• Esta nova iniciativa, impulsada pola Secretaría de Emigración e a Fundación Ronsel, busca acompañar no desenvolvemento dos seus negocios a aqueles galegos que volven a casa
19
May
2021
Emprendimiento

Calquera proceso de retorno leva sempre aparelladas moitas claves. Unha delas, tal vez a máis importante, pasa pola consolidación dun marco laboral estable. Neste escenario, moitos dos que decidides volver a Galicia apostades por impulsar, co coñecemento adquirido, os vosos propios negocios. E cando falamos de emprendemento, nunca está de máis contar coa experiencia e o consello daqueles que xa afrontasen unha situación similar. 

Neste marco, nace o programa MERLO, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración e a Fundación Ronsel, que ten como obxectivo acompañar a aqueles galegos que volvedes á nosa terra para promover os vosos negocios

Para iso, MERLO ofrécevos o asesoramento de mentores que vos axudarán a consolidar os proxectos empresariais. Deste xeito, o programa favorece a inclusión social, o aproveitamento e a posta en valor das oportunidades que ten Galicia para calquera emprendedor que volva a casa. 

O mellor asesoramento

Os participantes no Programa MERLO recibiredes asesoramento experto nas áreas de negocio que máis necesitedes, entre as que cabería destacar: estratexia e planificación empresarial, administración e finanzas, área xurídica-legal, tecnoloxía, informática, operacións e produción, recursos humanos, comunicación, márketing ou xestión das vendas.

Este asesoramento baséase na metodoloxía de mentoring experiencial no que a Fundación Ronsel foi pioneira e é referente en Galicia, mediante a cal os mentores transfiren o seu coñecemento e experiencia aos participantes contribuíndo ao seu crecemento persoal e profesional, pero sen intervir na toma de decisións.

O perfil dos beneficiarios de MERLO son emigrantes retornadas a Galicia que procedan doutros países e que, no momento da inscrición, residan e desenvolvan unha actividade profesional ou teñan un negocio en marcha na nosa terra.

Ofrécense 90 prazas que serán outorgadas por estrito orden de inscrición ás persoas que cumpran os requisitos citados. As inscricións están abertas desde onte, 18 de maio, ata o 18 de xuño e realizaranse a través da propia web do programa MERLO.

Deste xeito, o programa ofrece o apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de forma que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, explica o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

QUE É UN MENTOR EXPERIENCIAL?

Compartir