• A obra profunda nos cambios sociais vividos na illa despois da Revolución do 53
26
Apr
2022
Tempo Novo, Editorial Galaxia.

A Editorial Galaxia acaba de publicar, co apoio da Xunta de Glaicia, 'Tempo Novo', novela de Xosé Neira Vilas (1928-2015) sobre a emigración galega en Cuba. 

Unha recuperación dunha obra histórica que, como lembra o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, "ten unha gran importancia para a lingua galega". Non en balde, en 'Tempo Novo' Neira Vilas ofrece unha perspectiva verdadeiramente interesante na historia da emigración galega como é o acontecemento do triunfo da Revolución en Cuba.

En Tempo  novo, o autor de Gres ambienta os seus relatos no período de cambio que se opera en Cuba tras a Revolución de 1953, onde descobre a forte pegada da emigración galega. Así é que ficciona os personaxes que lle son próximos, achegándonos o desarraigamento e as esperanzas nos cambios sociais que se estaban operando, á vez que nos mostra diferentes escenas e costumes dos galegos emigrados, entre os que destaca a imaxe da muller galega, comprometida e implicada no convulso proceso histórico da illa cubana.

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é un dos autores máis singulares das nosas letras. Membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, foi autor dunha extensa obra literaria, da que fai falta destacar Memorias dun neno labrego (1961), unha das novelas galegas máis reeditadas e traducidas, que celebrou o pasado 2021 o seu 60 aniversario.

Compartir