• O Goberno galego activa unha liña de axudas de carácter extraordinario para traballadores por conta propia e microempresas con actividades especialmente paralizadas polo Covid
09
May
2022

Se es autónomo e queres traballar en Galicia, agora tes unha gran oportunidade. A aposta polo emprendemento converteuse nun dos grandes eixos de actuación do Goberno galego nos últimos tempos. Cada ano convócanse diferentes programas e liñas de actuación que buscan promover o emprego por conta propiaconsolidar negocios e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e persoal.

Entre estas iniciativas, acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para paliar as consecuencias que o Covid tivo en determinados sectores que viron paralizada a súa actividade en 2021. A nova orde, dotada con 2,7 millóns e que aspira a beneficiar a unhas 1.200 persoas, diríxese a traballadores por conta propia e microempresas con actividades económicas especialmente afectadas pola pandemia.

Entre os principais requisitos para acceder a estes apoios figuran que as persoas traballadoras autónomas e microempresas desenvolvan actividades especialmente paralizadas pola crise sanitaria. Entenderanse como tales, aquelas que detectasen unha caída de facturación de polo menos o 65% no ano 2021 con respecto a 2019, quedando excluídas as actividades que contaron con axudas específicas de diferentes departamentos da Xunta como a hostalería, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais como orquestras, entre outras.

Os emprendedores retornados que se atopen nesta situación poderán solicitar estas axudas.

As axudas directas teñen como finalidade o mantemento da actividade económica e do emprego nas empresas que tiveron que parar por mor da pandemia. Para axudalas, prevense apoios de entre os 1.000 e os 12.000 euros, segundo os ingresos por facturación que as entidades solicitantes acrediten do ano 2019. A maior contía corresponderá ás firmas con facturación superior aos 30.000 euros en 2019 e a menor para facturación igual de entre 4.000 e 5.000 euros.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 3 de xuño e as peticións deberán formalizarse a través da Sede electrónica da Xunta.

Compartir