- “En Arxentina fun feliz, pero nunca me terminei de sentir parte do todo. Tardei en integrarme, e botaba de menos Galicia”
- “A Xunta está a investir para darnos un futuro mellor en Galicia, para que quedemos e impulsemos o noso proxecto persoal e profesional aquí"
Gala Patiño camiña tranquila pola facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. É un luns calquera do mes de febreiro. Fóra luce ol sol e o mundo aínda está lonxe de cambiar. Dentro, no salón de actos, comeza unha xornada para os beneficiarios das BEME –acrónimo en galego de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior-, unha iniciativa que cada ano promove o goberno autonómico para que aqueles galegos do exterior que o desexan poidan volver á súa terra a cursar estudos de posgrao nalgunha das universidades da Comunidade.
Gala é unha delas.
“Sempre quixen volver”, afirma coa seguridade de quen leva demasiado tempo agardando ese momento.
Pero a vida ten obligacións e ten pais. Os seus casaron en Arxentina e viñéronse a Gondomar (Galicia), onde Mario abriu unha clínica dental. “Eu nacín en Fátima (centro médico de Vigo)” relata; como tres das súas catro irmás.
E alí, dacabalo entre Vigo e Gondomar, esa pequena vila do Val Miñor, flanqueada pola serra do Galiñeiro e a ribeira do propio río Miñor, viviu unha infancia plena: “Nunca nos preocupamos por nada, simplemente de ser nenos”. Taekwondo, tenis, equitación, viaxes por Europa… Unha lista digna dos Reis Magos.
Tal vez por iso a morriña enganchouse á súa alma cando chegou o momento de partir: “Sempre tiven moita nostalxia por Galicia”. A mesma que o seu pai sentía por Arxentina, polos asados e as fiestas familiares, polo calor que dá sentirse na casa.
Alí Gala fíxose muller, licenciouse en Veterinaria, coñeceu ao que hoxe é o seu marido, Leo Aybar… pero ao final, unha esquinita dela botaba de menos a outra terra; toda a outra terra; ata a choiva e a humidade.
“En Arxentina fun feliz, pero nunca me terminei de sentir parte do todo. Tardei en integrarme, e botaba de menos Galicia”, expón.
Por iso a cada instante tiña na cabeza volver, ou, ao menos, explorar. Australia e Nova Zelanda surcaban a súa cabeza, e a biodiversidade e o coidado do planeta a anidaban. Quería saír, vivir, comprender…
“En Arxentina tiña traballo pero poucas posibilidades de crecer”, resume.
A posibilidade de volver a Galicia
E entón apareceron as BEME, e con elas a posibilidade de volver a Galicia. Outra vez a terra. Aquí leva seis meses cursando o máster en Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela.
“Hai cousas que seguen exactamente igual, e outras que cambiaron moito”, relata. Entón tiña14 anos, agora 27. Media vida dacabalo entre dúas terras: “Alí a inseguridade existe; sempre está a posibilidade de que pase algo. Tes a porta pechada, hai situacións que te levantan sospeitas... Aquí, en Galicia, non valoramos esas cousas, non existen esas ameazas”.
Non no Pedroso, o barrio verde e apacible de Santiago que escolleu para vivir. Precisamente por iso, por verde e apacible. Un bo lugar para disfrutar do campo na cidade. Por diante ten un ano e medio de estudos e investigación, e todo un futuro por facer. Se pode ser en Galicia.
Porque Gala, comola inmensa maioría dos que un día tiveron que partir, goza da terra a cada paso. Con todo, os bos contos de final feliz sempre ofrecen ao lector algunha traba. Papeis, homologación de títulos, permisos de residencia…
Por iso conclúe cunha petición: “A Xunta está a investir para darnos un futuro mellor en Galicia, para que quedemos e impulsemos o noso proxecto persoal e profesional aquí; pero hai cousas que outras administracións terían que mellorar”.
A burocracia daría para calquera outro relato. Máis extenso e máis tedioso. O de Gala, polo de agora, prosegue aquí, na súaGalicia. E o fai con Leo: “Cando nos coñecimos xa lle dixen que quería volver”. O dito: a convicción propia de quen leva toda unha vida agardando ese momento.