• A innovación na nosa terra crece ao dobre do ritmo da media española desde 2014: unha de cada catro empresas investiron neste ámbito e a comunidade avanza 34 postos en Europa
23
Jul
2021

A innovación en Galicia creceu case ao dobre do ritmo da media española desde 2014. Unha evolución que, tal e como se desprende do informe 'A innovación en Galicia', elaborado pola Fundación Cotec, sitúa á nosa terra xa no oitavo posto entre as comunidades autónomas españolas.

Para iso, durante este tempo, unha de cada catro empresas investiron en innovación en Galicia, que se consolida como a segunda comunidade autónoma con maior proporción de pemes que colaboran con outros axentes en proxectos de innovación, tan só por detrás do País Vasco. O estudo marca marca o salto de Galicia cara á innovación aberta a partir de 2016, cando pasa a formar parte do 50% de rexións europeas máis colaborativas en proxectos de innovación aberta da Unión Europea.

As universidades e centros tecnolóxicos son as principais fontes de coñecemento para a innovación na nosa terra, que adoptou un modelo rexional de innovación caracterizado por un baixo gasto en innovación empresarial e intensivo en redes de colaboración, que parece estar a dar bos resultados noutras rexións de Europa como Leipzig, Brandeburgo, Alsacia, Gales, Drente ou Utrecht.

Deste xeito, o crecemento innovador galego foi posible grazas á cooperación entre todos os axentes do ecosistema de I D i co sistema empresarial. A compra pública innovadora e fórmulas como as unidades mixtas de investigación e o polo aeroespacial son algunhas das iniciativas pioneiras neste modelo, que agora pon o foco nos fondos europeos para a reconstrución tras a crise do Covid.

A evolución en positivo de Galicia viuse recollida tamén no Rexional Innovation Scoreboard (RIS) 2021 publicado hai unhas semanas por parte da Comisión Europea. Galicia escala 34 posicións en relación co RIS 2019, situándose na posición 156, e mantense como innovador moderado. Dentro de España, Galicia adianta a Asturias, Murcia e Cantabria, logrando situarse na oitava posición entre as comunidades autónomas españolas.

Compartir