- A Cidade das TIC estrea o Galaxy Lab, un novo centro de experimentación no que se traballa no desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados que poderán transportar persoas ou paquetes transformando a mobilidade das cidades
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) inaugurou na Coruña o seu centro de experimentación avanzada en Intelixencia artificial aplicada á mobilidade aérea urbana, a enerxía intelixente e a dixitalización da industria, o primeiro destas características en Europa.
Estas novas instalacións, denominadas Galaxy-Lab, contaron cun investimento de 1,9 millóns e sitúan á nosa terra á vangarda da investigación no que á mobilidade do futuro refírese. As metas son aplicar a intelixencia artificial á mobilidade aérea urbana, a enerxía intelixente e a dixitalización da industria.
Para levar a cabo este traballo, cóntase cun edificio de máis de 1.000 metros cadrados dotado dun centro de control de voos; unha zona de voo interior reconfigurable; un laboratorio electrónico; espazos para montaxe, test e verificación; taller de mecanizado; impresión 3D e soldadura SMD e zona de deseño e desenvolvemento con postos de traballo de oficina, salas de reunións e almacén.
No exterior creouse unha gran gaiola de 15 metros de altura e 225 metros cadrados de superficie cunha rede de seguridade que permite realizar probas de voo exterior de sistemas aéreos non tripulados con maior axilidade e total seguridade, xunto a un 'vertipuerto' para o despegamento e aterraxe vertical de drons.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que estas instalacións fan de Galicia "un referente na experimentación con drons". Neste sentido, o obxectivo é adaptando o uso de vehículos aéreos non tripulados ao mercado, desenvolvendo drons que poidan prestar servizos de transporte na estrada, que se apliquen a temas de saúde entre hospitais e centros sanitarios para o traslado de mostras de sangue ou outro tipo de necesidades, ou que sirvan tamén para a mobilidade das persoas con aerotaxis.
Á hora de implementar estes usos, os expertos consideran que o emprego de drons para o transporte de paquetes tardará moi pouco en chegar, dado que tanto en Europa coomo en América xa se usa en paquetería lixeira. Posteriormente, comezarán a empregarse en traslados de mercadoría máis pesados, por exemplo entre porto e buques. Os aerotaxis poderían ser visibles cara a comezos da próxima década, primeiro con pilotos, e xa, sobre 2035, sen eles.