• Carlos González Siri é uruguaio pero ben podería ser galego, como o seu pai. A gaita acompañouno desde neno e este luns xógase o pase á gran final do programa Got Talent Uruguai
03
Sep
2021
Carlos coa súa filla Delfina.

Toda historia ten un engarce; un fío condutor que guía as madejas do relato, primeiro aquí, logo alá, máis tarde aquí e alá, cruzando, quen sabe, océanos, e perdéndose no barro pasado dunha guerra, de calquera guerra civil. Ese nexo de unión comunica, neste caso, Galicia e Uruguai, terras de diáspora, de galegos que partiron sen deixar, xamais, de ser galegos. E faio a través das notas dunha gaita, a de Carlos González Siri, que nestes días de inmediatez e de espectáculo participa en Got Talent Uruguai, onde cativa a público e xurado simplemente coa súa gaita.

Aínda que atreverse a falar de simple cando hai polo medio talento galego e uruguaio pode resultar demasiado pretencioso. Carlos bota a vista atrás e comeza a lembrar. De pai galego e nai uruguaia que, no fondo, sempre quixo ser galega. “Ela (Nidia Nelly), ía aos bailes do Centro Galego de Montevideo, e soñaba con casar cun galego”, relata Carlos. Do mesmo xeito que logo soñou con ter un fillo que tocase a gaita.

Cousas do destino, ou da perseveranza, un día Nidia coñeceu a Vicente González Cuña, galego do Val Miñor, que en “época de guerra” partiu cara a Buenos Aires e terminou en Montevideo. Carlos lembra en presente a historia, coa normalidade de quen fixo seu algo extraordinario. Pero o certo é que ao fillo de Nidia e Vicente deulle por tocar a gaita, aínda que fose case sen querer.

“Foi todo de accidente. Con 4 anos facía de ‘mascota’ de Míguez, outro gaiteiro. Ía cun bombito chiquito. Un día, cando tiña seis anos, había que ir tocar a outro departamento, en Colonia, cun grupo de baile de Casa Galicia, onde tocaba o mestre Pichel. O meu pai era o encargado do bombo, pero cando tocaba a trompeta, non había quen atendese ao bombo. Así que dixen, deixádeme probar a min. E aí empecei sen querer”, relata do tirón Carlos, xa metido nunha viaxe fugaz que derivou, aos 8 anos, no tambor, e aos 9 anos nos seus inicios coa gaita.

Un traxecto que chega ata o de agora, ata os catro centros galegos de Uruguai -Casa de Galicia, Centro Galego de Montevideo, Val Miñor e Centro pontevedrés-, onde dá clases aos de aquí e aos de alá, “porque galegos nados en Galicia quedan moi poucos”; e ata as semifinais de Got Talent, onde o luns xógase o pase á final.

“Vou ir con bastante máis xente. Son as semifinais e xa é por votación: o máis votado polo público pasa directamente á final, e entre o seguintes tres máis votados, elixe o xurado”, expón Carlos, que non esconde a procura do apoio da colectividade.

Un escaparate para demostrar o que é a gaita

Eses mesmos compañeiros e amigos que, desde o Centro Gallego, animárono a participar no programa. “Recordo que pensei: ‘É un show televisivo, pero é bo escaparate para demostrar o que é a gaita’”.

Meu dito meu feito. Na primeira fase foi con só, tocando unha introdución da Alborada galega que foi alternando con outros temas máis cinematográficos como O Padriño ou A pantera rosa. Unha forma de mostrar que “a gaita é versátil”. O premio, a segunda etapa, onde xa asistiu co grupo Berrogueto, camiño das semifinais deste luns, onde anticipa un espectáculo con outro grupo entre os que figuran a súa filla, Delfina, de 6 anos, que xa escoitaba música de gaita na barriga da súa nai; e Carolina Simoes, a súa muller, “que cando comezou comigo non sabía o que era unha gaita”. Cousas de Galicia e do destino. Quen sabe.

O certo é que todos aqueles que queiran gozar da música de Carlos poderán facelo unha vez máis este luns. E todos os uruguaios que o desexen xa poden votar por el. Basta con enviar un SMS coa palabra Carlos ao 7020.

El só anticipa un espectáculo “variado” –“non podo dicir moito máis-, con gaita, percusión e baile. Unha mostra desa galeguidade universal capaz de atopar o seu espazo en calquera lado. Neste caso, talvez, na gran final de Got Talent. Porque ás veces, os soños terminan por cumprirse. Sabíao ben Nidia Nelly. Sábeo Carlos. Sábeno os galegos de Uruguai

Compartir