• A Universidade de Vigo incorpora, grazas ao programa Oportunius, a dous mozos investigadores galardoados coas prestixiosas bolsas europeas 'Starting Grant'
  • As súas investigacións afondarán en modelos económicos alternativos e nas interaccións entre xeografía, clima e vida
04
Sep
2020

O programa Oportunius, enmarcado na Estratexia Retorna 2020 promovida polo goberno galego, naceu co obxectivo de xerar, captar e reter talento investigador na nosa terra. Unha meta que volve alcanzar grazas á incorporación, á Universidade de Vigo, de dous mozos investigadores seleccionados nas prestixiosas bolsas europeas ' Starting Grant': Mario Pansera e a galega Sara Varela.

Estas bolsas, outorgadas polo Consello Europeo de Investigación, abarcaron na súa última convocatoria a 436 proxectos gañadores, 23 deles de España. “Son unhas axudas tremendamente competitivas, é como gañar unha medalla nas Olimpíadas”, destaca a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Avermellado. 

Grazas a elas, e o longo do próximos cinco anos, o italiano Mario Pansera levará a cabo unha investigación que ten como obxectivo analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando “novas formas de organizar a produción máis sostibles e xustas”. Pola súa banda, Sara Varela retornará ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies. Ambos os proxectos suman, cada un, 1,5 millóns de euros para o seu desenvolvemento

"Un futuro científico moi prometedor"

“A incorporación destes dous investigadores significa a apertura dun futuro científico moi prometedor e punteiro na UVigo, tanto no ámbito das ciencias sociais, no caso de Mario Pansera, como no ámbito científico, no de Sara Varela”, razoa Avermellado, que lembra que os seus proxectos traerán aparellada a “atracción de máis talento” coa incorporación doutros “investigadores relevantes”, así como “un incremento das publicacións en revistas de prestixio”, que redundará “nun mellor posicionamento nas clasificacións da UVigo”.

Para Pansera, actualmente profesor axudante na Universitat Autónoma de Barcelona supón “unha oportunidade única para acelerar a miña carreira académica”. Prospera ( Prospering without growth: Science, Technolohy and Innovation in a post- growth era) é o nome dun proxecto que, nas súas propias palabras, “abre a posibilidade de crear na UVigo un grupo de investigadores moi ben conectados a nivel internacional” e que foi un dos 126 seleccionados na liña de Ciencias Sociais e Humanidades.

Tras doutorarse en Management pola Universidade de Exeter, Pansera desenvolveu unha estancia post doutoral en Bruxelas, a través dunha bolsa Marie Curie, para logo traballar como investigador na Universidade de Bristol. A investigación e innovación responsable ( RRI) e a innovación para a sustentabilidade centran as liñas de traballo de Pansera, que se incorporará á UVigo a comezos de 2021.

Meses antes retornará a Vigo Sara Varela, actualmente investigadora no Museo de Historia Natural de Berlín. Tras licenciarse en Bioloxía na UVigo e realizar a súa tese de doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, o seu labor investigador levouna á República Checa, Brasil e Alemaña, antes de obter con esta bolsa a oportunidade de “consolidar a miña carreira como investigadora”. “É unha oportunidade única para desenvolver un proxecto multidisciplinar e complexo, que necesita dun equipo grande e estable de investigadores", destaca Varela. 

Clima, xeografía e evolución para predicir extincións

“Facer unha síntese do coñecemento que temos sobre bioxeografía (onde habitan as especies) e evolución (cando cambian as especies) da vida na Terra” é o propósito central do “ambicioso” proxecto que Sara Varela desenvolverá grazas a esta bolsa e que, recoñece, “abrirá novas posibilidades de traballo en Galicia en temas de palomacroecoloxía e palobioxeografía”. A idea, engade, é estudar “como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose os uns aos outros”, cun primeiro obxectivo de xerar “mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, que á súa vez permita “programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida”.

Deste xeito, o obxectivo final, sinala, “é comprobar se entendemos os procesos que xeran diversidade o suficiente para poder predicir onde e cando aparecen e desaparecen as especies”. Para levar a cabo este proxecto, contará coa colaboración do Potsdam Climate Institute alemán e de investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica, Tamén colaborarán no proxecto a ilustradora Cirenia Arias Baldrich e o ‘paleoartista’ Douglas Henderson, o que fará posible divulgar, explica Varela, “non só os resultados da nosa investigación, senón como é o noso traballo día a día”.

Nese senso, está prevista a realización dunha serie de vídeos e dunha exposición sobre a vida na Terra, “para falar do movemento dos continentes no tempo, dos eventos climáticos do pasado e das especies que habitaban o planeta en temos remotos”, na que contarán coa colaboración de Henderson.

É posible prosperar sen crecer?

Partindo da posta en cuestión de se as economías poden crecer eternamente e se ese crecemento económico perpetuo é “factible e desexable”, Mario Pansera centrará a súa investigación en “explorar como sería unha sociedade que prospera sen necesidade de aumentar de maneira indefinida indicadores como o PIB”. O investigador pregúntase neste proxecto se “habería espazo para a innovación nun modelo “poscrecemento”, xa que, ao seu xuízo, “desenredar a innovación do crecemento é a clave para imaxinar unha era” non baseada nun crecemento “insostible”.

Pansera incide nese senso en que innovar tense convertido “nun imperativo para a supervivencia e expansión de calquera forma de organización”, polo que serán precisas “novas narrativas para a innovación”, que vaian máis aló da tecnoloxía e impliquen un “cambio cultural e institucional”. Deste xeito, a súa investigación buscará dar resposta ás preguntas de “como serían as organizacións nun sistema que non se basea nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica podemos alcanzar nunha economía que non crece; e que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma da innovación”. 

Deste xeito, o proxecto seleccionado polo ERC, destaca, “crea as condicións para que a UVigo se poña en primeira liña na investigación sobre economías e organizacións alternativas, centradas no benestar das persoas e non na maximización dos beneficios económicos”, permitindo explorar, “en tempos da covid-19, novas formas de organizar a produción que sexan máis sustentables e xustas”. 

Compartir