- Un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos, demanda perfís relacionados con Big Data, e un 42,5% de compañías con liñas de negocio no ámbito da Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia
O sector TIC empregaba a 19.343 persoas en Galicia en 2020, cun crecemento do 1,9% no último ano. Configurábase xa, así, como un dos sectores económicos que mellor resisten na actual conxuntura económica, marcada pola crise sanitaria e económica derivada da pandemia. Neste escenario, lonxe de contraerse, a industria mantén a súa capacidade para xerar emprego. Segundo un estudo sobre talento dixital levado a cabo polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, o emprego xerado polo sector tecnolóxico entre 2015 e 2020 aumentou 23,3% e, de seguir a evolución actual, o sector TIC de Galicia crearía máis de 4.500 novos de traballo no próximos cinco anos.
A día de hoxe, o 14,4% das empresas TIC de Galicia conta con perfís relacionados cos servizos na nube (Cloud) e unha 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato ( big data). Así mesmo, unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da Ciberseguridade Internet das Cousas (IoT), a industria 4.0 e a automatización e o 6,6% das empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.
Neste escenario, cabe destacar que o sector contrata aínda máis homes que mulleres en todos os niveis educativos. A brecha é maior (máis do dobre de homes) cando se trata de persoal con formación en especialidades STEM. Así, un 27,1% do persoal con titulación universitaria en STEM das empresas tecnolóxicas son homes fronte ao 11,9% de mulleres.
Así mesmo, o estudo constata a dificultade existente no sector TIC de Galicia para contratar persoal titulado nestas carreiras. Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren este tipo de titulacións, o que nos mostra que a demanda de persoal e expectativa de crecemento do emprego de perfil STEM na empresa TIC galega é forte.
Perfís profesionais
En relación á demanda específica de determinados perfís profesionais, cabe resaltar as novas necesidades de contratación que están a xurdir no sector ao amparo das tecnoloxías disruptivas: Os datos son a nova materia prima, e requiren talento dixital que xestione a información e xere valor engadido a partir da análise dos datos. Un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data.
Así, o incremento das ciberamenazas na internet require perfís capacitados para desenvolver solucións e implementar medidas de seguridade que as freen. UI un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da ciberseguridad demanda perfís dixitais especializados nesta materia.
Ademais, un 41% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito das tecnoloxías verdes require profesionais STEM no campo da economía verde e circular que permita a transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.