• O Centro Espanhol e Repatriaçao de Santos tivo que cancelar a celebración do seu 125 aniversario a causa do coronavirus
  • A colectividade galega e española comeza a rexistrar os primeiros casos de contaxios
  • Desde o Consello de Residentes Españois en Sao Paulo, Amanda Barrio nárranos a situación que atravesa o estado brasileiro, e aproveita o escenario preelectoral para pedir un cambio normativo: “O noso non é un voto rogado, é un voto implorado”
03
Jun
2020
Celebración de un aniversario en el Centro Español de Santos.

Esta historia, ou parte dela, comeza co primeiro día do ano 1895. E faino nun lugar inopinado: un anuncio calquera nun diario calquera da cidade de Santos. Aquel texto foi escrito por José Bojart e tiña como obxectivo fundar unha sociedade española, un lugar de encontro para esas mareas de sombras que alternaban o branco co gris constituíndo durante décadas o relato da emigración galega e española.

125 anos despois daquel 1 de xaneiro, o Centro Espanhol e Repatriaçao de Santos dispoñíase a celebrar tan insigne aniversario. Non un calquera, senón ese. O que simboliza, aglutina e reúne os recordos dun século enteiro xa pasado e un cuarto doutro aínda por pasar. “Ía ser o 28 de marzo cunha gran celebración. Había máis de 400 persoas convidadas”, lembra Amanda Barrio Estévez, que vive en Santos e é membro do Consello de Residentes Españois en Sao Paulo e do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior.

A culpa, xa o imaxinan, tívoa o coronavirus. Apenas uns días antes, o 24 de marzo, o gobernador de Sao Paulo, João Doria, decretaba un confinamento voluntario -“sen multas”-, que desde entón cumpre ao redor do 60% da poboación do estado.  

Unha mensaxe de prudencia que entra en conflito co que lanza o presidente Bolsonaro, que avoga por seguir traballando á vez que considera o Covid-19 “o destino de todo o mundo”.

Hoxe ese destino camiña desbocado, con Brasil batendo récords e sumando, en apenas 24 horas, máis de 1.200 mortes polo coronavirus. O país chora ao redor de 33.000 vítimas desde o inicio da pandemia. E só en Sao Paulo contabilízanse preto de 8.000 falecidos, reconta Amanda coa seguridade de quen relata a súa propia historia. “Estamos a padecer dous virus: o Covid-19 e o presidente”.

Primeiros casos na colectividade

O certo é que as cifras non pairan de crecer, día a día, minuto a minuto, de suspiro a suspiro. “Esta semana empezamos a coñecer os primeiros casos de contagios entre españois e galegos. O virus está cada vez máis preto de nós”, prosegue Amanda. Tanto, que case é posible seguir o seu rastro no boca a boca. Como no caso de Enrique, pertrechado entre as catro paredes da súa casa, e contaxiado a pesar de todo. “El non saíu, pero recibiu a visita da súa sobriña…”, lamenta Amanda.

Máis de medio ano despois de saltar á opinión pública –que lonxe queda hoxe aquel mercado de Wuhan-, se algo sabemos do coronavirus é que non fai demasiadas distincións. Resulta algo así como un virus proletario, que non entende de fronteiras e expándese facilmente se non se toman as medidas oportunas. Aos poucos, a súa sombra crece, ata o punto de paralizar unha rexión, un país, o mundo enteiro.

Hospital Vitória (Santos)

Brasil non ía resultar un caso aparte. Este mesmo martes, a OMS alertaba que o foco do virus situouse en Latinoamérica. Así, mentres Europa acumula semanas de ‘ desescalada’, alén do Atlántico mantéñense medidas e restricións por igual.

“Non se reabriu o comercio. Con todo, a praia estaba enche esta fin de semana, e as prazas case a lume de biqueira”, prosegue Amanda un relato cargado de preocupacións: “En Santos case non quedan prazas de hospitais. E a asistencia sanitaria non é como en España. Hai xente que espera 8 ó 9 meses para facer un exame”.

Mentres tanto, a cidade transita nun duermevela. Como o Centro Espanhol, pechado desde antes da gran festa e ata hoxe. “Hai clases de español e de baile por internet, pero o aluguer da instalacións para festas non se pode facer”, apunta Amanda. Ou como o centro de maiores Rosalía de Castro: “Estamos a achegar as doazóns ás casas dos anciáns”.

Un voto implorado

Esta situación, como é lóxico tamén afecta o proceso electoral xa en marcha.

O do voto rogado é complicadísimo. O correo, tradicionalmente, non funciona. E agora é aínda peor co tema da pandemia. O goberno español debe buscar unha alternativa que facilite que a xente poida votar. O que hai agora, máis que un voto rogado, é un voto implorado”, lamenta Amanda.

E faino desde a súa casa, onde suma xa 73 días confinada. “Non sabemos cando será o final”. O que si que sabe é o que fará cando todo isto pase: “Cando termine, faremos a festa pendente. Aínda máis grande que a que tiñamos prevista”. A final de contas, 125 anos non se cumpren todos os días. Tampouco na época de Covid.  

Compartir