• A planta de Vigo de PSA e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia uníronse ao proxecto solidario da tecnolóxica coruñesa Bionix e fabrican unha unidade de impulsión de aire reutilizando compoñentes dos coches
17
Apr
2020
Desenvolvemento de respiradores artificiais Galicia. Foto: Groupe PSA

A industria galega transformouse para loitar contra o coronavirus, empresas que non paran, pero cambian a súa produción para sacar miles de mascarillas ou batas das súas máquinas de coser, e sectores como o da automoción que reutilizan compoñentes dos vehículos para colaborar na fabricación de respiradores para os pacientes de Covid-19. 

É o caso do que está a acontecer en Vigo, onde o grupo PSA e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) traballan no desenvolvemento da unidade de impulsión de aire para os respiradores artificiais que ideou a compañía de alta tecnoloxía Bionix.

Son a colaboración e as sinerxias que se crean entre todos as que se marcan obxectivos e conseguen por en marcha ideas para axudar aos demáis, e iso é o que se está facendo en Galicia, unir forzas,  solidaridade, tecnoloxía e moito talento galego para avanzar o máis rápido posible cara a posible industrialización dun recurso imprescindible para a supervivencia  dos enfermos máis graves.

A tecnolóxica coruñesa Bionix lidera en Galicia un consorcio de empresas volcadas en sacar adiante este proxecto solidario que poida aportar unha solución ás necesidades dos hospitais.

Trátase de que no caso dun posible recrudecimento da pandemia, por á disposición da sanidade, se así o demanda, unha solución que permitiría complementar as capacidades existentes en equipos de respiración cumprindo todas as esixencias de validación médica.

O papel que xogan PSA e CTAG se centra, como explican, en “tarefas de deseño, prototipado e probas funcionais e de robustez, colaborando no desenvolvemento do sistema electrónico de regulación da mestura de oxíxeno co aire e de sistemas alternativos de impulsión de aire”

Para iso aprovéitase a reutilización de compoñentes dos vehículos fabricados na pranta de Vigo, que ofrecen “alta fiabilidade”.

E como se leva a cabo unha empresa de tal importancia? 

O 18 de marzo, apenas catro días despois de que se decretara o estado de alarma, o proxecto de Bionix naceu para paliar un posible colapso sanitario. Constatou a necesidade que hai de respiradores cando as cifras de afectados non fixeran máis que empezar a sumar. 

Ese mesmo día comezaron co deseño conceptual de mecánica, hidráulica e software y o Clúster TIC Galicia coordinou a integración doutras empresas, do sector metalmecánico, da impresión 3D e a electrónica, un “equipazo”. E da automoción.

Respiradores desechables. Foto: Ceaga

Tendo a tecnoloxía, o material e a capacidade de fabricar en serie conseguiron un prototipo asesorados por persoal médico, a Fundación Novoa Santos tamén participa. A compañía ten experiencia na obtención de certificados por parte da Axencia Española do Medicamento e coñece o procedimento para homologar o prototipo, que o pasado 24 de marzo xa foi presentado a responsables da Xunta para o seu ensaio en centros hospitalarios.

Pero é que todo o que veu despois é un paso tras outro de solidaridade e tecnoloxía. Bionix dona o software de forma gratuíta e o consorcio xa conta coas aportacións de Cinfo, Electrónica e Comunicacións, 3DAtlántico, Grupo Caamaño e Tatto Contract, e do sector da automoción do CTAG, PSA, e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

Precisamente desta última colaboración con Ceaga empezaron a producirse as primeiras válvulas dos respiradores de patente galega.

Tres empresas que participaron na Business Factory Auto, da Rede Galega de Aceleradoras, Lupeon, Nort3D e Inmake uníronse á iniciativa sen ánimo de lucro e teñen unha capacidade para fabricar en conxunto 900 válvulas desechables para os ventiladores hospitalarios cada 10 horas.

“Estas tres compañías, competidoras entre si, compartiron recursos para montar en pouco tempo prototipos de válvulas desechables para respiradores, respiradores automáticos e sistemas de protección”, explica Ceaga, que aporta fondos para a compra dos materiais necesarios.

O proxecto apenas ten un mes de vida e continúa avanzando con talento galego, solidaridade e tecnoloxía ao servizo da sanidad. Esperamos poder contar pronto que estes respiradores artificiais se están fabricando en serie para axudar a salvar vidas nos hospitais de Galicia. 

Non deixes de ver o seguinte vídeo do CTAG, que quere agradecer ao seu persoal o enorme esforzo que fan e a súa colaboración en iniciativa solidarias como esta co fabricante de coches PSA para producir respiradores mecánicos.

Compartir