• Os nados en 2022, tamén dos que retornastes, teñen dereito a unha tarxeta da que, ata o momento, beneficiáronse 78.000 familias recibindo unha axuda de 100 euros ao mes
29
Dec
2021

Se volviches a Galicia durante este ano e a túa familia crecerá en 2022, aquí tes unha boa noticia. O goberno galego vén de aprobar unha nova edición da coñecida Tarxeta Benvida, destinando máis de 32 millóns a facilitar facer fronte ao incremento de gastos que calquera nacemento comporta.

Unha tarxeta que, como sabedes, tamén está pensada para todos aqueles que retornastes á nosa terra, e que vos permite afrontar gastos fundamentais como a compra de alimentos infantís, os cueiros, a roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacia.

Desde a súa creación no 2016, a Tarxeta Benvida achegou  a máis de 78.000 familias unha axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do bebé. Isto supón que oito de cada dez nenos nados durante este período tiveron acceso á mesma. Para acceder á Tarxeta Benvida durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros percápita .

En 2018, a Tarxeta Benvida estendeuse ata o terceiro ano de vida do recentemente nado para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. Así, para a primeira ou o primeiro fillo concedíanse 600 euros anuais; para a ou o segundo, 1.200 euros anuais; e para a ou o terceiro e sucesivos, 2.400 euros anuais.

Xa no ano 2019 habilitouse a posibilidade de que a Tarxeta Benvida solicitásese durante o embarazo, para que non fixese falta esperar ao nacemento para comezar os trámites. Deste xeito, para as familias que escollen esta opción, o prazo medio de espera para obter esta prestación pasou de dous meses e medio a un mes.

E en 2020, introducíronse catro novidades:

  • Un complemento do 25 % para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes
  • Un complemento para as familias numerosas, de forma que os terceiros fillos e sucesivos perciban 2.400 euros anuais desde o nacemento ata os tres anos
  • Facilidades para a presentación de solicitudes por parte dos galegos retornados
  • E a posibilidade extraordinaria de ampliar a Tarxeta Benvida ata os catro anos para as familias en situación de especial vulnerabilidade
Compartir