- Máis de 600 galegos universitarios do exterior interésanse por conseguir unha bolsa BEME para estudar un máster en Galicia o próximo curso
- Arxentina dispara o número de interesados nestas axudas, seguida de Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal
Durante os últimos anos fómosvos achegando as súas historias. É o caso de Belén Casal, que cambiou Uruguai por Galicia para volver sobre os pasos da súa familia; ou de Valentina Pita, que naceu en Venezuela, estudou en México, e agora volveu de novo á nosa terra. Ou mesmo o de Soraya María Redondo, galega que partiu ao Reino Unido antes de retornar ao seu Galicia natal.
Son centos de relatos que ilustran un programa que, este ano, segue crecendo: o dos bolseiros BEME -acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-, esas bolsas que promove o goberno galego para impulsar a volta a casa de miles de mozos da nosa terra, galegos de nacemento ou desa Galicia exterior, repleta de fillos e netos daqueles que algún día tiveron que partir.
Un programa que cada ano suscita maior interese entre os mozos da diáspora, e que este ano bateu o récord histórico de solicitudes: máis de 600 universitarios solicitastes praza nalgún dos másteres que ofrece a nova convocatoria.
Como sabedes, estas bolsas destínanse a galegos universitarios residentes fose de Galicia desde hai máis de dous anos ou descendentes de galegos con titulación superior que desexen realizar un dos másteres que ofertan a UVigo, a USC e a UDC en calquera dos seus campus.
O obxectivo é que poidades completar a vosa formación universitaria, continuando despois a vosa vida profesional e persoal na nosa terra.
Todos os beneficiarios das axudas contaredes, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fose fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarvos o voso establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
Por países, cabe destacar que Arxentina volveu ser, do mesmo xeito que o pasado ano, o que maior número de solicitudes iniciou, con 242. Por número de demandantes, os países que presentaron máis candidatas e candidatos foron posteriormente: Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal. Como curiosidade, tamén chegaron solicitudes desde países como Arabia Saudita, Suecia, Australia ou Cabo Verde.
A bolsa, cuxo importe ve dos 7.500 aos 12.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo e segundo o número de créditos a realizar), destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.