• Máis de 46.000 persoas escolleron a nosa terra para emprender os seus proxectos persoais e profesionais durante o ano pasado, cifra que contribuíu a que a comunidade arroxase un saldo migratorio positivo de case 18.000 cidadáns
01
Sep
2020

Por sexto ano consecutivo, Galicia configúrase como unha das opcións preferidas por miles de cidadáns á hora de emprender os seus distintos proxectos profesionais e persoais. Así o reflicten, unha vez máis, as principais estatísticas de movementos de poboación elaboradas polo Instituto Galego de Estatística - IGE, que subliñan que durante 2019 un total de 46.600 persoas optaron pola nosa terra para fixar a súa residencia. 

Unha cifra que contribúe de modo decisivo a que Galicia arroxe, un ano máis, un saldo migratorio externo moi positivo, paliando os 28.853 veciños que optaron por deixar a comunidade. Así, o ano pasado optaron pola nosa terra como fogar preto de 18.000 persoas máis das que preferiron outras alternativas.

Neste marco, convén destacar que a cifra implica un crecemento do saldo migratorio externo do 43% con respecto a 2018, cando xa a diferenza entre entradas e saídas arroxaba un fluxo favorable de 12.391 para Galicia. Non en balde, a diferenza positiva entre os que veñen e vanos da nosa terra é, en 2019, a máis elevada que se rexistra na Comunidade desde o ano 2008.

Así, eses 46.600 veciños -procedentes do estranxeiro ou doutras comunidades autónomas-, que elixiron Galicia supoñen un incremento do 9% respecto ao ano anterior. Esta cifra é a máis elevada desde 2007 e a segunda máis alta de toda a serie histórica de dita estatística.

Cabe destacar tamén que as 28.853 emigracións representan un descenso do 5% en comparación co 2018. Segundo os datos do IGE, a cifra de persoas que saíron de Galicia é a máis baixa rexistrada desde o ano 2010.

Saldo positivo en todas as provincias

A Explotación de Movementos Migratorios revela tamén que en 2019 as catro provincias galegas gañaron poboación grazas aos movementos migratorios co exterior, tendo en conta que en todas elas as entradas de novas e novos habitantes superaron ás saídas.

Así, a provincia da Coruña alcanzou un saldo migratorio externo de 7.950 persoas, ao rexistrar 19.621 entradas e 11.671 saídas; a de Lugo tivo un saldo de 2.334 persoas, con 5.856 entradas e 3.522 saídas; a de Ourense contabiliza un saldo de 2.289 persoas, con 6.204 entradas e 3.915 saídas; e finalmente, a provincia de Pontevedra obtivo un saldo migratorio externo de 5.174 persoas, con 14.919 entradas e 9.745 saídas. 

Compartir