• Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela abre a porta a unha aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico no prazo de tres anos
01
Apr
2024
Sede do CiMUS.

Galicia mantén a súa aposta pola investigación e a vangarda. Un marco no que investigadores do Cimus da Universidade de Santiago de Compostela (USC) avanzan na detección temperá e no tratamento dun cancro cerebral letal, o gliobastoma -un tumor que se orixina no cerebro, de rápido crecemento e agresividade, que afecta sobre todo as persoas maiores- mediante a nanotecnoloxía.

Trátase do tumor cerebral máis común e actualmente non ten cura, cunha supervivencia media que non supera os 14 meses desde o diagnóstico. “Isto débese a que a investigación se focalizou noutros tipos de cancro con maior prevalencia, como o de mama, próstata ou pulmón. No caso dos tumores cerebrais, a falta de investimento levou a que o prognóstico dos pacientes hoxe sexa similar l que tiñan hai varias décadas”, segundo explica a investigadora principal do CiMUS María José Alonso.

A nanotecnoloxía significa para este grupo da USC un enorme desafío que supón levar radiofármacos desde a súa inxección intravenosa ata o glioblastoma. “Aínda que, grazas ao anticorpo monoclonal o radiofármaco debería unirse especificamente ao tumor, para que isto ocorra primeiro ten que chegar ata alí. A gran dificultade que presenta o noso proxecto e que pretendemos solucionar co desenvolvemento de nanopartículas que permitan ao radiofármaco atravesar as diferentes barreiras biolóxicas coas que se atopa. O maior desafío atoparao no cerebro, onde primeiro ten que superar a barreira hemato-encefálica e posteriormente no cerebro ata alcanzar as células tumorais”, sostén Alonso.

Traballo de campo

O traballo dirixido desde o CiMUS da USC ten unha primeira parte de desenvolvemento no laboratorio, na que se ensaiarán diferentes formulacións de nanopartículas e buscarase a solución óptima para atravesar a barreira hemato-encefálica. Ademais, realizaranse as probas de unión dos anticorpos aos isótopos radioactivos para formar o radiofármaco. A primeira fase debería ter como resultado varios prototipos de nanopartículas que sexan capaces de encapsular os radiofármacos.

A segunda parte do traballo, segundo explica o investigador principal do CiMUS, Pablo Aguiar, “centrarase na validación in vivo dos prototipos”. Para iso traballarase con modelos animais de glioblastoma e con equipamento de imaxe de última xeración para comprobar a eficacia en termos de diagnóstico e tratamento. “Primeiro, investigaremos se os nosos radiofármacos son capaces de alcanzar o tumor de forma específica mediante as imaxes de PET e, posteriormente, comprobaremos se os electróns son capaces de eliminar as células tumorais e controlar o crecemento do tumor”, apunta.

Os científicos confían en que os seus resultados mostren un aumento da supervivencia dos animais comparados cos tratamentos convencionais baseados en quimioterapia. A orientación traslacional dos experimentos permitirá xerar evidencia trasladable a un ensaio clínico.

Avanzar nesta liña de investigación podería supoñer un cambio de paradigma no tratamento do glioblastoma e outros cancros de difícil diagnóstico e mellorar notablemente a calidade e esperanza de vida. En caso de éxito, “a nosa investigación podería xerar a evidencia necesaria para poder presentar un ensaio clínico no prazo duns tres anos” aseguran María José Alonso e Pablo Aguiar.

Compartir