- As entidades e casas galegas de todo o mundo multiplican as súas accións solidarios ante a pandemia. Hoxe contámosvos algúns exemplos
Todo comezou nun momento insospeitado nun mercado calquera de Wuhan. Un virus con nome de robot que veu cambialo todo, aínda que ao principio non nolo queriamos crer. Era pouco máis ou menos que unha pneumonía. Ou iso quixemos entender. E así, case sen darnos conta, o mundo parouse. Primeiro China, despois Europa, máis tarde América… actual foco dunha pandemia, por agora, irremediable.
Estas semanas achegámosvos a situación que se vive en Arxentina, co confinamento máis longo do mundo; o galope do virus en Brasil; a desesperanza que atravesa Venezuela; ou o orgullo de Uruguai, un dos lugares onde mellor combateuse ata a data ao Covid-19.
Todos países con importante presenza da nosa colectividade, que tamén sofre moitas veces sen remedio, coas casas galegas pechadas e privadas da súa esencia e os seus ingresos. Unha situación que, a pesar de todo, non parou a alma solidaria de calquera galego, de aquí ou de alá. A leste ou alén do Atlántico. Esa vocación común de axudarse e axudar. Unha onda solidario galega que se expande por todo o continente.
Como a do Centro Galego de La Plata, que cedeu as súas instalacións ao Hospital Español de A Prata para puidesen ser utilizadas en caso de necesidade. Ou a do Centro Galicia de Buenos Aires, que tamén puxo ao dispor do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e da Municipalidade de Vicente López as súas instalacións para o que as precisen. Ou a promovida pola Asociación Echando Raíces de Buenos Aires e a súa entrega de “Bolsones solidarios” (alimentos).
Unha onda solidaria que chega tamén a Nova York, onde a Casa Galicia doa comidas a hospitais, ou o Club España de Newark – Nova Jersey, leva a cabo unha campaña de recollida de alimentos para xente sen recursos. Ou a Nova Jersey, onde o Centro Ourensán súmase ás campañas do Banco de Alimentos.
Pero a onda non se para e chega a Venezuela, onde a Irmandade Galega de Caracas ofrece información sobre asistencia consular, medidas preventivas e recomendacións, e segue traballando no plan de medicamentos para os fogares que máis o necesitan. E a Uruguai, onde o Centro do Val Miñor de Montevideo colabora co Consulado Xeral de España para a elaboración da base de datos de persoas vulnerables nesta crise do coronavirus.
Estas son algunhas das iniciativas que está a promover a colectividade. Non todas, seguro. Simplemente unha mostra, a modo de exemplo, da solidariedade galega en todo o mundo.Tamén en época de Covid.