- Adriana naceu en Teo antes de emigrar e de volver; un traxecto durante o que foi sumando coñecemento e experiencia para impulsar, co apoio do programa de retorno emprendedor, ‘Imparable’, programa que apoia a outras mulleres para impulsar a súa carreira
Esta historia comeza en Teo, aínda que ben podería facelo noutro lado. En Londres, en Montreal, en Dubái, México ou Canarias. Que máis dá. Ou talvez si que importe, porque aquí, en Galicia, en Teo, en Santiago, “vívese moi ben”, como recoñece nosa protagonista, Adriana Lueiro Espantoso, galega universal, como moitos, como tantos, como todos aqueles que un día tiveron que emigrar, noutro século en branco e negro, ou en presente, con cores e internet, e que ao final volven, retornan, porque a terra, para que enganarnos, tira. Sobre todo, se se vive tan ben.
Pero nese ir e vir buscando o lugar de cada cal, o relato pode dar moitas voltas. As suficientes, polo menos, como para converterse en ‘Imparable’, nunha corrente de ideas, de esforzo e de traballo capaz de arrastrar a moitos outros. Como é o caso, valla a redundancia, de ‘Imparable’, o gran proxecto vital de Adriana, que terminou Comunicación Audiovisual sendo apenas un nena camiño da madurez, ou unha muller aínda demasiado nova.
“Ao terminar a carreira, en 2013, o panorama era desolador. Non tiña nin idea de como buscar un traballo; iso é algo que non che ensinan na escola nin na universidade”, subliña Adriana, que aos poucos foi comprendendo intangibles e certezas, como que “enviar un currículo non é algo que funcione”, ata que por fin deixou atrás Teo.
“Aos 20 anos fun por primeira vez fóra de España”, prosegue, resumindo o relato da súa vida coa sinxeleza de quen xa pasou por aí. Primeiro de Erasmus a Francia, logo a Málaga, máis tarde a Londres. A City gustoulle, pero cando acabou as prácticas “seguía sen saber como buscar un traballo”.
Cun inglés “un pouco macarrónico”, atopar unha boa opción profesional resultaba “complicado”, polo que optou pola hostalería para manter a súa estancia en Londres. Alí coñeceu tamén á súa parella: “Ela estudou na London Business School, e si que lle ensinaban como buscar un traballo”, sinala Adriana. Cousas tan básicas como que “os salarios se poden negociar”, por exemplo.
Con todo, observándoa, a nova galega tampouco tiña claro que aquel estilo de vida fose o seu: “Non quería poñerme a traballar nunha oficina; ela entraba ás 9 da mañá e saía ás sete da tarde”.
E entón, case sen buscalo, chegou o que buscaba. “Estaba a buscalo sen darme conta. Eu deixara o meu traballo para ir viaxar por Asia durante uns meses e estando alí, sentín que por fin estaba a vivir a vida que eu quería e non me imaxinaba volver atrás. Entón vin a oferta de traballo na internet e aí souben que tiña q conseguilo fose como fuse”.
Esta oferta acabou sendo o seu primeiro traballo online: asistente virtual para un blogue español. Un desempeño que lle permitiu, ao mesmo tempo, viaxar por Latinoamérica, Estados Unidos e Canadá. O roteiro, o traxecto, físico e vital, conduciuna a Montreal, onde mudouse coa súa parella un par de anos.
Alí, máis preto sen sabelo da meta, seguía traballando para os seus clientes: Project Management, Online Business Management… Viviu así un proceso de aprendizaxe que terminou por facer dela o que é, permitíndolle comezar a axudar a emprendedoras dixitais. “Pero unha e outra vez contactábanme mulleres que ao final non facían nada. Dáballes unha información valiosa pero non a aproveitaban. Frustrábame tanto iso que me puxen a investigar. A estas mulleres non lles bastaba con ter a claridade sobre os pasos para tomar, senón que tiñan un problema de confianza e seguridade. Deime conta de que o problema se estendía a máis ámbitos”, expón Adriana.
O NACEMENTO DE 'IMPARABLE'
Que sucedía entón? “Que nos libros cos que me formaba estaban escritos por homes, e non se abordaban temas como a falta de seguridade ou a confianza, cuestións máis recorrentes nas mulleres. Isto animoume a solucionar o problema, e empecei a formarme tamén con mulleres: fixen un curso de coaching e lin material escrito por mulleres”, responde.
E así naceu ‘Imparable’, un programa destinado a mulleres profesionais e emprendedoras que busca que poidan decidir que queren facer coa súa vida profesional, crer que poden facelo e ter un plan para logralo.
Unha iniciativa impulsada grazas á liña de apoio ao retorno emprendedor, que cada ano promove a Xunta de Galicia para axudar a montar os seus propios negocios a todos aqueles galegos que un día tiveron que partir.
O de Adriana permitiu axudar xa a mulleres de todo tipo, de perfís moi diferentes: desde paradas ata empregadas de grandes multinacionais ou emprendedoras do mundo dixital. “O curso funciona para todas porque trata temas universais”, resume á vez que recoñece que empezou o proxecto antes da axuda de retorno emprendedor, pero que grazas a esta puido “investir en material online, gravar vídeos e atraer máis xente”.
E todo, por suposto, desde Galicia, desde Santiago, onde decidiu volver coa súa parella. Talvez porque o inverno en Montreal é demasiado duro; talvez porque a terra sempre tira; ou talvez, e simplemente, porque “aquí vívese moi ben”. Máis se cabe, se podes cumprir o teu soño e axudar a outras a alcanzalo.