- Cantís e praias de augas tranquilas, viñedos e piñeirais, pobos mariñeiros, portos deportivos, pazos con xardíns ao bordo da auga e o que para moitos é o mellor da rías, unha espléndida gastronomía con sabor a mar
Contan que as Rías Galegas, eses longos brazos de mar que penetran na terra, son a pegada dos dedos de Deus que, tras crear o mundo, apoiou aquí a súa man para descansar. E talvez sexa certo, pois nos preto de 1.500 km de costa que van de Vigo a Ribadeo, as rías constitúen un fenómeno singular, un agasallo do ceo para gozar da terra.
De leste a oeste, de norte a sur, das Rías Altas ás Rías Baixas, cada ría galega é un refuxio que alberga todo un mundo de riquezas naturais. Cantís e praias de augas tranquilas, viñedos e piñeirais, pobos mariñeiros, portos deportivos, pazos con xardíns ao bordo da auga e o que para moitos é o mellor da rías, unha espléndida gastronomía con sabor a mar.
Co comezo do verán imos viaxar ás Rías Baixas, que transcorren entre Baiona e Fisterra. Son as rías de Vigo , Pontevedra, Arousa e Muros-Noia. No seu litoral recortado, os tramos de costa acantilada, rochosa e brava, encadéanse con amplos areais aos que se pode acceder desde terra, seguindo a ampla rede de estradas, ou desde mar, aproveitando os numerosos portos.
Desde o punto de vista climático hai que destacar a existencia de temperaturas suaves durante boa parte do ano e a abundancia de precipitacións ao longo do outono e inverno. Iso propicia o desenvolvemento de amplas masas forestais que rezuman verdor e que o viaxeiro observa a primeira vista.
Á riqueza e variedade do seu medio natural hai que unirlle a ampla gama de produtos do mar ou da terra, de peixes, mariscos e viños que fan a delicia de calquera gastrónomo, e que se poden degustar tanto nas cidades máis importantes, como Vigo ou Pontevedra, como nas numerosas vilas mariñeiras.
A amante da arte atopará nas Rías Baixas numerosos lugares nos que deterse: castros, igrexas románicas, góticas ou barrocas. Pazos ou magníficos museos, como os que se atopan en Pontevedra, Vigo ou Bueu, poderán ser visitados en función do tempo de que se dispoña.
Ademais as festas e romarías que se suceden ao longo do ano, especialmente durante o verán, permitirán ao visitante penetrarse no máis profundo das tradicións e crenzas galegas.