• Cada vez máis mozos galegos do exterior animádesvos a voltar á nosa terra para cursar os vosos estudos de post grao, como demostra esta última convocatoria: 687 universitarios solicitastes unha BEME
18
May
2021
BEME Vigo
O secretario de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, cos bolseiros da Universidade de Vigo.

Durante meses fómosvos achegando as súas historias. É o caso de Belén Casal, que cambiou Uruguai por Galicia para volver sobre os pasos da súa familia; ou de Valentina Pita, que naceu en Venezuela, estudou en México, e agora volveu de novo á nosa terra. Ou mesmo o de Soraya María Redondo, galega que partiu ao Reino Unido antes de retornar ao seu Galicia natal.

Son centos de historias que ilustran un relato que, este ano, segue crecendo: o dos bolseiros BEME -acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-, esas bolsas que promove o goberno galego para impulsar a volta a casa de miles de mozos da nosa terra, galegos de nacemento ou desa Galicia exterior, repleta de fillos e netos daqueles que algún día tiveron que partir.

Un programa que cada ano suscita maior interese entre os mozos da diáspora, e que este ano bateu o récord histórico de solicitudes: ata 687 universitarios solicitastes praza nalgún dos másteres que ofrece a nova convocatoria.

Neste escenario, cabe destacar que o próximo curso ofertaranse 200 bolsas, máis que nunca tamén, co obxectivo de paliar as dificultades causadas pola pandemia do Covid-19. Polo momento, desas 687 solicitudes, 470 puideron completar o proceso completo, o que supón un 55% máis que o último exercicio.

Este ano, presentáronse ás bolsas estudantes galegos ou descendentes de galegos de 30 países distintos, destacando Arxentina entre os americanos e o Reino Unido entre os europeos. Cabe destacar que, por primeira vez, recibíronse solicitudes de universitarios de países que, ata o momento, nunca mostraran interese nunha destas bolsas BEME, como Cabo Verde, Dinamarca, Guatemala ou Perú.

Máis de 1,7 millóns

O Goberno galego destina nesta ocasión máis de 1,7 millóns para a captación deses 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñería ou arquitectura, que poderedes cursar os vosos estudos de máster nalgunha das tres universidades da nosa terra.

O importe de ascéndea ata os 7.000 ou 7.650 euros (segundo procedades de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, e destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e mantemento na Galicia territorial. Quen vos matricules nun curso de maior duración (90 créditos) dispoñeredes dun orzamento de ata 11.475 euros (en función, tamén, do continente de orixe). 

No actual curso 2020/21, 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 másteres que ofrecen a Universidade de Santiago de Compostela, a UVigo e a da Coruña. 

Así mesmo, cabe destacar que os beneficiarios destas axudas contades, tamén, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarvos o voso establecemento definitivo na Comunidade. 

Compartir