• O goberno galego suma distintas actuacións e programas para facilitar a volta a casa dos galegos que residides no exterior, entre elas, as bolsas BEME, que o próximo curso alcanzarán as 250 prazas
20
Jun
2022

Galicia aposta polo retorno, pola volta a casa deses miles de fillos e netos de galegos que un día tiveron que partir. E faio con feitos concretos, con programas e accións das que vos vimos falando como as bolsas BEME ou as axudas ao retorno emprendedor. Diferentes liñas e actuacións que suman máis de 5,5 millóns de euros de investimento.

Neste sentido, cabe destacar que as medidas postas en marcha pola Administración galega para apoio ao retornado permitiron que, desde 2018, volvan a casa 25.000 persoas.

Unhas actuacións entre as que destaca o programa de bolsas BEME, que este pasado venres celebraba o tradicional acto de entrega de diplomas. Grazas a esta liña, desde o 2017 retornastes á nosa terra para estudar un máster 1.150 mozos que residías no exterior ou descendentes de galegos. Ante o aumento da demanda deste tipos de bolsas -na convocatoria de 2021 houbo o dobre de solicitudes (470) que de prazas (200)- a Xunta decidiu incrementar de cara ao próximo curso 2022-2023 o número de beneficiarios ata os 250, medio centenar máis que a última edición.

Un total de 200 mozos procedentes de 19 países obtiveron unha bolsa BEME na convocatoria de 2021. Deles, 25 son galegos que emigraron fóra da comunidade e as e os 175 restantes son fillos, netos, bisnetos ou tataranietos de emigrantes galegas e galegos. A idade media dos bolseiros e bolseiras desta última convocatoria foi de 29 anos e Arxentina, España, Venezuela, Brasil, Uruguai e Cuba foron os países de orixe con máis persoas beneficiarias.

Ademais do programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, a Xunta conta con outras axudas para facilitar o retorno dos galegos no exterior como unha liña de achegas para aqueles que regresen á Comunidade para emprender, dotada de 1,5 millóns de euros no 2021 e que desde 2013 permitiu dar apoios a 500 iniciativas emprendedoras. Ademais, os retornados podedes optar a axudas para facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do voso regreso á Galicia, unha liña que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

Unha serie de medidas que fomentan o retorno e que permiten encarar o problema do reto demográfico que vive Galicia e o resto do país. Para reverter esta situación, a Xunta conta con outras iniciativas como a Tarxeta Benvida ou a gratuidade das escolas infantís para todos os nenos e nenas a partir do próximo curso.

Compartir