- A iniciativa implementarase en catro sectores de fabricación crave (metalmecánico, naval, aeronáutico e fabricantes de autobuses) e, ademais, despregará unha rede europea de demostradores abertos de tecnoloxía
O centro tecnolóxico galego Aimen, situado no Porriño (Pontevedra), lidera un consorcio internacional -no que participan 31 entidades de 9 países-, para desenvolver o proxecto PENELOPE, unha iniciativa pioneira para implementar a fabricación dixital de pezas de grandes dimensións.
Trátase dunha metodoloxía de fabricación dixital que permite unha produción máis flexible e precisa deste tipo de pezas. Para iso, as entidades que forman parte do proxecto poñerán en marcha un fío dixital que permite enlazar todas as etapas da fabricación de grandes pezas durante a cadea de valor.
A iniciativa, que conta cun orzamento de case 21 millóns de euros, "pode supoñer un cambio no paradigma actual de produción, xa que abordará de forma pioneira esta metodoloxía", apuntan desde Aimen.
O motivo principal para poñer en marcha este proxecto está na actual complexidade da fabricación e reparación de pezas de gran tamaño. Así, os custos de redeseño e enxeñería son elevados e, con frecuencia, deben facerse constantes cambios para liquidar deformacións que se producen na fabricación das pezas. Iso obriga a recorrer á execución manual de operacións, normalmente bastante complexas.
A solución desenvolvida por PENELOPE consegue un elevado grao de precisión, automatización, calidade e presteza, axilizando o proceso e mellorando a produción en todas as etapas. O gran obxectivo é lograr unha solución global que ofreza un modelo de fabricación "cero defectos", e que mesmo, mediante a intelixencia artificial, permita mellorar a toma de decisións cos datos xerados en cada etapa da fabricación.
Para iso, a metodoloxía apoiarase no desenvolvemento de novas ferramentas dixitais centradas no operario, como son a robótica, a realidade aumentada e os exoesqueletos, que garantan a calidade e precisión para a fabricación de grandes pezas, preservando o coñecemento e habilidades dos operarios.
A idea é implementar este sistema en catro sectores de fabricación "craves", como son o metalmecánico, construción naval, aeronáutico e ensamblaxe de carrocería de autobuses.
Así mesmo, despregarase unha rede europea de demostradores abertos de tecnoloxía (didactic factories) para proporcionar capacidades de formación, perfeccionamento e reciclaxe, así como espazos de innovación , pilotos industriais e infraestrutura tecnolóxica.
Esta rede tamén facilitará o acceso ás tecnoloxías desenvolvidas en PENELOPE ao conxunto das empresas europeas de fabricación de compoñentes de grandes dimensións.