STEAMBites, a nova plataforma de formación online en Ciencia e Tecnoloxía para mozas

  • Impulsada desde o Parque Tecnolóxico de Galicia, a proposta de aprendizaxe está dirixida a alumnos de entre 8 e 16 anos interesados en profundar, de forma innovadora e atractiva, nos seus coñecementos en Ciencia e Tecnoloxía
23
Sep
2020

 

Os novos tempos demandan novas apostas. Un escenario de continuo desenvolvemento e aposta pola innovación no que desde o Parque Tecnolóxico de Galicia están a impulsarse diferentes propostas. Unha delas, en colaboración con Atresmedia Formación, é a creación de  STEAMBites, unha plataforma de aprendizaxe online dirixida a alumnos de 8 a 16 anos interesados en profundar, de forma innovadora e atractiva, nos seus coñecementos en Ciencia e Tecnoloxía.

 

Esta proposta ofrece unha alternativa á formación tradicional, cun punto de partida baseado no convencemento de que hoxe en día se impón un modelo educativo no que se traballa por proxectos, con materias que deben compartir coñecementos. De aí nace o concepto STEAM, acrónimo en inglés de Ciencia- Tecnoloxía- Enxeñería- Arte e Matemáticas, que agora asume como propio esta nova ferramenta online.

STEAMBites ofrece aos estudantes as vantaxes da internet mantendo o espírito da formación presencial. Unha aposta para mentes inquietas, que parte dunha metodoloxía 'learn by doing', baseada na experiencia práctica para penetrarse en contidos STEAM. Para iso, os alumnos terán á súa disposición un kit de materiais específicos para que eles mesmos poidan experimentar, manipular e realizar nas súas casas as diferentes propostas e retos didácticos. O kit permite garantir unha formación totalmente activa, xa que, durante a transmisión online, os participantes poderán realizar as experiencias mostradas de forma simultánea co seu profesor.

Cada semana, tres horas de contidos

O lanzamento da plataforma STEAMBites empeza con dous atractivos cursos que comezan o 1 de outubro e finalizan o 17 de decembro.

  • STEAM 101, de iniciación ao STEAM para adolescentes e mozos (de 12 a 16 anos)
  • STEAM KIDS, para os máis pequenos e pequenas da casa (8 a 12 anos)

Cada semana os estudantes terán acceso a tres horas de novos contidos, que combinarán con retransmisións por streaming e clases gravadas con materiais descargables. Cunha oferta inicial de lanzamento, unha vez completado o curso, o alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

 

Os participantes en STEAM 101 penetraranse, entre outras materias, en ciberseguridad e hacking ético, programación de micoordenadores ou deseño 3D. Aprenderán, ademais, a crear as súas propias aplicacións para móbil de forma rápida e sinxela e descubrirán o mundo da realidade aumentada e virtual grazas ás licenzas exclusivas PROL de Cospaces.

Os pequenos inventores que se animen ao curso STEAMKIDS iniciaranse, partindo do entretemento, na programación a través de Microbit e nos coñecementos matemáticos e científicos de Minecraft. Converteranse tamén en construtores dos seus propios prototipos a través de ferramentas 3D e introduciranse no mundo maker a partir de circuítos con plastilina, postais luminosas, stop motion e hologramas.

Ambas as propostas, cuxa información está dispoñible aquí,contan cun equipo pedagóxico que adaptou os contidos á idade e nivel académico dos participantes. Os estudantes terán unha tutorización individualizada e os profesores acompañaranlles durante todo o proceso de aprendizaxe.

Compartir

Galicia activará a primeira plataforma europea que centralizará toda a oferta formativa e de emprego do sector marítimo-portuario

  • A inicitiva permite o acceso a tres tipos de ferramentas dixitais e identifica os perfís profesionais máis demandados
21
Sep
2020

Puxéronse en marcha a comezos de ano e fai un par de días presentaron xa os resultados. Estamos a falar da primeira plataforma europea sobre oferta formativa e de emprego no sector marítimo-portuario; unha ferramenta pioneira impulsada desde Galicia, e cuxos último detalles están a perfilar os promotores  MarENet, Atlantic Maritime Ecosystem Network, un consorcio de oito entidades españolas, irlandesas e francesas lideradas polo Campus do Mar galego.

Todos eles celebraron a semana pasado, en liña, o seminario internacional Carreiras azuis como estratexia para fomentar a industria azul atlántica, no que debateron sobre as habilidades e coñecementos que deben ter os profesionais dos principais sectores marítimos, tanto dos ámbitos máis tradicionais -construción naval, loxística e servizos de portos marítimos, pesca e acuicultura-, como dos emerxentes, caso da biotecnoloxía azul ou as enerxías renovables.

A nova plataforma está constituída por tres ferramentas dixitais que facilitan o acceso á información xerada respecto a itinerarios, oferta formativa, e ofertas-demandas de emprego no ecosistema marítimo-portuario. “Estas ‘dixital tools’ permitirán integrar toda a información que se xere no proxecto de forma sistematizada, facéndoa facilmente accesible aos potenciais usuarios, así como facilitar a interacción entre os actores da empresa, o mundo da formación, os traballadores, os demandantes de emprego, etc.", explican os responsable do proxecto.

  1. A primeira destas ferramentas está vinculada ás carreiras profesionais e mostrará de forma didáctica en que consiste o traballo e as tarefas técnicas de cinco perfiles profesionais chave de cada un dos segmentos da economía azul que abarca o proxecto. Permitirá aos potenciais usuarios coñecer a formación requirida para un posto, as tarefas para executar, o salario potencial, as oportunidades de progresar nese campo, etc.
  2. A segunda, xa operativa, está vinculada aos cursos e proporcionará información a aqueles interesados en atopar formación e oportunidades de avance das súas capacidades profesionais, ofrecendo información sobre a oferta formativa (regulada e non regulada) para cada un dos segmentos en España, Francia e Irlanda.
  3. A terceira céntrase nos empregos e supón unha oportunidade para aquelas persoas que están na procura de traballo ou prácticas en empresas relacionados coa economía azul.
 Cales son os perfís profesionais máis demandados?

O proxecto permitiu tamén realizar un traballo de campo nos tres países socios no que, a través de enquisas a profesionais dos sectores máis representativos, identificáronse as principais demandas desta industria en canto a formación e capacitación.

  • Na industria do sector da construción naval resulta difícil atopar perfís cualificados no mercado laboral, sobre todo, eléctricos, eléctricos de motor, soldadores, persoal de operacións e de uso de máquinas... Tamén se botan en falta expertos en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), así como persoas con experiencia profesional no manexo e xestión de datos (data science).
  • No sector de portos e servizos loxísticos demándase, sobre todo, persoal con coñecementos en navegación marítima e contaminación mariña; condutores/as de guindastres e de vehículos pesados e tripulantes/capitáns en barcos de prácticos.
  • No caso da pesca e a acuicultura atópanse dificultades para cubrir postos de traballo como capitáns pesqueiros, tripulantes para barcos de pesca, mergulladores...

A razón principal pola que non se atopan estes perfís débese principalmente ao descoñecemento xeral sobre as oportunidades de traballo que ofrece o sector, a falta de atractivo das tarefas para realizar e as duras condicións da contorna laboral.

Máis formación dual e promoción das carreiras azuis

O estudo profunda tamén nas principais medidas que deberían poñerse en marcha para solucionar estas carencias, destacando entre elas a colaboración entre industria e centros de educación, tanto no deseño de programas de formación dual que combinen a teoría coa experiencia práctica, como na promoción das denominadas “carreiras azuis”.

A maiores, tamén se fixo fincapé na necesidade de adaptar os diferentes programas formativos á actual normativa pola que se rexe esta industria e á necesidade de harmonizalos no conxunto da Unión Europea.

Seis segmentos craves dentro da Economía Azul

Todos estes recursos que se están creando e poñendo en marcha no marco do proxecto MarENet, e buscan proporcionar información e conectar a aquelas persoas interesadas en desenvolver ou mellorar as súas oportunidades profesionais nalgunhas das moitas actividades produtivas e servizos que integran o amplo sector da Economía Azul.

 

A efectos operativos, as actividades da Economía Azul que se contemplan neste estudo agrúpanse en seis segmentos:

  1. Construción e reparación naval
  2. Enerxías renovables
  3. Loxística e servizos portuarios
  4. Pesca, acuicultura e biotecnoloxía azul
  5. Transporte, navegación marítima e servizos 
  6. Seguimento, seguridade e vixiancia e turismo costeiro-marítimo 
Compartir

Aulas de ciencia e innovación para os máis novos

  • Nenos e adolescentes de 8 a 18 anos realizarán investigacións, construirán robots programables ou traballarán con drons na Tecnópole galega
09
Sep
2020

Parque Tecnolóxico de Galicia ten posto en marcha o prazo de inscripción para as Steam Kids Tecnópole e Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de entre 8 e 18 años. A matrícula estará abierta ata o próximo 30 de setembro.

STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sexto ano consecutivo, unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía desde unha óptica artística e creativa. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.

O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos campos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real. Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.

Aulas Tecnópole para mozos de 12 a 18 anos

Por su parte, as Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa undécima edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. As prazas están limitadas a 40 asistentes.

Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades.

Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia, a feira científica máis importante de Galicia que promove Tecnópole, e noutros certames nacionais como “Jóvenes Investigadores” do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Compartir

Galicia capta talento para estudar o futuro

  • A Universidade de Vigo incorpora, grazas ao programa Oportunius, a dous mozos investigadores galardoados coas prestixiosas bolsas europeas 'Starting Grant'
  • As súas investigacións afondarán en modelos económicos alternativos e nas interaccións entre xeografía, clima e vida
04
Sep
2020

O programa Oportunius, enmarcado na Estratexia Retorna 2020 promovida polo goberno galego, naceu co obxectivo de xerar, captar e reter talento investigador na nosa terra. Unha meta que volve alcanzar grazas á incorporación, á Universidade de Vigo, de dous mozos investigadores seleccionados nas prestixiosas bolsas europeas ' Starting Grant': Mario Pansera e a galega Sara Varela.

Estas bolsas, outorgadas polo Consello Europeo de Investigación, abarcaron na súa última convocatoria a 436 proxectos gañadores, 23 deles de España. “Son unhas axudas tremendamente competitivas, é como gañar unha medalla nas Olimpíadas”, destaca a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Avermellado. 

Grazas a elas, e o longo do próximos cinco anos, o italiano Mario Pansera levará a cabo unha investigación que ten como obxectivo analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando “novas formas de organizar a produción máis sostibles e xustas”. Pola súa banda, Sara Varela retornará ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies. Ambos os proxectos suman, cada un, 1,5 millóns de euros para o seu desenvolvemento

"Un futuro científico moi prometedor"

“A incorporación destes dous investigadores significa a apertura dun futuro científico moi prometedor e punteiro na UVigo, tanto no ámbito das ciencias sociais, no caso de Mario Pansera, como no ámbito científico, no de Sara Varela”, razoa Avermellado, que lembra que os seus proxectos traerán aparellada a “atracción de máis talento” coa incorporación doutros “investigadores relevantes”, así como “un incremento das publicacións en revistas de prestixio”, que redundará “nun mellor posicionamento nas clasificacións da UVigo”.

Para Pansera, actualmente profesor axudante na Universitat Autónoma de Barcelona supón “unha oportunidade única para acelerar a miña carreira académica”. Prospera ( Prospering without growth: Science, Technolohy and Innovation in a post- growth era) é o nome dun proxecto que, nas súas propias palabras, “abre a posibilidade de crear na UVigo un grupo de investigadores moi ben conectados a nivel internacional” e que foi un dos 126 seleccionados na liña de Ciencias Sociais e Humanidades.

Tras doutorarse en Management pola Universidade de Exeter, Pansera desenvolveu unha estancia post doutoral en Bruxelas, a través dunha bolsa Marie Curie, para logo traballar como investigador na Universidade de Bristol. A investigación e innovación responsable ( RRI) e a innovación para a sustentabilidade centran as liñas de traballo de Pansera, que se incorporará á UVigo a comezos de 2021.

Meses antes retornará a Vigo Sara Varela, actualmente investigadora no Museo de Historia Natural de Berlín. Tras licenciarse en Bioloxía na UVigo e realizar a súa tese de doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, o seu labor investigador levouna á República Checa, Brasil e Alemaña, antes de obter con esta bolsa a oportunidade de “consolidar a miña carreira como investigadora”. “É unha oportunidade única para desenvolver un proxecto multidisciplinar e complexo, que necesita dun equipo grande e estable de investigadores", destaca Varela. 

Clima, xeografía e evolución para predicir extincións

“Facer unha síntese do coñecemento que temos sobre bioxeografía (onde habitan as especies) e evolución (cando cambian as especies) da vida na Terra” é o propósito central do “ambicioso” proxecto que Sara Varela desenvolverá grazas a esta bolsa e que, recoñece, “abrirá novas posibilidades de traballo en Galicia en temas de palomacroecoloxía e palobioxeografía”. A idea, engade, é estudar “como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose os uns aos outros”, cun primeiro obxectivo de xerar “mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, que á súa vez permita “programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida”.

Deste xeito, o obxectivo final, sinala, “é comprobar se entendemos os procesos que xeran diversidade o suficiente para poder predicir onde e cando aparecen e desaparecen as especies”. Para levar a cabo este proxecto, contará coa colaboración do Potsdam Climate Institute alemán e de investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica, Tamén colaborarán no proxecto a ilustradora Cirenia Arias Baldrich e o ‘paleoartista’ Douglas Henderson, o que fará posible divulgar, explica Varela, “non só os resultados da nosa investigación, senón como é o noso traballo día a día”.

Nese senso, está prevista a realización dunha serie de vídeos e dunha exposición sobre a vida na Terra, “para falar do movemento dos continentes no tempo, dos eventos climáticos do pasado e das especies que habitaban o planeta en temos remotos”, na que contarán coa colaboración de Henderson.

É posible prosperar sen crecer?

Partindo da posta en cuestión de se as economías poden crecer eternamente e se ese crecemento económico perpetuo é “factible e desexable”, Mario Pansera centrará a súa investigación en “explorar como sería unha sociedade que prospera sen necesidade de aumentar de maneira indefinida indicadores como o PIB”. O investigador pregúntase neste proxecto se “habería espazo para a innovación nun modelo “poscrecemento”, xa que, ao seu xuízo, “desenredar a innovación do crecemento é a clave para imaxinar unha era” non baseada nun crecemento “insostible”.

Pansera incide nese senso en que innovar tense convertido “nun imperativo para a supervivencia e expansión de calquera forma de organización”, polo que serán precisas “novas narrativas para a innovación”, que vaian máis aló da tecnoloxía e impliquen un “cambio cultural e institucional”. Deste xeito, a súa investigación buscará dar resposta ás preguntas de “como serían as organizacións nun sistema que non se basea nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica podemos alcanzar nunha economía que non crece; e que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma da innovación”. 

Deste xeito, o proxecto seleccionado polo ERC, destaca, “crea as condicións para que a UVigo se poña en primeira liña na investigación sobre economías e organizacións alternativas, centradas no benestar das persoas e non na maximización dos beneficios económicos”, permitindo explorar, “en tempos da covid-19, novas formas de organizar a produción que sexan máis sustentables e xustas”. 

Compartir

Galicia, un fogar para vivir

  • Máis de 46.000 persoas escolleron a nosa terra para emprender os seus proxectos persoais e profesionais durante o ano pasado, cifra que contribuíu a que a comunidade arroxase un saldo migratorio positivo de case 18.000 cidadáns
01
Sep
2020

Por sexto ano consecutivo, Galicia configúrase como unha das opcións preferidas por miles de cidadáns á hora de emprender os seus distintos proxectos profesionais e persoais. Así o reflicten, unha vez máis, as principais estatísticas de movementos de poboación elaboradas polo Instituto Galego de Estatística - IGE, que subliñan que durante 2019 un total de 46.600 persoas optaron pola nosa terra para fixar a súa residencia. 

Unha cifra que contribúe de modo decisivo a que Galicia arroxe, un ano máis, un saldo migratorio externo moi positivo, paliando os 28.853 veciños que optaron por deixar a comunidade. Así, o ano pasado optaron pola nosa terra como fogar preto de 18.000 persoas máis das que preferiron outras alternativas.

Neste marco, convén destacar que a cifra implica un crecemento do saldo migratorio externo do 43% con respecto a 2018, cando xa a diferenza entre entradas e saídas arroxaba un fluxo favorable de 12.391 para Galicia. Non en balde, a diferenza positiva entre os que veñen e vanos da nosa terra é, en 2019, a máis elevada que se rexistra na Comunidade desde o ano 2008.

Así, eses 46.600 veciños -procedentes do estranxeiro ou doutras comunidades autónomas-, que elixiron Galicia supoñen un incremento do 9% respecto ao ano anterior. Esta cifra é a máis elevada desde 2007 e a segunda máis alta de toda a serie histórica de dita estatística.

Cabe destacar tamén que as 28.853 emigracións representan un descenso do 5% en comparación co 2018. Segundo os datos do IGE, a cifra de persoas que saíron de Galicia é a máis baixa rexistrada desde o ano 2010.

Saldo positivo en todas as provincias

A Explotación de Movementos Migratorios revela tamén que en 2019 as catro provincias galegas gañaron poboación grazas aos movementos migratorios co exterior, tendo en conta que en todas elas as entradas de novas e novos habitantes superaron ás saídas.

Así, a provincia da Coruña alcanzou un saldo migratorio externo de 7.950 persoas, ao rexistrar 19.621 entradas e 11.671 saídas; a de Lugo tivo un saldo de 2.334 persoas, con 5.856 entradas e 3.522 saídas; a de Ourense contabiliza un saldo de 2.289 persoas, con 6.204 entradas e 3.915 saídas; e finalmente, a provincia de Pontevedra obtivo un saldo migratorio externo de 5.174 persoas, con 14.919 entradas e 9.745 saídas. 

Compartir

Unha capital para a eternidade

  • Despedimos agosto e, con el, unha parte importante do verán; e facémolo entre as rúas de Santiago de Compostela, que rexistran miles de historias e de séculos, lucindo, orgullosas, a Catedral, punto de encontro do Camiño e destino de millóns de peregrinos
31
Aug
2020

O verán chega ao seu fin e a nosa viaxe conclúe na capital de Galicia, Santiago de Compostela, destino de peregrinación da cristiandade dende o século IX.

Dende as augas do mar Báltico e do mar do Norte, miles de peregrinos camiñaron ata o santuario galego e portaron a cuncha de vieira ao longo de todos os camiños de Santiago, verdadeiros camiños de fe. A todo isto hai que sumarlle que, tanto durante o período románico coma durante o barroco, o santuario de Santiago de Compostela exerceu unha influencia decisiva sobre o desenvolvemento da arquitectura, non só en Galicia, senón tamén no Norte da Península Ibérica.

Antes de entrar na catedral, o ideal é percorrer devagar as diversas rúas da zona vella, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e coñecida popularmente como “a améndoa”. A rúa do Franco, cos seus típicos restaurantes, ou a rúa do Vilar, cos seus soportais, conduciranvos ata o seu contorno. Unha vez alí, achegádevos ata a Praza do Obradoiro e mirade ao voso redor: o pazo de Raxoi, sede da Casa do Concello; o Hostal dos Reis Católicos, actualmente Parador Nacional de Turismo; o colexio de San Xerome, sede do reitorado da Universidade e a Catedral forman un marco excepcional que fará que vos sintades pequenos ante semellante conxunto monumental. O son da gaita de fondo enriquecerá, se cabe, a vosa experiencia pois un gaiteiro adoita tocar baixo o arco do Pazo de Xelmírez, así que, xa sabedes, afinade o voso oído!

Accedede á catedral polo magnífico Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo, onde a súa efixie (coñecida como santo dos croques) e o cómplice “sorriso de Daniel” vos darán a benvida. Percorrede o interior deste templo con recollemento, devagar, sendo conscientes da magnitude desta grande obra, para visitar a tumba do apóstolo. Visitade cada capela e fixádevos nos detalles do seu impresionante altar maior. Podedes aproveitar para escoitar a misa e, cun pouco de sorte, veredes o botafumeiro, un incensario de grandes dimensións que conforma un rito único desta cidade. Sen dúbida ningunha, vós tamén sentiredes o recollemento e a emoción dos peregrinos, unha sensación de  chegar á meta, de desexos cumpridos…

Non deixedes de visitar as distintas prazas que rodean a catedral, como a da Inmaculada ou Acibechería, a da Quintana e a de Praterías, que precisamente está coroada pola única fachada románica que permanece no templo. Por suposto, os nomes destas prazas veñen dos antigos gremios medievais, algo que aínda se conserva, pois podedes atopar distintos establecementos nos que mercar prata ou acibeche, unha lembranza perfecta desta cidade.

Logo deste máxico percorrido, non podedes deixar Santiago sen facer boca nalgún dos seus típicos restaurantes da rúa do Franco. Como podedes ver, cada un deles ten o seu propio expositor no que colocan os mellores manxares das rías e terras galegas: percebes, polbo, centolo, robaliza, tenreira galega e un longo etcétera. Todo isto, por suposto, acompañado dos nosos mellores viños. Como sobremesa, a torta de Santiago, feita con améndoa, é a mellor opción para adozar a boca.

Para rematar a visita a Santiago , nada mellor que achegarse ata a Alameda e ao seu paseo da Ferradura, dende onde teredes unha magnífica panorámica da catedral. Con seguridade, a mellor despedida desta viaxe pola capital de Galicia.

Compartir

Unha aposta polo emprendemento feminino

  • O programa Emega, incluído na Estratexia Retorna 2020, amplía o seu presuposto ata alcanzar os 2 millóns para impulsar iniciativas empresariais constituídas por mulleres
  • Inclúe unha liña complementaria para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, e reforza a sección ‘Activa' para axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa agravada pola pandemia
28
Aug
2020

O programa Emega para incentivar o emprendemento feminino ha aumentado o seu orzamento en case 350.000 euros ata superar os 2,1 millóns co obxectivo de fomentar o autoemprego e o emprego femennio, ademais de facilitar a posta en marcha de mecanismos que permitan a conciliación laboral, persoal e familiar. 

O programa, enmarcado na Estratexia Retorna 2020 do goberno galego, consolídase deste xeito como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade é que aquelas mulleres que teñades unha idea de negocio poidades materializala contribuíndo a xerar riqueza e novos postos de traballo.

Catro liñas específicas
  1. 'Emprende',para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea.
  2. 'Innova', para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres.
  3. 'ITEF', para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.
  4. 'Activa', con incentivos para favorecer a reactivación e a consolidación destes negocios con melloras, ampliacións ou cambios de localización que permitan paliar unha situación económica adversa.

Para acceder a esta última liña flexibilizáronse os criterios sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos, ademais de valorarse o emprego mantido neste período. Desta forma, preténdese garantir a pervivencia das empresas cunha situación económica complicada, que se vise agravada como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus.

O programa Emega conta ademáis cunha axuda complementaria:

  • 'Concilia', para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

Coa finalidade de minimizar os efectos que poidan ter os peches de negocios durante o confinamento nos negocios das beneficiarias do programa en edicións anteriores, o Goberno galego xa modificara as bases da convocatoria de 2018 para que o período de execución do proxecto no canto de ser un mínimo de dous anos sexa desde a súa posta en marcha ata a data de inicio do estado de alarma. Na mesma liña, tamén se previu adaptar e flexibilizar as bases da convocatoria do ano pasado.

Compartir

Galicia ultima un centro pioneiro de innovación en Formación Profesional

  • O complexo, que entrará en funcionamento este mesmo curso académico, contará con dúas coordinacións técnicas de emprendemento: unha centrada no I D i e a outra no emprendemento industrial
27
Aug
2020

 

Galicia continúa dando pasos na aposta pola innovación e a investigación. Neste caso, a comunidade ultima a posta en funcionamento do Centro Galego de Innovación en Formación Profesional, un complexo  pioneiro e vangardista que abrirá as súas portas ao longo de leste mesmo curso 2020/2021 e que contará con dúas coordinacións técnicas de emprendemento: unha centrada na I+D+i e a outra no emprendemento industrial.

 

Para iso, o centro -que supoñerá un investimento total de 9,9 millóns de euros-, contará cunha superficie de 2.600 metros cadrados, con particións flexibles que permitirán espazos intercambiables segundo as distintas necesidades de usos.

Neste marco, fontes de o goberno galego apuntan que se trata tamén dunha construción "eficiente desde o punto de vista enerxético", dado que contará cunha cuberta superior vexetal, sobre a que se estenderá a instalación solar fotovoltaica do edificio, e na que haberá áreas para situar toda a maquinaria de instalacións que se poidan precisar.

Un motor de vangarda da Formación Profesional

 

Polo momento, xa están completas as tarefas de demolición previstas e estanse finalizando as de reforzo da estrutura. Neste marco, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sinalou que o centro vai ser "o motor de vangarda" da Formación Profesional en Galicia, ademais dun "impulsor" do emprendemento.

A aspiración pasa por facer de Galicia un territorio de referencia no ámbito nacional e no norte de Portugal. Para iso, o complexo contará con dúas coordinacións técnicas, unha centrada na I+D+i, con áreas que traballarán en metodoloxías para a industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes; e outra que traballará en emprendemento industrial, departamento que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos, coa previsión de abrir o primeiro viveiro industrial de FP.

Galicia avanza nunha FP adaptada á industria 4.0 co obxectivo de que as empresas poidan contar con persoal cualificado, impulsando desde leste centro proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación e de xeración, e iniciativas empresariais e de transferencia aplicada de patentes; que estarán ao servizo de todos os centros que imparten Formación Profesional na comunidade.

As obras avanzan a bo ritmo e o complexo estará listo este mesmo curso.
Compartir

O faro máis antigo do mundo

  • Continuamos o noso periplo por Galicia saltando dunha cidade a outra: hoxe chegamos á Coruña para admirar a Torre de Hércules
25
Aug
2020

O mes de agosto achégase o seu sin mentres que a nosa viaxe por Galicia continúa. Hoxe chegamos á Coruña para admirar a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo -de orixe romana- en funcionamento, o que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Farum Brigantium foi construído polo Imperio Romano a finais do século I ou a primeiros do século seguinte. Situado na entrada do porto da Coruña, este monumental faro foi deseñado para facilitar a navegación ao longo da recortada costa galaica, un punto estratéxico ao longo da ruta marítima que unía o Mediterráneo co noroeste de Europa.

Segundo conta unha lenda, o heroe grego Hércules chegou a España na busca do xigante Xerión, co fin de liberar estas terras do seu abusivo poder. O enfrontamento que protagonizaron alongouse durante 3 días coas súas noites, con resultado favorable a Hércules que venceu o xigante e lle cortou a cabeza, enterrándoa xunto ao mar. Nese lugar, e como conmemoración da súa vitoria, construíuse un faro, nas proximidades do cal se fundou a cidade de Crunia, nome da primeira muller que habitou o lugar e da cal Hércules se namorou.

Subide as súas empinadas escaleiras e, unha vez arriba, gozade dunha abraiante panorámica da cidade da Coruña e do océano Atlántico mentres o vento zoa con forza. Pero tede coidado de non facer ruído, non sexa que espertedes o xigante... Logo desta panorámica sobre a cidade, percorrede o seu paseo marítimo, visitando as coñecidas praias de Orzán e Riazor, onde o bater do mar nesta zona é todo un espectáculo. Se continuades polo paseo, en dirección ao Parrote, chegaredes ata Porta Real por onde accederedes á zona da Mariña coas súas galerías, polas que A Coruña recibe o alcume de “cidade de cristal”.

Aproveitade para percorrer esta fachada da cidade, onde podedes parar para refrescarvos nalgún dos seus tradicionais cafés, mentres degustades un delicioso xeado artesán. Achegádevos tamén ata os xardíns de Méndez Núñez e logo paseade pola rúa Real, a cal desemboca na praza máis coñecida da cidade, a de María Pita. Alí podedes admirar unha estatua en honor á heroína máis popular da cidade ao tempo que tomades un delicioso aperitivo nalgunha das súas terrazas.

Despedídevos ata outra deste fermoso “balcón do Atlántico” coa sensación de que fostes agarimados non só polo recendo a mar e o vento salgado, senón tamén pola súa xente pois, dende antigo, dise que esta é a cidade onde ninguén é forasteiro.

Compartir

Galicia súmase a 'Radar Covid'

  • A comunidade adhírese á app estatal de rastrexo, que será interoperable con 'Passcovid', a ferramenta galega que xa se atopa en fase piloto co obxectivo de localizar ás persoas que estiveron en contacto con novos contaxiados e achegar información de interese á cidadanía
19
Aug
2020

A loita contra o coronavirus segue. E neste momento, un dos alicerces fundametales reside na capacidade de rastrexar o virus cada vez que se detecta un positivo. Con este obxectivo, Galicia sumouse á aplicación de rastrexo “Radar Covid” que está a desenvolver o Goberno central. A ferramenta engadirase ao sistema “ Passcovid”, que neste momento está testeando na súa fase piloto a Xunta de Galicia, e que será completamente interoperable coa app estatal.

A actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus Sars- cov2, e así conseguir unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución. Neste sentido, “Radar Covid” é unha ferramenta de participación cidadá que, grazas á súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas idóneas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica.

Pola súa banda, a aplicación ‘ Passcovid' configúrase como unha canle telemática e preferente de contacto de residentes e transeúntes en Galicia que, por medio da tecnoloxía Bluetooth e grazas á conexión co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos, permitirá coñecer con precisión a trazabilidad do Covid-19 na Comunidade.

O goberno galego agrupará así nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, incluída a do rastrexo automatizado de contactos, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. Así, a adhesión á app será voluntaria e garantirá a privacidade e confidencialidade dos datos que se insiran na mesma.

Perfil anónimo ou personalizado 

As persoas que descarguen a aplicación ‘ Passcovid', poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo.

No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación co COVID. Se se opta por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ambos os casos, se a persoa usuaria decide, de maneira voluntaria, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciados de acordo á localización da persoa en cada momento. Así, ‘ Passcovid' facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

Compartir