas extra para recuperar o tempo perdido".

E as vacacións? En Xapón non se celebra o Nadal, é un país de budistas e sintoístas. "Ao principio, con Nobuchi (o pai) de mestre, collía quince días en decembro e unha semana no verán. Pero Taiga (o fillo) era máis estricto, e apenas tiña unha semana solta en todo o ano".

Cousas dun país onde a costume impera. Taiga é o menor de tres irmáns: o maior non quixo continuar a tradición familiar dos bonsáis; a segunda é muller e rara vez se lles ofrece a oportunidade; así que lle tocou a Taiga por obligación. Esa mesma obligación que transforma en amargura moitas veces.

"Era moi estricto. Dicíame que tiña que considerarme un afortunado e que non podía perder o tempo".

O talento galego

E a boa fe que non o perdeu. Hoxe Manuel vive daquel soño infantil, gozando en cada árbore, en cada rama, en cada tronco, mentres encallece as mans entre espesos fíos de cobre que lle permiten dar forma ás súas criaturas. Enxertos que crean vida e mesturan especies; acodos que permiten separar árbores; unha colección de máis de 2.000 bonsáis de todo precio, tipo e condición.

E o fai desde o seu "recuncho", desde ese Beluso no que medrou e no que se fixo home antes de irse a Xapón e de volver; algo para o que contouó, tamén, co Programa de apoio ao retorno emprendedor promovido polo Goberno galego.

Agora Manuel ensina ao mundo enteiro o seu talento, comezando pola súa terra, onde montou unha escola en Bueu.

Holanda, Italia, Alemaña, cursos e talleres nos que descobre a alma dun bonsái, ou nos que ensina os segredos para imporse no Circuito Europeo de Exhibicións. "Se queres gañar, necesitas a un profesional", argumenta.

El o é. Probablemente o mellor.

De neno tivo un soño e, xa de adulto, segue nel, "aínda que ao ser traballo non é igual de divertido".

Clientes, alumnos, proveedores... sempre hai alguén disposto a interromper. Tarde ou cedo, con todo, Manuel volve a o seu soño, a aquel bonsái infantil que hoxe se transformou en multitude. Un mestre galego, desde Galicia para o mundo.  

Compartir

“Volver a Galicia éncheche o corazón”

  • "Acordaramos que se saía a bolsa BEME iamos a Galicia"
12
Mar
2020

Agustín Gianre e Agustina Patiño tiñan clara a data da súa voda desde facía xa case un ano: o 2 de novembro de 2019. Dacabalo entre unha bonita primavera e un verán caluroso no corazón de Arxentina: Córdoba. Todo resultaba tan evidente que fluía coa mesma facilidade coa que avanzan os contos de final feliz: a pedida de man celebrouse en decembro de 2018, preludio do que estaba por vir, xa definido.

Sen embargo, o mundo, como nos ensinou Forrest Gump, é como unha caixa de bombóns: nunca sabes o que che vai a tocar. E a familia Gianre Patiño non ía a ser unha excepción. Unha bolsa BEME –acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior- trastornou todos os seus planes. “O curso comezaba o 18 de setembro, polo que tivemos que cambiar a data da voda”, argumenta Agustina cunha excepcional sinxeleza, propia de quen ten claro o que quere e non pon escusas para conseguilo. 

Dito e feito. A notificación da bolsa lle chegou a mediados de xuño. Inmediatamente foron ao Rexistro e buscaron outra data: 17 de agosto. Inverno en Arxentina.

“Pero o pasamos moi ben. Tomámonolo como unha festa de despedida coa nosa familia e os nosos amigos”, lembra Agustina entre sorrisos mentres debulla o devir daqueles días nos que houbo que facer de todo mentres se preparaba unha voda: vender o auto, deixar o departamento, arranxar os papeis no Consulado…

De Córdoba a Gondomar

A decisión estaba tomada. Acordaramos que se saía a bolsa nos iamos”, segue Agustina debullando os seus recuerdos. Aínda que sería máis correcto falar de ‘volver’ que de ‘irse’ porque, a final de contas, volvía a casa, á Galicia na que todo comezou hai agora 32 anos.

 Porque a historia de Agustina, como a de miles de galegos e arxentinos, técese a través das ondas do Atlántico, nun ir e vir irremediable que non cesa ata que baixa a marea.

De Córdoba a Gondomar, de Gondomar a Córdoba, e outra vez de volta nesa Galicia que lembraba dunha forma case igual á que atopa, cos matices propios da modernidade.

“É curioso ver como aínda hai moitas tendas que xa estaban aí antes”, resalta Agustina falando dese mesmo Gondomar no que o seu pai, Mario, montou unha clínica dental cando ela apenas sumaba un par de anos. Unha vila que rememora acolledora e próxima, como agora, na que permaneceu ata os 18 anos, e nla que naceron as súas irmá. “Os meus papás casaron en 1986. Eu nacín en Arxentina, pero Gala, Marcelina e Nazareth fixérono en Galicia”, relata.

E así foron pasando os anos dunha infancia feliz en Gondomar. Ata o 2006. “A papá lle tiraba a familia, os asados, a terra… A min tocábame empezar a Universidade, e ao final consideramos que era boa ocasión para volver a Arxentina”, expón coa mesma naturalidade e convicción coa que anos máis tarde cambiaría a data da súa voda.

Ao ano volveron a súa nai, Bibiana, e as súas irmás. E en 2008 Mario pechou o círculo: adeus á clínica e volta á Arxentina dos seus soños.

Alí, Agustina licenciouse en Arquitectura e a vida, como sempre, segui abríndose paso.

Aínda que nese camiñar hai moitos roteiros, e algúns, sen sabelo, rematan nun pozo cargado de contradicións. Un espazo tan escuro e tan absurdo que che fai ver normal o extraordinario. E entón, noutro alarde de tranquilidade e sinxeleza, decides volver a Galicia.

A volta a Galicia

E iso foi exactamente o que lle pasou a Agustina. Algo fixo ‘clic’ no seu interior durante unha cea de fin de ano. Os seus sogros puxéronse a narrar unha anécdota: “Roubáranlles o auto”. E inmediatamente todos os que estaban á mesa tiñan historias similares; unha experiencia que contar.

“Era un tema normal de conversación! E non o é. Eu quería formar unha familia, vivir tranquila… Nese momento sentinme fóra de lugar. E analizando o historial político e económico do país dinme conta de que, a corto ou mediano prazo, nada ía a cambiar", expón do tirón, coa agridoce sensación de quen teme “deixar os mellores anos” da súa vida en “algo que non tracciona”.   

E non foi fácil. Nunca o é. “Doeunos moitísimo. As miñas avoas , unha tiña 90 anos e a outra, a punto de cumprir 91; o meu marido tiña un avó de 90… Pero estaba decidido. Ao final, se non, se che pasa a vida e ves que non fixeches nada”, apunta.

Así que non o dubidaron. E en canto lle concederon a bolsa BEME iniciaron o camino de retorno, que desta volta os deixou en Lugo, onde Agustina cursa o seu Máster en Dirección de Proxectos. “Lugo foi unha grata sorpresa”, recoñece alguén que, 15 anos despois de marchar, segue redescubrindo Galicia a cada instante.

“Volver a Galicia é volver aos mellores recordos da miña vida, os de alguén que tivo unha infancia moi feliz. Volver a eses recordos éncheche o corazón”, recoñece Agustina.

E o futuro? Xa se verá. Aínda que Lugo podería ser un bo destino. Por agora, os Gianre Patiño gozan do momento en compañía da pequena Olivia: Agustín traballa nunha empresa da zona mentres ela remata os seus estudos de posgrao. E o fan tranquilos, coa calma do que amence cada día co tempo para pensar na súa rutina, tan lonxe e tan cerca daquela Arxentina querida. 

Compartir