• A colectividade galega no país sofre unha das corentenas máis estritas do mundo, que comeza a aliviarse estes días. Cóntanolo Susana Carbia, membro do Consello de Residentes Españois e representante no Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior
  • “Nestas circunstancias, votar vai ser unha odisea”, expón
11
Jun
2020
Cidade de Bos Aires

Arxentina suma hoxe pouco máis de 730 mortos por Covid-19. Con case 45 millóns de habitantes, a cifra é similar á que sufriu, por exemplo, Galicia, a outra patria, a patria moza: 619 falecementos polo virus. Pero aquí, claro, con apenas 2,7 millóns de habitantes. E a pesar de todo, o país mantén unha das corentenas máis estritas do mundo. Tras máis de 80 días confinados, o pobo, entre o que figura unha colectividade de ao redor de 180.000 galegos, comeza a ver un pouco de esperanza.

“Iniciamos unha corentena moi temperá. Houbo tempo para reforzar protocolos en hospitais, equiparse, tomar as medidas necesarias. A contención foi boa, pero a xente agora leva 80 días sen saír a traballar”. O relato corresponde a Susana Carbia, membro do Consello de Residentes Españois ( CRE) e representante no Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior.

Susana non dubida á hora de valorar estas accións. Con todo, bota en falta un acompañamento, o tan manido reforzo económico. “Acá dicimos, se non morres de coronavirus, morres de fame”. Un resumo gráfico dun confinamento maior que o de Wuhan. En días, seguro. E talvez nas normas secundadas.

"ACÁ DICIMOS, SE NON MORRES DE CORONAVIRUS, MORRES DE FAME"

Sábeo Carbia, que continúa o seu relato ganduxando recordos desta época, de catro paredes sempre iguais que requiren de “permisos” para poder ser abandonadas. “A miña sogra tiña a cadeira fracturada. Para asistila, diariamente o meu marido e eu tiñamos que pedir un permiso que dura 24 horas. Non podemos trasladarnos sen el. Hai controis, multas… Comeza a haber manifestacións… Levamos encerrados desde o 20 de marzo.

Un par de días despois desta entrevista, Arxentina entrou en Fase 5, que vén sendo esa que conduce do simple illamento ao distanciamento social. Quedan excluídas a área Metropolitana de Buenos Aires ( AMBA) e outras cinco localidades. Alí, a vida seguirá igual ata o 28 de xuño polo menos. É o medo que dita cada paso. “Temos barrios de emerxencia, onde viven 43.000 persoas. Se o virus entra neles, se explota aí, será un desastre”, expón Susana.

Colas de correo
Colas de correo.

Con todo, o martes foi o día con maior número de contaxios, o que abre unha porta cara ao pasado, á marcha atrás con algunhas das medidas adoptadas, ao retorno a un illamento máis estrito... “A gravidade medirase por camas ocupadas, e por agora imos polo 43%”, chequea Susana.

 

A odisea do voto

Un escenario que complica, e moito, a participación da colonia galega nas próximas eleccións do 12 de xullo. Dá igual que se ampliou o período de solicitude do voto ata o día 16 deste mes; ou que se poida solicitar de modo telemático. O medo é libre e ás veces resulta o camiño máis rápido ao absurdo.

“O outro día envíelle a correspondencia a unha persoa maior. Non a tocaba! Pregunteille o motivo: dixo que tiña que desinfectarla durante tres días”, expón Susana, que non dubida en reclamar algo que levan facendo moito tempo: a substitución do voto rogado por un sistema efectivo que permita, de verdade, a participación cidadá.

E como a can fraco todo son pulgas, entre o 7 e o 10 de xullo, Arxentina pagará, a través de correos, a cota aos traballadores non bancarizados. Algo que, como é obvio, afastará a moita xente das oficinas. Son tantos, que o goberno está a estudar alternativas para pagarlles os próximos reforzos desta axuda ( IFE) co obxectivo de que non se xunte tanta xente no correo e previr contagios.

“Votar vai ser unha odisea. É unha lástima, porque en abril había moita vontade de voto. Parecía que ía haber unha boa participación”, lamenta Susana

Mentres que o fai, continúa marcando marcas que suman días facía a nova normalidade. Esa que talvez permita, máis pronto que tarde, recuperar un pedacito de vida cotiá. Como a dos centros galegos, pechados todo este tempo, e privados así dunha parte moi importante dos seus ingresos por aluguer de instalacións.

“Recibimos apoios da Xunta de Galicia. Pero as entidades están a sufrir moitísimo”, prosegue Carbia, que se conforma, por agora, coas actividades online. Pero non é o mesmo, claro. “Fáltache o contacto, o reencontro, a gastronomía…”. Chegará. Aínda que talvez haxa que esperar máis de 100 días. O confinamento máis longo do mundo. E non é Wuhan.

Compartir