• Coa paulatina reapertura do roteiro xacobeo, Galicia lanza unha App móbil para axilizar a burocracia e controlar os fluxos de peregrino
31
May
2021

Os tempos cambian e evolucionan. E o peregrino tamén o fai adaptándose ás novas tecnoloxías. Un marco delimitado pola pandemia e no que Galicia pon ao dispor de todos os que esteades interesados en volver ao Camiño a aplicación móbil Credencial Dixital do Peregrino.

Unha ferramenta que vos permitirá selar mediante códigos QR a Compostela, o documento que certifica completar polo menos 100 quilómetros a pé ou dacabalo (200 se se fai en bicicleta) do Camiño de Santiago.

Deste xeito, quen peregrines a Santiago poderedes levar no voso dispositivo unha credencial do Camiño coa que acreditar a súa peregrinación e obter a Compostela mediante o escaneo de códigos QR, que atoparedes en diferentes puntos do itinerario, como parroquias e albergues.

Esta credencial dixital non fai desaparecer a tradicional cartolina que consta de dezaseis páxinas que se abren en forma de acordeón, xa que ambas convivirán. Deste xeito, compleméntase a credencial tradicional co obxectivo de mellorar a experiencia da peregrinación no que se refire a evitar contactos interpersoais non imprescindibles e axilizar as selaxes.

A aplicación está dispoñible para a súa descarga para dispositivos Android e iOs en galego, castelán e inglés, e ademais permitirá coñecer con antelación a afluencia de camiñantes que chega á Oficina do Peregrino en Santiago, o que axudará a mellorar a atención e regular o fluxo de peregrinos que se dan cita para recoller a Compostela, evitando colas.

Esta nova ferramenta enmárcase no proceso de transformación dixital da Oficina do Peregrino, que tamén puxo en marcha recentemente un sistema de rexistro en liña que permite que o peregrino introduza con antelación os datos necesarios para a obtención da Compostela, evitando a manipulación de papel.

Compartir