- Os tres países con maior número de solicitudes destas axudas foron nos últimos anos Venezuela, Reino Unido e Suíza
Durante moitos meses vos habemos achegando moitas das súas historias. É o relato de Antía Torrado, o de Manuel Tanoira, o de Álvaro Montes ou o de María Loira. Todos eles teñen un nexo de unión, Galicia, e un denominador común: o emprendemento. Porque todos, como moitos outros, elixiron a nosa terra para continuar os seus proxectos profesionais e vitais. Unha meta que en alcanzado, en parte, grazas ao programa de retorno emprendedor que cada ano promove a Xunta de Galicia, e que só durante 2021 facilitou a volta a casa de 315 galegos de todo o mundo.
Así, durante este exercicio, Galicia destinou un millón e medio de euros para as iniciativas emprendedoras presentadas por 146 galegos do exterior, aos que hai que sumar outros 169 retornados que se beneficiaron de anteriores da liña de axudas para paliar os problemas causados pola pandemia. Deste xeito, o goberno galego case dobra a contía inicial das axudas, que era de 800.000 euros, con dúas ampliacións de crédito para apoiar a todos cuantos presentaron solicitudes.
Neste marco cabe destacar que os países que presentaron un maior número de solicitudes foron, durante os últimos anos, Venezuela, Reino Unido e Suíza.
Esta liña forma parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna posta en marcha en 2018 pola Xunta, e prorrogada polo Covid-19 ao longo do 2021.
O programa ten como obxectivo favorecer a volta a casa dos galegos residentes no exterior, de forma que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na nosa terra, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
As axudas son de 5.000 euros, aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se poñen en marcha nun concello rural.