• “Pasamos 15 días coa familia en Noia. Mamá tiña ás súas tías, máis de 20 curmáns e máis de 30 curmáns segundos aos que aínda non coñecía. Non nos alcanzou o tempo para velos a todos”
  • Sabrina Dalio Arufe, de Arxentina, estuda un máster cunha bolsa BEME e ten claro que quere instalarse en Galicia
03
Apr
2020

A primeira vez que Sabrina Dalio Arufe pisou Galicia, non lle "alcanzaron" 15 días para coñecer a toda a familia. Un verbo, imaxínense, que nos leva directos cara a América, que nos embarca noutro relato apasionante mecido entre as ondas do Atlántico, que une, entre cadencias, Galicia e Arxentina, a outra patria, a patria chica.

Aa historia arranca en Noia, en 1914, co nacemento de Ventura Arufe, que viviu a súa infancia en branco e negro antes de viaxar co seu papá cara a Arxentina. Tiña apenas 11 anos. A meta, de sobra coñecida; gañar diñeiro, facer fortuna, e volver a Galicia a gozar. Pero os contos, por moito que Disney os endulce, non soen ser tan doados. A bruxa da Bela Durminte da pavor; a madrastra de Brancaneves resulta terrorífica; a Hansel e a Gretel os abandonan os seus pais no bosque...

E algo diso hai neste libro. Ou tal vez non. O certo é que os dous Arufe desembarcaron en Bos Aires convencidos dun éxito seguro, anticipado polos curmáns que agardaban.

Ao outro lado do océano había traballo abundante e ben pagado. As fábricas demandaban empregados, e o país navegaba vento en popa. Calquera podía subirse nese barco.

Pero esqueceron un detalle: había traballo para todo... o que soubese ler e escribir. E naquela Galicia aínda decimonónica, atrapada nunha esquiniña dunha España venida a menos e exposta aos vaivéns da historia, non era extraño atopar mozos analfabetos. Nenos que crecían traballando, sen estudos. O pai de Ventura era un deles.

En resumo, os Arufe non fixeron tanta prata e aos poucos anos o pai emprendeu o camiño de regreso. Decidiu deixar o fillo pese a que este quería volver, aínda que a visión da xente de Noia é que quixo quedar. Xa saben, os contos adoitan complicarse.

Neste, pese a todo, Ventura traballou ye traballou en busca do seu final feliz. Atopouno ao noroeste, en Catamarca, onde coñeceu a Lidia. Casaron e tiveron catro fillos: Héctor, Norma, María Eugenia e Víctor. Anos máis tarde, xa en 1984, María Eugenia casaría con Julio, e así volvemos ao principio, ata Sabrina.

A familia galega

 "A primeira vez que vin a Galicia foi en 2006, grazas ao programa Descubre a túa orixe", relata. Unha iniciativa do Goberno galego -hoxe Conecta con Galicia- que suma 30 anos ofrecendo aos mozos da diáspora a oportunidade de coñecer a terra dos seus pais e avós.

Sabrina non a desaproveitou. E ademais non o fixo soa. "Mamá veu tamén, e cando acabei o programa, pasamos 15 días coa familia en Noia. Tiña ás súas tías, más de 20 curmáns, e máis de 30 curmáns segundos, galegos, aos que aínda non coñecía. Non nos alcanzou o tempo a velos a todos", lembra.

Un plan que comezara a xestarse pouco antes, en Bos Aires, grazas ao esforzo doutra curmá. Esta vez de Cádiz.

"Veu a vernos no 2000. Non nos coñecía, pero aproveitando unha viaxe de traballo, decidiu buscarnos e nos atopou", relata Sabrina, que non dubida en recoñecer que desde ese momento a súa nai contrax unha especie de "obligación moral" para localizar á súa familia galega. Aquela que vira partir ao pequeno Ventura, finalmente para sempre. Porque o seu avó xa non volveu. Levouno un cancro por diante con apenas 46 anos.

A súa nai, por fortuna, puido facelo. No 2000, e agora, en 2019, de novo en compañía da súa filla, que volveu a Galicia da man das bolsas BEME -acrónimo en galego de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-. Unha iniciativa que cada ano ofrece a 250 mozos do exterior a posibilidade de continuar os seus estudos na tierra das súas orixes, facendo un posgrao nalgunha das tres universidades de Galicia ou iniciando aquí a súa Formación Profesional.

O futuro galego

Sabrina, de 30 anos, optou polo Máster en Xestión e Dirección Laboral da Universidade de Santiago de Compostela. Aínda que a especialidade colleuna en Ferrol, onde comparte piso cunha compañeira á espera de que o coronavirus conceda unha tregua. "Estamos facendo distintos traballos e actividades, aínda que tal vez teñamos clases virtuais en breve", apunta.

E recoñece tamén que sempre quixo volver. Porque Sabrina naceu alí, pero creceu cunha parte da súa alma mirando cara a Galicia. Desde os 4 anos bailou sempre en galego, na Sociedade Parroquial de Vedra, en Bos Aires.

Hoxe mira cara atrás coa nostalxia propia de quen se fixo persoa en Arxentina, e cara o futuro coa esperanza daquel que ten claro o que busca: "Instalarme en Galicia". A Galicia das súas orixes; a do seu avó Ventura e a da extensa familia da súa nai; a Galicia "tranquila e apacible"; a que te namora e da que "todo che gusta". Nunha palabra, Galicia.

Compartir