- “Galicia parécese á miña terra: verde e con bo clima, aínda que aquí fai máis frío”
- Manuela Núñez volveu á terra do seu pai grazas a unha bolsa BEME
Ao sur de Pontevedra, preto da fronteira con Portugal –como gran parte desa raia- aséntase o municipio de Salceda de Caselas, que debe o seu nome ao monasterio de Santa María de Saliceta. Unha zona dun verde irresistible que circula, como o propio río Caselas, entre curvas e rellanos ata morrer en terras de Tui e Salvaterra.
Un lugar igual e diferente, sometido aos mesmos avatares da historia que o resto de Galicia; desa Galicia neste caso de posguerra, golpeada nlo máis fondo pola decepción dun mal conflicto, e no máis básico pola tristeza provocada pola fame. As cousas cambiarían co tempo, pero naquela década dos cincuenta foron moitos os que emigraron en busca do que quixese ser a felicidade.
Arturo Núñez Barros foi un deles. Con 19 anos emprendeu o camiño que xa percorrera unha das súas irmás, Milagros. E que máis tarde trazarían outros tres: Enrique, Manuel e Saladina.
De 8 irmáns, máis da metade alén do océano. Unha marea de relatos que se entrecruzan nas augas do Atlántico e buscan, entre as idas e vindas das ondas, o lugar adecuado de arribada.
O de Arturo foi Belo Horizonte, capital do Estado de Minas Gerais, unha cidade de clima amable bañada pola Laguna da Pampulha. Poderiamos dicir que alí fíxose maior antes de tempo, pero tampouco sería certo. Probablemente chegou xa sendo un home porque a vida entón non esperaba.
O reencontro con Galicia
E alí tamén, á sombra da Serra do Curral, coñeceu á nai dos seus fillos: Mailda Oliveira. Un matrimonio do que nacerían 3 fillas -Cesaria, Manuela e Paloma- e mil negocios. Contanolo xa Manuela, verdadeira protagonista desta historia. E o fai desde Galicia, a onde regresou co relato dos Núñez, nese ir y vir da marea.
“O meu pai emprendeu un negocio de hostalería, e lle ía bastante ben”, lembra xa en pasado. Porque cando Manuela tiña seis anos, a Arturo levouno un cancro fulminante, nunha desas demostracións de que a vida ten cruces para todos. “Pero a miña nai seguiu traballando, atendendo os negocios de papá, e sacou adiante a familia”, prosigue.
Non o fixo mal. Manuela licenciouse en Administración de Empresas en 2009 e empezou a traballar pouco despois. “Levo 14 anos traballando”.
Aínda que agora se tomou un pequeno respiro para cursar na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago un máster en Dirección de Empresas.
Faino grazas a unha bolsa BEME –acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior- promovida polo goberno de Galicia para facilitar a volta a casa dos galegos da diáspora.
No caso de Manuela é un reencontro. “Puiden volver a Galicia en 2018”, recoñece. Foi un viaxe lóstrego para coñecer a orixe da súa familia, aquela Salceda provinciana que, con todo, garda similitudes con ese Belo Horizonte que se erixe hoxe nun dos grandes centros neurálxicos de Brasil. “Parécese á miña terra: verde e con bo clima, aínda que aquí fai máis frío”, detalla.
Aquela viaxe, “bonita e emocionante”, deixou pegada. Talvez por iso, cando xurdiu a posibilidade de volver, Manuela non dubidou.
“Apunteime, concedéronme a bolsa, e cheguei de volta a Galicia en setembro do ano pasado”, lembra.
Agora goza desde Santiago desa terra que o seu pai deixou atrás sendo moi novo, e á que o destino, sempre caprichoso, nunca lle concedeu a oportunidade de retornar. Tivéralle gustado, porque pouco ten que ver esta Salceda con aquela en branco e negro arrasada aínda polas penurias da guerra.
“Son culturas distintas, pero aquí estou feliz. Aos poucos voume adaptando”, prosegue Manuela, quen destaca entre as vantaxes de Galicia a seguridade, a economía e unha sociedade máis igualitaria. Iso, e todo o que está por descubrir. “Encántame Santiago; e Salceda, claro. E os sitios que visitei por agora: Tui, Ferrol, A Coruña, Pontevedra…”.
Aínda lle queda tempo para seguir explorando. Máis do que ela e calquera de nós desexase. Pero o Covid-19 ten estas cousas. En calquera caso, Manuela está feliz. O futuro é hoxe incerto para todos, pero lle gustaría quedarse, e que viñesen as súas irmás, aínda que esa é xa outra historia que complican as familias e o traballo. Na súa, por agora, Manuela segue aquí. E por moito tempo.