- "Acordaramos que se saía a bolsa BEME iamos a Galicia"
Agustín Gianre e Agustina Patiño tiñan clara a data da súa voda desde facía xa case un ano: o 2 de novembro de 2019. Dacabalo entre unha bonita primavera e un verán caluroso no corazón de Arxentina: Córdoba. Todo resultaba tan evidente que fluía coa mesma facilidade coa que avanzan os contos de final feliz: a pedida de man celebrouse en decembro de 2018, preludio do que estaba por vir, xa definido.
Sen embargo, o mundo, como nos ensinou Forrest Gump, é como unha caixa de bombóns: nunca sabes o que che vai a tocar. E a familia Gianre Patiño non ía a ser unha excepción. Unha bolsa BEME –acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior- trastornou todos os seus planes. “O curso comezaba o 18 de setembro, polo que tivemos que cambiar a data da voda”, argumenta Agustina cunha excepcional sinxeleza, propia de quen ten claro o que quere e non pon escusas para conseguilo.
Dito e feito. A notificación da bolsa lle chegou a mediados de xuño. Inmediatamente foron ao Rexistro e buscaron outra data: 17 de agosto. Inverno en Arxentina.
“Pero o pasamos moi ben. Tomámonolo como unha festa de despedida coa nosa familia e os nosos amigos”, lembra Agustina entre sorrisos mentres debulla o devir daqueles días nos que houbo que facer de todo mentres se preparaba unha voda: vender o auto, deixar o departamento, arranxar os papeis no Consulado…
De Córdoba a Gondomar
A decisión estaba tomada. Acordaramos que se saía a bolsa nos iamos”, segue Agustina debullando os seus recuerdos. Aínda que sería máis correcto falar de ‘volver’ que de ‘irse’ porque, a final de contas, volvía a casa, á Galicia na que todo comezou hai agora 32 anos.
Porque a historia de Agustina, como a de miles de galegos e arxentinos, técese a través das ondas do Atlántico, nun ir e vir irremediable que non cesa ata que baixa a marea.
De Córdoba a Gondomar, de Gondomar a Córdoba, e outra vez de volta nesa Galicia que lembraba dunha forma case igual á que atopa, cos matices propios da modernidade.
“É curioso ver como aínda hai moitas tendas que xa estaban aí antes”, resalta Agustina falando dese mesmo Gondomar no que o seu pai, Mario, montou unha clínica dental cando ela apenas sumaba un par de anos. Unha vila que rememora acolledora e próxima, como agora, na que permaneceu ata os 18 anos, e nla que naceron as súas irmá. “Os meus papás casaron en 1986. Eu nacín en Arxentina, pero Gala, Marcelina e Nazareth fixérono en Galicia”, relata.
E así foron pasando os anos dunha infancia feliz en Gondomar. Ata o 2006. “A papá lle tiraba a familia, os asados, a terra… A min tocábame empezar a Universidade, e ao final consideramos que era boa ocasión para volver a Arxentina”, expón coa mesma naturalidade e convicción coa que anos máis tarde cambiaría a data da súa voda.
Ao ano volveron a súa nai, Bibiana, e as súas irmás. E en 2008 Mario pechou o círculo: adeus á clínica e volta á Arxentina dos seus soños.
Alí, Agustina licenciouse en Arquitectura e a vida, como sempre, segui abríndose paso.
Aínda que nese camiñar hai moitos roteiros, e algúns, sen sabelo, rematan nun pozo cargado de contradicións. Un espazo tan escuro e tan absurdo que che fai ver normal o extraordinario. E entón, noutro alarde de tranquilidade e sinxeleza, decides volver a Galicia.
A volta a Galicia
E iso foi exactamente o que lle pasou a Agustina. Algo fixo ‘clic’ no seu interior durante unha cea de fin de ano. Os seus sogros puxéronse a narrar unha anécdota: “Roubáranlles o auto”. E inmediatamente todos os que estaban á mesa tiñan historias similares; unha experiencia que contar.
“Era un tema normal de conversación! E non o é. Eu quería formar unha familia, vivir tranquila… Nese momento sentinme fóra de lugar. E analizando o historial político e económico do país dinme conta de que, a corto ou mediano prazo, nada ía a cambiar", expón do tirón, coa agridoce sensación de quen teme “deixar os mellores anos” da súa vida en “algo que non tracciona”.
E non foi fácil. Nunca o é. “Doeunos moitísimo. As miñas avoas , unha tiña 90 anos e a outra, a punto de cumprir 91; o meu marido tiña un avó de 90… Pero estaba decidido. Ao final, se non, se che pasa a vida e ves que non fixeches nada”, apunta.
Así que non o dubidaron. E en canto lle concederon a bolsa BEME iniciaron o camino de retorno, que desta volta os deixou en Lugo, onde Agustina cursa o seu Máster en Dirección de Proxectos. “Lugo foi unha grata sorpresa”, recoñece alguén que, 15 anos despois de marchar, segue redescubrindo Galicia a cada instante.
“Volver a Galicia é volver aos mellores recordos da miña vida, os de alguén que tivo unha infancia moi feliz. Volver a eses recordos éncheche o corazón”, recoñece Agustina.
E o futuro? Xa se verá. Aínda que Lugo podería ser un bo destino. Por agora, os Gianre Patiño gozan do momento en compañía da pequena Olivia: Agustín traballa nunha empresa da zona mentres ela remata os seus estudos de posgrao. E o fan tranquilos, coa calma do que amence cada día co tempo para pensar na súa rutina, tan lonxe e tan cerca daquela Arxentina querida.