• O Goberno galego incrementa un 7% as partidas sociais de migración: máis axudas a retornados, bolsas BEME de maior contía e unha oficina itinerante no rural
27
Oct
2023

Galicia aposta polo retorno, pola volta a casa deses miles de fillos e netos de galegos que un día que tiveron que partir. E faio con feitos concretos, con programas e accións das que vos vimos falando como as bolsas BEME ou as axudas ao retorno emprendedor.

Neste marco, o Gobinero galego incrementa o próximo ano as partidas de servizos sociais relacionadas cos galegos do exterior. Unha subida que alcanza o 7,3%. e que busca dar resposta a un escenario  no que cada vez máis galegos que residides fóra queredes volver á nosa terra. 

Deste xeito, o ano que vén, tal e como anunciou esta semana o Goberno galego, haberá dous millóns de euros extra para que os retornados poidades facer fronte a situacións sobrevindas na volta a casa. Así mesmo, o financiamento de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) crecerá un 18,6% para financiar gastos como a matrícula de máster a 250 estudantes, cun incremento das contías: eran de 7.000 a 11.400 euros e agora soben de 8.000 a 12.500 euros.

E por se isto non fose suficiente, en próximas datas poñerase en marcha unha oficina itinerante de información polo rural para retornados. Xunto a isto, aumenta o asesoramento das oficinas para ámbitos laborais e tributarios, ademais das cuestións xurídicas xa existentes. Paralelamente, haberá un millón de euros para a actividade emprendedora de retornados.

No tocante ao exterior, as axudas sociais de carácter individual repuntan un 10% ata alcanzar os 4 millóns, permitindo colaborar con aqueles galegos que residides fóra en gastos de subsistencia e emerxencia social. Do mesmo, para os programas de Lei de Galeguidade haberá medio millón máis, ata un total de 3,28 millóns.

Entre outras partidas, refórzase un 10% máis o apoio a entidades de apoio social e sanitario no exterior, con 2,5 millóns.

Compartir