• O Museo do Mar de Vigo alberga ata o 15 de xullo a mostra “O soño cubano da emigración galega”
  • A exposición transita polo recordo da viaxe que levou por centos de miles de galegos á illa, incluíndo desde a súa chegada ao seu retorno, pasando por asociacións, publicacións, proxectos políticos, e a pegada galega que aínda perdura
23
Jun
2020

Entre finais do século XIX e comezos do XX, Cuba converteuse no destino principal, xunto a Arxentina, de miles de galegos que buscaban un soño mellor. Entre 1900 e 1960, ao redor 200.000 galegos arribaron á illa nunha trasfega de idas sen vindas, con familia ou en soidade, empuxados por factores económicos, políticos, culturais e mesmo familiares. Moitos deles conseguiron protección e traballo, creando unha colonia galega que impulsou mercados e negocios, que participou en hostalería, na distribución do alcol, do petróleo ou do leite; que participou do  comercio, da minería ou dos servizos domésticos… E que aínda hoxe perdura, con máis de 44.000 galegos residindo na illa.

Unha historia dacabalo entre dous séculos; unha marea de xentes e relatos que agora chega ata nós en forma de mostra: “O soño cubano da emigración galega”. Unha exposición do Consello da Cultura Galega que nestas datas pódese gozar en Vigo –no Museo do Mar- tras arrincar o seu periplo na Habana hai uns meses. Outra vez os dous lados do Atlántico.

 Porque “O soño cubano da emigración galega” é precisamente iso; a narrativa e o recordo da epopea migratoria que levou por centos de miles de galegos ata Cuba. Unha mostra que abarca desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e a pegada deixada polos galegos na sociedade cubana.

A mostra, en palabras dun dos comisarios, X. M. Núñez Seixas, “permitirá coñecer unha relación que se remonta moito máis atrás e que se acentúa no século  XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana”, apunta Seixas.

Buque no porto de A Coruña.
Gran Teatro de A Habana "Alicia Alonso", antigo centro galego.
La muestra en el Museo do Pobo.

En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (persoas novas, maioritariamente homes, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tivesen alí o seu raizame.

Fotografías, documentos privados e materiais procedentes do asociacionismo galego ilustran esta mostra, que revisa unha destacada e potente relación histórica. Ademais, permite recoñecer o denso tecido asociativo galego desde 1871, unha esfera pública articulada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades  microterritoriales ou de instrución. Nela ecoarán, ademais, os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia desde finais do século  XIX, desde o rexionalismo ata o agrarismo e o nacionalismo.

Galicia-A Habana

A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Buenos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o 9% dos habaneiros nacera en Galicia.

Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se forxaron a principios do século  XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.

A  itinerancia

A mostra inaugurouse na Habana en 2019 en plena campaña para conmemorar o cincocentos aniversario da creación da capital cubana. Alí estivo no que foi o teatro máis importante de América Latina: o gran Teatro da Habana, antiga sede do Centro Gallego. Desde alí  viaxou a Santiago de Compostela, onde se puido ver no Museo do Pobo Galego entre novembro e xaneiro. Agora pódese gozar en Vigo, onde permanecerá ata o próximo 15 de xullo.

Compartir