• Coa futura lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial xa no horizonte, a nosa terra impulsa proxectos punteiros, como o desarollado polo IDIS para avaliar, a través da IA, riscos en síndromes de medula ósea
16
Oct
2023

A nosa terra mantén a súa aposta decidida pola vangarda e as novas tecnoloxías. Un espazo no que a Intelixencia artificial ocupa un lugar cada vez máis relevante. Esta materia foi abordada hai uns días no marco da Semana Europea das Rexións, na que os relatores deixaron claro que Galicia é un lugar idóneo para o desenvolvemento desta intelixencia artificial.

Unha afirmación que se sustenta non xa pola recente concesión da primeira axencia estatal de supervisión da iA (a AESIA), senón pola aposta da nosa terra pola transformación dixital, e que agora dá un gran salto coa elaboración, xa en marcha, da lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial en Galicia.

Este escenario permite á Comunidade desenvolver proxectos punteiros, como o método impulsado polo IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) para avaliar riscos en síndromes de medula ósea.

O grupo de Hematología Computacional e Xenómica (GrHeCo-Xen) do IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) acaba de presentar o desenvolvemento dun novo modelo para mellorar a predición do risco dos pacientes con síndromes mielodisplásicos, a través dunha colaboración co Grupo Español de Síndromes Mielodisplásicos.

Esta proposta baséase nunha ferramenta de IA que utiliza datos rutineiros de miles de pacientes para proporcionar predicións de risco máis precisas, comparado cos métodos tradicionais, e que alcanza un rendemento similar a aquelas que incorporan datos extensivos de mutacións no xenoma.

“Este modelo demostrou unha maior capacidade discriminativa en comparación co tradicional e esperamos que se converta nun método amplamente utilizado pola comunidade médica internacional", afirma o doutor Adrián Mosquera, hematólogo do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) e un dos coordinadores do estudo.

As síndromes mielodisplásicos son un grupo de neoplasias da medula ósea que afectan a produción de células sanguíneas sas, levando a problemas como anemia e un maior risco de leucemia.

A neoplasia mielodisplásica é unha enfermidade aínda sen terapias altamente efectivas e, actualmente, o único tratamento curativo para os pacientes é o transplante alogénico de células nai, "pero está reservado para unha minoría de pacientes aptos debido á súa importante morbilidade e mortalidade", sinala o doutor Mosquera.

O traballo, no que se analiza datos procedentes dun total de 7.202 pacientes de 90 hospitais españois, acaba de ser publicado na prestixiosa revista 'HemaSphere', comunicación científica oficial da Asociación Europea de Hematología (EHA), e previamente foi seleccionado como comunicación oral no congreso anual da Sociedade Americana de Hematología (ASH) en decembro de 2022.

Compartir