• Finalmente, 12.359 galegos do exterior (o 2,6% dos que tiñan dereito) solicitaron o voto para as eleccións do 12 de xullo
  • A cifra, inferior á dos comicios suspendidos de abril, pon de manifesto as dificultades sobrevinas pola actual pandemia, pero tamén derivadas do sistema de voto rogado
29
Jun
2020

Houbo un tempo no que a galeguidade podía acudir ás urnas ágilmente, sen ter que someterse ao actual proceso, que xa resulta confuso desde o nome: o voto rogado.

Tan rogado que dos 2.697.375 galegos con dereito a voto o 12 de xullo, 463.163 residides no exterior. Destes, 12.359 (un 2,6%) sodes os que solicitastes o voto finalmente.

A cifra, que supón un retroceso de máis de 3.000 votantes só con respecto ás eleccións de abril suspendidas por mor da actual pandemia de coronavirus (entón solicitarades o voto 15.642 galegos do exterior), pon de manifesto dúas dificultades: dun lado, a propia crise sanitaria e social derivada do Covid-19; doutro, a ineficacia do voto rogado

As dificultades dun sistema ineficaz

Unha eficacia que veu denunciando a propia galeguidade desde estas páxinas. "O do voto rogado é complicadísimo. O correo, tradicionalmente, non funciona. E agora é aínda peor co tema da pandemia. O goberno español debe buscar unha alternativa que facilite que a xente poida votar. O que hai agora, máis que un voto rogado, é un voto implorado", lamenta Amanda Barrio, membro do Consello de Residentes Españois en Sao Paulo. 

Na mesma liña pronúnciase, desde Arxentina, Susana Carbia, membro do Consello de Residentes Españois e representante no Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, que demanda a substitución do voto rogado por un sistema efectivo que permita, de verdade, a participación cidadá.

Secúndaa Roberto González Perez, presidente da Federación de Centros Españois en Venezuela, que lembra que pediron en numerosas ocasións a eliminación deste voto rogado ao Goberno español

Como o fixo tamén o até agora secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, que en numerosas ocasións manifestou que "a única maneira de devolver aos españois do exterior o seu dereito a participar nas decisións sobre o futuro da súa terra" é a eliminación deste sistema. "A experiencia móstranos que o voto rogado é un proceso ineficiente que impide, de facto, exercer o dereito a voto a miles de galegos", expón Miranda. 

As cifras, unha vez máis, constatan que non lle falta razón. Desde a súa implantación, este sistema mostrouse ineficaz: a abstención creceu en todas as consultas por encima do 90% do censo. En Galicia, supuxo unha redución de máis do 25% xa nas autonómicas do 2012.

Compartir