• O sistema busca empregar a xeolocalización dos móbiles ou os datos bancarios para dispoñer de información analítica avanzada sobre o gasto, as reservas, a ocupación e a mobilidade no ámbito turístico
20
Apr
2021

Galicia continúa a súa aposta polas novas tecnoloxías. E nesta ocasión facelo da man do BigData a través da creación dun sistema intelixente co que o goberno galego aspira a coñecer o perfil dos turistas co obxectivo de xestionar datos de ocupación e reservas.

Este servizo, que busca empregar a xeolocalización dos móbiles ou os datos bancarios, permitirá dispoñer de información analítica avanzada sobre o gasto, as reservas, a ocupación e a mobilidade no ámbito turístico, así como a opinión dos visitantes.

A implementación e a explotación dun sistema de BigData turístico enmárcase no proxecto Eurorrexión destino Turístico Intelixente (EDIT), que conta con participación da Axencia Turismo de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e socios socios do Norte de Portugal e recibe apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O prazo de presentación de propostas para a prestación do servizo permanecerá aberto ata o próximo 20 de maio mediante o Portal de Contratos Públicos de Galicia.

Deste xeito, búscase desenvolver unha cultura e un turismo intelixentes, obxectivos enmarcados na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030).

Así, aspírase a consolidar un turismo intelixente en Galicia con solucións innovadoras para facilitar a interacción co visitante e mellorar a súa experiencia. Paralelamente, promoveranse servizos dixitais avanzados en relación co Camiño de Santiago e outros puntos de interese turístico.

Neste sentido, a Comunidade desenvolveu xa a plataforma dixital Smart Camiño, con información a tempo real a través do portal www.caminodesantiago.gal e a app móbil, con información e servizos dixitais avanzados para os viaxeiros.

Compartir